Sulma
Arias

CRONICA DUNHA SEMENTE EN URANTIA

Primavera-Infancia

Na primavera renace todo á Vida, principian os ciclos na Natureza, as sementes que están na terra, no "humus", saen á Luz. Agroman as flores entre a neve. Como semente que son, como nena das estrelas. Saio á Luz neste planeta, cal viaxeira que aterra. Na madrugada do 7 de Marzo de 1953.
Son acollida no seo dunha familia humilde labrega dun lugar chamado Fontei. No concello da Rúa de Valdeorras, ao Oriente de Ourense. Escollín por nai a Manuela Arias Arias e por pai ao meu avó, alcumado por "Xarola" ou "O Carboeiro"; o pai natural, coñecino na miña xuventude. E vén sendo un M. Martínez de la Fuente de Ferrol.

Nese ano en China nacían as persoas serpente, en México segundo o calendario maia as persoas xaguar e no calendario caldeo os peixes. Cal herculina nacín preparada para as 12 probas do heroe da lenda grega, disposta a pasar o limiar da porta, o proceso iniciático da vida. E cal iniciada, a primeira proba foi a parálise infantil aos tres meses. A aventura das viaxes cara a Madrid, Ponferrada, a Horta e o Xardín da Casa Grande. As operacións, os quirófanos, os aparellos, O Hospital do Neno Xesús. As tías sanguíneas e as de filiación. A tía Luísa, o reiseñor da familia, a tía Laila, que me levaba ás festas, a tía Toña (a madriña) que co tío Crisanto me levan a Madrid.

Percorrín desde os catro anos até os once varias escolas. A da Maruxa, a da Charito, a da Lolita, no verán, as monxas e a Academia da Carmela.

Vivín rodeada de animais; de meniña tiña unha gata que me gardaba durmindo aos pés do meu berce: en canto choraba ía avisar a familia. As pitas, o Morito, un cabalo moi especial co que vivimos fermosas aventuras os meus curmáns mais eu, nas estacións daquel tempo. Os cadelos, Piñón e Pistón. As cabras e as ovellas, os marraos ou porcos, as vacalouras, os vagalumes. Aprender a nadar na Reza la no río Sil ou na Perna da Lagoa.

Verán-Xuventude

O verán é a expansión, os días máis longos do ano, é o agostar do centeo e do trigo trimesino, é a sega e a seitura a malla, as vacacións para os que aproban o curso. A Aventura, o espertar de Eros, a festa, a alegría, o coñecemento de novas amizades, as viaxes cara ao interior de Galiza, o mar. O ir a Somoza para abrir o apetito e visitar o Tío Rumbando e a tía Carmen.

Fago o ingreso por libre no Instituto Gil e Carrasco de Ponferrada e estudo por Libre até 3º de bacharelato entre a escola da Odulita e a Academia de Don Pedro. O Bacharelato Superior fago nas alemás, unha congregación de monxas dese país. E C.O.U. e selectividade no instituto Gil e Carrasco. Por aqueles anos 70 fíxenme da asociación dos Cigurros na Rúa. Coñecín a Camacho no Instituto de Ponferrada. E vivín a primeira folga de estudantes en Ponferrada.

Fixen os estudos de Maxisterio na Escola Normal de Ourense pola especialidade de ciencias físicas, matemáticas. Anos convulsos, tanto políticos, como persoais. As probas foron moitas. Ao rematar Maxisterio púxenme a traballar como artesá no barro e na madeira, ía polas feiras vender o material. Co que fixen marchei para Barcelona e participei no movemento de renovación pedagóxica de Cataluña. Reclamando máis escolas e postos de traballo. Fun representante do movemento asembleario e conseguimos mais de 1.000 postos de traballo. O enfrontamento co Casals, o delegado de Educación, pagaríao caro cando no 1985 volto a Galiza.

Debido a tantas intervencións cirúrxicas prodúcese un proceso dexenerativo e teño que vir de volta á casa familiar. No ano 1990 retomo o ensino en Galiza e aos tres anos intentan expedientarme por dar as clases en galego; deféndeme o actual delegado de goberno en Ourense. Como represalia póñenme nas oficinas da Delegación de Educación en Ourense, en Normalización Lingüística con Calviño. Xubílome por enfermidade no ano 1994.

Reencóntrome con antigas amizades. A poeta Chus Pato coa que pasei moitos veráns en Traba, na provincia da Coruña, o pintor Alexandre, o escultor Luis Borrajo e a súa muller, o pintor Largo Torres e a súa muller Marga. Os irmaos de Dios. Na Universidade con Mercedes Suárez, con Cid Sabucedo e un longo etc. Incluído o finado pintor Quesada.

Outono-Albar

Os outonos son para apañar a colleita dos froitos na súa sazón. A luz do verán chegou ao seu cénit e os días comezan a ser mais curtos. As follas ocres e cárdenas tinguen as paisaxes dos soutos, das viñas, das carballeiras das devesas. Arrecendo do ar a mosto e castaña: é a época do castañal, retorna o curso escolar, retorna a vida á urbe e á cosmópole.

Desde a miña xubilación fago con máis xente varias campañas. Formo parte dos Movementos alternativos na Universidade de Vigo e colaboro na edición dun libro. Estiven no Claustro da mesma Universidade cando foi a súa constitución. Levei a Campaña do topónimo de Ourense como coordinadora. Fun Tesoureira da Mesa pola Normalización Lingüística. Vicepresidenta da Asociación de Ridimoas. Redes Escalatas e Amigos da República, dúas organizacións ás que pertencín e nas que traballei.

Publico o poemario Muller de Vidro, que se reedita un ano despois. E fago unha editorial propia que se chama "a pena d'agua edicións". Hai nela publicados os seguintes libros: Muller de Vidro, As Ondas do vento e o Cristo da Ascensión de Prada, Sintoniza con la magia de la geometría e Suspiros del alma.

Traballei na radio Levando un programa en Onda Cero co nome de "A Voz no Tempo" durante 3 anos.

Actualmente vivo en Roblido e estou intentando rematar a rehabilitación dunha casa, materna en Fontei. Son socia do Camiño de Santiago de inverno e colaboro co periódico O Sil. E neste momento investigo na zona para sacar dous libros meus: un poemario e unha novela.

Escribo por amor e por alegría. É algo que veño facendo desde os 16 anos. Cando me vén a inspiración teño que poñerme a iso, porque do contrario vai estar eí sen retirarse. Para o meu ser é importante comunicarse co resto de almas que viven neste planeta. Formamos parte dun Universo pleno e cheo de Vida en constante creación e nós somos os instrumentos polos que a Conciencia se expresa.

[Marzo, 2010]