Clara do
Roxo

Clara do Roxo

Filla de emigrantes galegos nacida en Caracas, Clara do Roxo volveu a Galicia con dez anos de idade, viviu en Tui, Mos e O Porriño e na actualidade reside en Vigo. Licenciada en Xeografía e Historia, especializouse en Escritura e Narración e realizou diversos estudos sobre o acoso laboral, escolar, a integración e os problemas nas aulas, os conflitos bélicos e o maltrato, temas que procura deixar á vista na súa escrita.

Escribe dende moi nova, pero non foi ata o ano 2008 que comezou a facelo coma unha necesidade persoal, procurando poñer de relevo na narrativa de ficción as diversas problemáticas que agroman dentro da sociedade actual, a violencia de xénero, as enfermidades mentais, os acosos, a guerra ou a inxustiza social. Acadou diversos premios na modalidade de relatos para adultos como o Manuel Murguía (2011 y 2024), Mulleres Progresistas (2008 y 2014), Cultura Quente(2009), Concello de Mugardos (2020), accésits do Modesto Figueiredo (2010 y 2013), Catro a Catro (2011), Dillo a quen maltrata (2014), Manuel Oreste(2011) e tamén con novela, resultando finalista no Torrente Ballester en lingua galega (2018). Premio Círculo “Cultura” 2024.

No ano 2012 edita a novela infantil A princesiña que conducía unha locomotora con Editorial Galaxia, coa que tentou rachar todos os estereotipos de xénero co personaxe dunha rapaza que non entraba dentro dos canons tópicos femininos. E a partir de entón continúa a publicar novelas infantís, xuvenís ou para adultos, todas elas alicerzadas na emoción e na visibilidade: A mamá que perdeu as cóxegas, Sombras no Ensanche, Actrices Secundarias, Mar e a pantasma das treboadas e A raposa muiñeira. E tamén chegan as publicacións colectivas: O Libro dos Reis Magos, Obras breves de imaxinación, Aliterarte, Escolma aberta, Creadores na Reserva, A forza e a firmeza do traballo, Oroza 100 e compilacións de relatos premiados.

No ano 2014 crea o obradoiro de escrita creativa Aliteraclara, no que tenta inspirar ao alumnado con obras plásticas de artistas de tódolos tempos nun intento de mesturar arte e literatura, as súas dúas paixóns. Dese xerme parte a Escola de escrita creativa en lingua galega Aliteraclara, que Clara do Roxo dirixe e na que imparte obradoiros en liña e presenciais que combina con talleres no Portal del Escritor a partir do 2017.

Dende 2015 preside a Asociación Cultural CatroPatacos, que tenta poñer en valor a lingua e a cultura galega por medio de obradoiros, certames literarios, publicacións e actuacións nas que entrelazan a escrita coa música, a pintura ou a fotografía. Coordina tamén dende entón as coleccións de libros do proxecto da AC CatroPatacos, Historias para coñecermos..., do que xa se publicaron xunto con Editorial Elvira once novelas de Historias para coñecermos Vigo e dez de Historias para coñecermos Pontevedra, proxecto vivo que continuará en diversas vilas galegas, na actualidade está en marcha Historias para coñecermos Lugo.

E Clara do Roxo escribe, escribe, escribe...

[Decembro, 2024]