David
Pobra

Bautizado como David Pérez González, adoptei coma sobrenome nome o topónimo polo que a xente me identificaba en Compostela. Nacín na Pobra do Caramiñal un 14 de febreiro de 1981. Comecei a escribir relatos dende que era un pícaro e logo na adolescencia achegaríame tamén á poesía, gañando diversos certames de ámbolos dous xéneros en varios centros de ensinanza secundaria do país. Non sería ata rematados os meus estudos universitarios que volvese a presentarme a un certame de creación, resultando gañador durante dous anos consecutivos (2008 e 2009) no certame para creadores novos convocado pola Xunta de Galicia. Catro anos máis tarde, no 2013, volvería a acadar un premio de prosa, o IV Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira.

Licenciado en filoloxía galega e filoloxía hispánica, e con outros títulos especializados en literatura, coma o Diploma de Estudos Avanzados no departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, ou o curso de Experto en Espacios Culturais e Creación Literaria, exercín coma profesor de lingua e literatura galega e española durante un par de cursos na ensinanza secundaria, e tamén exercín como profesor e avaliador dos cursos Celga de lingua galega. Na actualidade traballo coma profesor visitante na Universidade de Granada, desenvolvendo as labores de docencia e de axente cultural propias dun lector de lingua galega.

Teño traballado en diversas montaxes de teatro, con algunha incursión tamén no mundo do audiovisual. A miña formación teatral levouse a cabo de forma paralela aos meus estudos universitarios, en grupos coma a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela ou no grupo da Asociación Cultural Bicodobrelo, chegando a gañar con esta última compañía dous premios no certame para creadores novos da Xunta de Galicia na súa modalidade de teatro. Destacar entre as montaxes premiadas a realizada en torno á obra de Manuel Núñez Singala: Comedia Bífida, pois o éxito da mesma fixo que a editorial Galaxia nos contratase para ir de xira con esta montaxe por toda Galicia, dando así o paso cara a profesionalidade neste oficio ao tempo que desempregabamos unha labor de gran relevancia lingüística e cultural, xa que a obra aborda a problemática dos prexuízos que moitos galegos aínda teñen en torno á lingua galega. Tamén destacar o feito de terme encargado da adaptación da outra montaxe premiada: Matilde, unha adaptación en clave de xénero da obra Pedro y el Capitán, de Mario Benedetti.

Noutra orde de tarefas relacionadas co mundo literario, teño colaborado con reseñas críticas nalgúns medios coma a revista Grial e máis o seu anuario de estudos, e formo parte do consello de redacción da revista Dorna (na que tamén colaboro como poeta) e da editorial alternativa Estaleiro Editora.

[Setembro, 2013]