A casualidade de ter nacido na Piroga (Bamiro-Vimianzo) no inverno de 1951, foi por mor do traballo itinerante dos meus pais. Mais axiña regresei á terra da súa orixe, á parroquia da Graña (Covelo-Pontevedra), onde pasei a infancia, e onde aprendín as primeiras letras nunba escola do rural. Volvo de novo á Terra de Soneira, á Ponte do Porto (Camariñas), vila que escolleran os meus proxenitores como residencia permanente. Aquí vivo a adolescencia e boa parte da xuventude. Continúo a escolarización e comezo a facer o bacharelato por libre, que logo rematarei na Coruña, cidade na que cursei a carreira de Maxisterio. Rematada esta, principiei a actividade docente nesa mesma urbe, ampliando ao mesmo tempo estudos de Pedagoxía. Despois de pasar un curso no Baixo Miño, en Goián (Tomiño), chego a Coristanco, ao CP "Alcalde Xosé Pichel", onde desenvolvín toda a miña vida profesional, o que me levou a establecer a residencia en Carballo, alternada, por cuestións familiares, con Muxía.
A maior teima que tiña nos primeiros anos de docencia, sobre todo ao chegar a Bergantiños, era a búsqueda dunba nova metodoloxía para impartir a clase que supuxera unha ruptura coa escola tradicional. O descubrimento da psicoloxía de Piaget, da pedagoxía de Freinet e Paulo Freire, e a integración nos grupos de traballo do Movemento Cooperativo da Escola Popular, cambiou por completo a miña visión sobre a educación e a metodoloxía de aprendizaxe, pero tamén me achegou unba nova visión da realidade e do mundo.
Nesta nova escola na que imperaba a cooperación, a creatividade e a investigación, facíase imprescindible o coñecemento da contorna do alumnado, mais tamén a elaboración de novos materiais didácticos para impartir a clase.
Deste xeito naceu o meu interese polo coñecemento do medio e a implicación en proxectos docentes para elaborar materiais curriculares de lingua galega e coñecemento do medio, publicados polas editoriais Casals, Vía Láctea, Xerais, Edebé ou A Nosa Terra.
A experiencia educativa desenvolvida cos alumnos e alumnas de Coristanco, xunto cos materiais elaborados para impartir a docencia, foron expostos en seminarios didácticos, en encontros, en simposios, escolas de verán, en xornadas de ensino ou en cursos de formación do profesorado. E deron como froito o libro A cultura popular en Coristanco.
As experiencias vividas nas comarcas de Soneira, Nemancos e Bergantiños, espertaron o meu interese polo coñecemento da Costa da Morte, esa rexión modelada polo man do Atlántico. Cada espazo vivido supuxo un territorio a descubrir, a coñecer, a compartir con outras persoas que sentían ese mesmo afecto pola terra na que habitaban, e pola que loitaban para protexer e divulgar o seu patrimonio.
Todo isto levoume tamén a formar parte da Fundación Gonzalo López Abente, do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte ou do Instituto de Estudos Bergantiñáns, e á planificación de rutas e publicación de folletos, cadernos e libros sobre este finisterrae atlántico.
[Febreiro, 2014]