"Novembro, 1955. Cansado de habita-lo limbo, vou e nazo. Era o tres, un día despois de Defuntos, uf!, por que pouco. Algo da tristeza do mes debeume quedar prendida no carácter, pois convertiume en ensimesmado e contemplativo -Lourdes, a miña muller, define a miña relación co mundo como "un estar no aire"-. De pequeno, como todo o mundo, escola, xogos, amigos, felicidade, liberdade de campo e aldea...
Logo a medrar. E nada foi igual: a urbe, pequena pero urbe ao fin e ao cabo, maxisterio, anos de busca, a escola (son mestre). Xa avanzados os trinta, matrimonio, e fillos (dous); e outros catro fruto da aventura extraconxugal cunha señora estupenda que se chama Literatura: O día que Miguel Induráin pasou por Gonderande (Galaxia, 1999), Manual de instruccións para querer a Irene (Galaxia e Editores Asociados, 2001), Ese unicornio rosa (Tambre-Edelvives, 2005) e Unha bruxa ben rara (SM, 2007)."