Amadeo Cobas naceu en Noia (A Coruña), anque foi adoptado pola cidade de Zaragoza, na que residiu durante dezasete anos, ata hai ben pouco, que volveu. Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Escribe en castelán e galego. Principiou a súa andaina literaria no ano 2001 coa publicación da obra Un amigo en el Galacho, un ilustrado conto para rapaces impreso pola editorial zaragozana Combra, que recibiu extraordinarias críticas. No seguinte ano saíu do prelo a súa segunda obra, Contos de viaxe, publicado pola editorial noiesa Toxosoutos. No 2003 participou no libro colectivo Alma de Beiramar, publicado por Edicións A Nosa Terra.
En abril de 2004 Zócalo Editorial publicou Miranda. Tras unha calorosa acollida do público, as eloxiosas críticas recibidas e despois de estar entre os cinco primeiros libros de vendas en Aragón durante dous meses, debeu imprimirse a 2ª edición dous meses despois, en maio.
No ano 2005 saíu Historias de Loarre, un libro conxunto de relatos curtos. En setembro publicouse a súa seguinte novela, Pasar a la posteridad, pola editorial barcelonesa March Editores.
En outono de 2006 participou en tres libros de relatos curtos: Aragón: ríos de arte (Instituto Aragonés del Agua), Monegros (Tropo Editores) e Historias para catar (Tropo Editores).
En 2007, Sotelo Blanco Edicións publicou a súa derradeira novela polo de agora, As pantasmas sodes do que non hai e participou no libro colectivo A doenza da paisaxe (Tropo Editores).
Ten entregado na editorial Sotelo Blanco o manuscrito da que pode ser seguinte novela: Só nin se ri nin se chora. Anda a traballar nun proxecto de novela de aventuras da que prefire non falar moito polo de agora...
Articulista en diversas revistas culturais, foi colaborador dos suplementos de crítica literaria dos xornais Heraldo de Aragón (Artes y Letras) e Diario de Teruel (El Parnaso) e do blog de crítica literaria La tormenta en un vaso. Xurado en diversos premios literarios e participante noutros, acadou varios galardóns, como o premio en relato monegrino no VII Certamen de Relatos “Tierra de Monegros”, de Huesca, a mención honorífica na modalidade de conto do Premio Platero 2005, en Ginebra (Suiza) ou o accésit de poesía no X Certamen Manuel Oreste Rodríguez, de Paradela (Lugo).
É membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Asociación Hélice de Autores Aragoneses.
Dirixiu a Sección de Cultura do Centro Galego de Zaragoza e foi membro fundador da editorial Tropo Editores.
Durante varios anos coordinou e participou en diversas actividades literarias en concellos, bibliotecas e demais institucións públicas coma o Instituto de la Juventud de la Diputación General de Aragón, a Diputación Provincial de Zaragoza..., coma privadas, tal é o caso da entidade bancaria Ibercaja ou bodegas Enate, por poñer un par de exemplos. Estas actividades consistiron en ciclos de conferencias e actuacións varias (proxeccións de películas, debates, excursións literarias...), clubes de lectura ou cursos de escritura creativa, entre outras.
[Novembro, 2013]