Martiño Maseda
Puxéronme de nome Martiño, se cadra relacionado coa etapa temporal na que nacín, mes de novembro dun xa remoto 1970. Recibín os primeiros grolos de existencia no manancial da Chaira; concretamente na parroquia vilalbesa de Xoibán, onde aprendín a amar esta Matria mamando na foula da terra a enxebreza inmaterial da lingua que me constitúe e que me define.
Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, unha anomalía coma outra calquera e por causa da cal me flaxelo a diario escribindo en galego. Aínda que o realmente esencial é a perpetua necesidade de sentirme escritor e poeta.
Colaborei, ás veces, con artigos de opinión no suplemento A Chaira de El Progreso, en Sermos Galiza, no portal Galicia Dixital ou no Terra Chá, Xa! E afirmo ás veces, porque a aplicación do concepto “de balde” agregado ao eido da cultura xa resulta obscena.
Tamén exerzo de Activista Cultural (que nunca deixe de medrar o ser famento de cultura), o que me levou a ser un dos impulsores principais de certames literarios, coma o Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO, o Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, ou o Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, dentro da realización anual do Magosto Cultural CALDALOBA. Ademais de ter participado na organización por algúns recunchos desta inmensa Chaira de eventos culturais, coma o Día de Rosalía, o Día da Poesía, o Día do Libro ou o Día das Letras Galegas. Activista Político (hai moito lixo que varrer). E a finais do 2016 creei a weblog Culturalia GZ, coa que busco un espazo de Cultura Plural para o Suxeito Colectivo, e que administro desde aquel momento.
Participo habitualmente en recitais poéticos, ou noutros que fomenten a promoción da cultura en todos os ámbitos (publicacións en revistas literarias, xurado de premios literarios etc.).
Levo máis de dúas décadas adicando fragmentos de tempo existencial ao pracer da escrita, o que concedeu o privilexio de verme gañador de distintos certames literarios nos campos da poesía e da narrativa na Galiza ou fóra dela:
Privilexio completado polo nacemento de varios fillos literarios, con nomes tan variados coma os seguintes: os relatos Todo por unha teima, O mercenario e Omnisciencia, e os poemarios Diario dun ser perdido, Nos labirintos da alma, Entre as paredes do silencio, Fotogramas da desfeita, Xeografía da desolación, Ti, (Des)Amor, A linguaxe das palabras rotas, Mapa de xeografía emocional e Teatro de marionetas.
Aínda que fican pendentes de publicación outros, cando menos física, dado que oralmente xa aproveito eu a continxencia propicia para concederlles a liberdade comunicativa que precisan.
Dunha combinación de palabra e música, xunto ao músico Marcos Maoxu, xurdiu a gravación dun disco chamado Crack, onde van musicados varios poemas extraídos dos meus libros.
A principios do 2020 fundei canda a outras persoas a Asociación Cultural Caldaloba, da que fun socio e presidente ata abril de 2021. Durante ese período na Asociación Cultural promovín a iniciativa de coeditar xunta Alvarellos Editora o libro MANIFESTO 25 N. Trinta Voces Pola Eliminación da Violencia Contra a Muller.
Na actualidade ando preparando e deseñando obras literarias (de distinta índole) e algún proxecto artístico-cultural, dos que agardo a súa materialización entre o 2022 e o 2023, ano este último no que celebro un cuarto de século do primeiro premio literario acadado.
A través de Culturalia GZ promovín, coa coordinación de Beatriz Dourado, como conmemoración do 8 de Marzo, a publicación a principios de 2023 do libro colectivo IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria, editado por Alvarellos Editora, no que oito autoras actuais renden homenaxe a algunhas das mulleres máis destacadas na Galiza o período das Irmandades da Fala (1916-1936).
Desde comezos deste 2023 tamén colaboro en actividades culturais (presentacións de libros, conversas literarias, organización de certames etc.) coa Biblioteca Rural San Martiño de Pino, que depende da Asociación Cultural e Recreativa de San Martiño de Pino (Cospeito).
Coincidindo coa data do 25 de novembro, promovín a publicación dixital a través de Culturalia GZ da obra 25 N VOCES CONTRA O MACHISMO, na que oito autoras amosan a súa perspectiva de loita contra a lacra social da violencia machista.
[Decembro, 2024]