Hai temas que aínda padecen o estigma do tabú como este do que falamos na VIII edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral, celebrada en Lugo o 24 de outubro na Biblioteca Pública de Lugo.
10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
Vexa aquí o texto da intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG
10.30-11.30 Conferencia: Sexo e obscenidade na canción popular galega. Contextos e modelos para expresar a sexualidade nas cantigas populares.
Rubén Aramburu
Mini e Mero ilustraron musicalmente o relatorio
11.30-12.30 Conferencia: Na cona da vella non manda ninguén
Olga Novo
Sobre os arquetipos sexistas e a súa presenza explícita ou implícita nos xéneros literarios populares.
12.30-14.00 Mesa redonda: E dálle que dálle! O erotismo como sátira fronte á represión social
Rubén Aramburu e Olga Novo. Coordina: Antonio Reigosa
16.00-17.00 Conferencia: A poética do noxo: excrementos e outras repugnancias na literatura oral galega
José Luis Garrosa
A materia oculta. Sobre o que non se pode ou non se debe dicir e, sen embargo, se di.
17.00-18.00 Conferencia: Os contos eróticos galegos
Xosé Miranda e Xoán R. Cuba
Repaso aos tipos e motivos presentes nos contos eróticos da tradición oral galega.
18.00-19.30 Mesa redonda: Cuarta máis, cuarta menos! Escatoloxía, prexuízos e tabús
José Luis Garrosa, Xosé Miranda e Xoán R. Cuba. Coordina: Isidro Novo
19.30-20.30 Ti contabas as estrelas, eu as areas do chan
Percorrido polo repertorio popular baseado en experiencias propias, cantigas, contos e romances
Luís “O Caruncho”
Rubén Aramburu
A Coruña, 1967. Estudos de Filosofía e Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán (Universidade Pontificia de Salamanca). Membro da directiva da Asociación Irimia e colaborador na revista Irimia dende hai 15 anos; membro da mesa de redacción da revista Encrucillada e cronista durante 8 anos; colaborador de outros medios como Terra e Tempo, Sermos Galiza... Colaborador da Asociación Cultural Xermolos, é animador sociocultural en varias parroquias e proxectos...
Olga Novo
Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesora de bacharelato en varios institutos de Galicia, e despois de galego na Universidade da Alta Bretaña en Rennes, e de literatura na Universidade Bretaña Sur, en Lorient.
Como poeta, deuse a coñecer con tres poemarios: A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997) e A cousa vermella (2004). Tamén publicou un libro de arte compartido coa pintora Alexandra Domínguez e o poeta Xoán Abeleira, titulado Magnalia, e numerosos poemas en antoloxías, libros colectivos, revistas (Festa da Palabra Silenciada, Dorna, Xistral) e xornais (El País, ABC).
Formou parte dos comités de redacción das revistas Ólisbos, Animal e Valdeleite.
Participou con estudos en congresos e revistas, onde analizou sobre todo as propostas conectadas co surrealismo, pois escribiu sobre o escritor André Breton, o cantautor Léo Ferré e o pintor Eugenio Granell, e coa temática erótica, como reflicte o seu ensaio “Tratado da pel”, publicado no monográfico Erotismos de Unión Libre (1999), por ela mesma coordinado. Ademais, interesouse por poetas en lingua portuguesa, como Fernando Pessoa e o surrealista brasileiro Sérgio Lima.
Desde 2010, a Casa da Cultura da Pobra do Brollón leva o seu nome.
Poesía
- A teta sobre o sol (1996, Edicións do Dragón, 1999, Letras de Cal)
- Nós nus (1997, Xerais)
- A cousa vermella (2004, Espiral Maior)
- Cráter (2011, Toxosoutos)
Ensaio
- Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1995, Positivas)
- O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999, 4-Cromía, e ampliado 2008, Follas Novas)
- Uxío Novoneyra. Lingua loaira (2005, Fundación Caixa Galicia)
- Erótica Medieval Galaica (2013, Toxosoutos)
- Unha tempada no paraíso de Claudio Rodríguez Fer (2010, Toxosoutos)
Tradución
- El contradiscurso de las mujeres. Historia del proceso feminista, de Carmen Blanco (1997, Nigra)
Obras colectivas
- dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90 (1999, Letras de Cal)
- Magnalia (2000, Espiral Maior). Con Xoán Abeleira
- Novas voces da poesía galega: recital (2000, Consello da Cultura Galega)
- Das sonorosas cordas (2005, Eneida Madrid)
- Guerra Civil e Literatura Galega (1936-1939) (2006, Xerais)
- Monocromos (2006, Luis Burgos Arte del Siglo XX, Madrid). Con colaxes de Concetto Pozatti
- Poemas pola memoria (1936-2006) (2006, Xunta de Galicia).
- Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo (2006, Difusora)
- Do amor e da literatura (2007, Linteo, Ourense). Con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer
- Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz (2008, Xerais)
- Letras novas (2008, Asociación de Escritores en Lingua Galega)
- En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova (2010, Toxosoutos)
- Erato bajo la piel del deseo (2010, Sial Ediciones)
- Poemas para Carmen Blanco (2010, Libros da Cebra)
- Poetas con Valente (2010, Universidade de Santiago de Compostela)
- Urbano. Homenaxe a Urbano Lugrís (2011, A Nave das Ideas)
Premios
- Premio Losada Diéguez de creación Literaria no 1998, polo poemario Nós nus.
- Premio Ánxel Fole de investigación no 2004, por Uxío Novoneyra. Lingua loaira, que incluía textos inéditos do poeta.
- O Patronato da Cultura Galega de Montevideo dedicoulle o Día da Poesía Galega 2004.
- Premio da Crítica española do 2011 por Cráter.
- Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal no 2012, por Leda m' and' eu. Poética erótica medieval galaica: á procura da nosa intrahistoria.
José Luis Garrosa Gude
Traballa como profesor de Ensino Secundario da especialidade de Lingua Castelá e Literatura nun instituto de Getafe (Madrid). Nesta comunidade foi tamén profesor de diferentes cursos e niveis de lingua galega.
É tamén licenciado en Filoloxía Alemá pola Complutense e licenciado en Dereito pola UNED. Ten coordinando varios proxectos no IES José Hierro de Getafe e como articulista é tan diversa a temática que toca, que tanto escribe sobre a narrativa galega de hoxe, como sobre as metamorfoses posmodernas da lenda de “La Llorona”, sobre as crenzas da parroquia de Franqueán, no Corgo, ou de Gabriel Bocángel e Amalia Bautista. Son numerosas tamén as súas recensións a libros publicados en toda a península.
É autor de diferentes artigos sobre a tradición oral e colaborador da revista Rinconete do Centro Virtual Cervantes. En 2013 publicou La sirena de Alamares y otros cuentos populares portugueses, unha antoloxía do relato folclórico portugués editada e traducida por el mesmo.
Xoán Ramiro Cuba Rodríguez
Lugo, 1958. Funcionario da Deputación de Lugo, desempeña actualmente o posto de Xefe de Sección do Servizo de Publicacións da Deputación.
En 1992 creou con Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Antonio Reigosa o Equipo de Investigación Etnográfica Chaira. Dende entón participou en todos os proxectos de investigación sobre literatura de tradición oral de Galicia que desenvolveu este grupo. É coautor, xunto aos outros integrantes do Equipo Chaira, dos libros Polavila na Pontenova (1998) e Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín (2004).
Dende os anos 80 colabora na prensa escrita, radio e televisión. Publicou, individualmente ou en colaboración, ducias de traballos en xornais e revistas especializadas, entre outras cabeceiras: Boletín do Museo Provincial de Lugo, Lucus, El Progreso, La Voz de Galicia, Diario de Galicia, RTVG, Croa, Fadamorgana, Cadernos de Estudios Chairegos, Agathos, Murguía, Revista galega de educación... Foi tamén colaborador dos programa de Radio Lugo, Mexunxe e O club da tarde, correspondente do programa de TVG, Visións, e coguionista de varios programas de maxia emitidos por esta cadea.
Por dous traballos de investigación relacionados coa Terra Chá, foi distinguido co premio “Manuel Mato Vizoso”do Concello de Vilalba en 1987 e 1989. Con Antonio Reigosa e Xosé Miranda publicou trece libros en Edicións Xerais de Galicia: Dicionario dos seres míticos galegos (1998), Pequena mitoloxía de Galicia (2001), Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega (2001) e os dez primeiros volumes da colección “Cabalo Buligán” (1998-2000): Contos marabillosos I, II, III e IV; Contos de maxia I, II, III e IV e Contos de animais I e II.
Foi responsable tamén, con estes mesmos autores, da Antoloxía do conto galego de tradición oral (La Voz de Galicia,2001) e, con Fernando Arribas e Antonio Reigosa, da Guía do Museo Provincial de Lugo (2003).
Relator en numerosos cursos, xornadas, congresos e campañas de animación á lectura; participou tamén en diversos traballos colectivos de investigación, entre os que destaca a catalogación de marcas de auga en documentos de arquivos galegos dos séculos XV ao XIX.
Como autor de literatura infantil publicou O caracol Remoldiño (Xerais, 2003) que obtivo o premio “Lecturas” da Asociación Gálix en 2005, e Remoldiño vai á feira (Xerais, 2007).
Xosé Miranda Ruíz
Lugo, 1955. Licenciado en Bioloxía. Profesor de bacharelato no Instituto Xoán Montes de Lugo. Narrador e poeta. Especialista en literatura de tradición oral. Como poeta ten publicado: Sonetosfera (1996), accésit do Premio Esquío 1995; Amantes e viaxeiros (1996), Premio Eusebio Lorenzo Baleirón 1995; Carozo azul (1997); Permiso para o corso (1997), Premio Esquío 1996; As cidades mergulladas. (Poesía reunida 1973-2002) (Xerais 2003); Capitán dos teus ollos (Espiral Maior, 2005) e Piratas polo Miño (Tambre, 2006).
Como narrador deuse a coñecer co relato Na terra sombría (1988), Premio Modesto Figueiredo; foron as súas obras posteriores: Historia dun paraugas azul (Xerais 1990, 2006), Premio de novela García Barros; A biblioteca da iguana (Xerais 1994, 2006), relatos; A neve e a cadeira (1994), relato longo; A tres bandas (Xerais 1995), novela policíaca; Vestio (1995, Xerais 2008), novela; Partenoxénese (1995), Premio de narrativa fantástica Xenciana, 1994; O demo á orella (Xerais 1996), relatos; «Seis dedos» en Antoloxía do conto galego de medo (1996); Morning star (1998), Premio Xerais de novela; Infancia e desventura de Lino Carrán (2000), novela, Ariadna (Xerais 2002), novela; Pel de lobo (Xerais 2002), novela, Premio Merlín 2002; o relato “Tarxeta vermella” publicado en Materia prima (Xerais 2002); Tarxeta vermella (Xerais 2003), relatos. En 2008 publicou As mans do medo. Os seus contos de medo están recollidos nos volumes Triloxía pánica (Xerais 2000) e As mans do medo (Xerais 2007). Como autor de literatura infantil publicou: Lúa e os nubeiros (2000), O coello Federico (2000), Feitizo (Xerais 2001), Álvaro e Álvaro (Xerais 2004), Federico na silveira (Xerais 2006), ''Amancio Amigo e o meigo de Salamanca'' (Xerais 2006) e “Amancio Amigo e o Demo da Botella” (Xerais 2008). Tamén é coautor xunto con Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba do Diccionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) e dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais 1998-2003) recollidos da tradición oral. Así mesmo é coautor dos volumes Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega (Xerais 2001), Pequena mitoloxía de Galicia (Xerais 2001), Cando os animais falaban (Xerais 2002),Antoloxía do conto galego de tradición oral (2002), e Arrepíos e outros medos (Xerais 2004) e A flor da auga (Xerais 2006), ambos os dous volumes pertencentes á serie “Lendas de Galicia”. Tamén participou nas obras colectivas Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz (Xerais, 2008) e Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade (Difusora, 2009).
Luís "O Caruncho"
Músico de devanceiros gaiteiros, el mesmo é gaiteiro, zanfonista, cantante e incluso aprendiz de actor. Sen dúbida todas estas dotes artísticas fan del un dos máis requiridos traballadores da música en Galiza. Son estes mesmos dotes os que o acrediten dende que debutou como improvisador en verso en Valadares (Vigo) como un dos máis prometedores regueifeiros‑brindeiros do país, xa que o seu enxeño e sentido do ritmo fan que sempre teña a man unha resposta axeitada para calquera copla que lle boten, por moi envelenada que veña. Caracterízase tamén por tratar de introducir novos ritmos e probar con distintos acompañamentos no tradicional xeito galego de improvisar a pelo.
Antonio Reigosa
Contra o pudor e a castidade impostos ás clases populares secularmente, a inventiva do pobo creou un amplo e variado corpus narrativo centrado no sexo e a obscenidade. Narracións case clandestinas na boca de sociedades reprimidas cunha necesidade imperiosa de emanciparse. Disto imos falar na VIII edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral a celebrar en Lugo o próximo 24 de outubro e que leva por titulo “Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral”.
A literatura do sexo, tan presente nas súas diferentes formas e manifestacións na comunicación oral, forma parte dos asuntos tradicionalmente censurados, social e academicamente. E se de sexo non falamos, ou non se divulga e investiga, que dicir, xa que logo, do obsceno e do escatolóxico! Hai temas, como este, que aínda padecen o estigma do tabú.
A transmisión, de predominancia oral, de chistes (son ben coñecidos os atribuídos a personaxes como Quevedo ou Jaimito), ditos ou recitados onde o sexo, as partes pudendas ou os excrementos son protagonistas quedou restrinxida a ámbitos de confianza (adolescentes, amigos …), e poucas veces chega aos gabinetes dos investigadores, e moito menos aínda a ter difusión impresa, a pesar de que tivo unha grande influencia na literatura impresa chamada libertina ou alegre, cultivada por numerosos escritores na antigüidade e tamén, máis recentemente, desde o s. XVI en adiante.
O vocábulo obsceno, que soemos interpretar como sinónimo de impúdico, indecente ou inmoral, ten etimoloxía dubidosa e significados diferentes segundo a adscrición cultural ou relixiosa da persoa. En todo caso, obsceno é aquilo que se esconde, que se considera que non se debe ver ou dicir en público porque pode ser ofensivo ou ter categoría de vicio. O obsceno é fillo da represión cultural e relixiosa exercida sobre os desexos sexuais das persoas e conta cun amplo e moi variado repertorio de manifestacións. É por iso polo que estes relatos soen ter por obxecto de burla cregos, frades, monxas e, en xeral, a todos aqueles personaxes que representan un poder represivo.
Por tanto, contar de sexo e de escatoloxía puido ser unha forma de rebeldía contra censuras, tanto dos máis cativos contra os adultos como dos sometidos contra os opresores. Un recurso social contra a alienación que, ademais, ten o engado do prohibido.
Nesta xornada contamos co saber de especialistas na materia que van tratar e debater sobre estes temas desde diferentes puntos de vista así como analizar a súa presenza e supervivencia nos diferentes xéneros da literatura de tradición oral. A música, a poesía e o conto de tema erótico ou escatolóxico forman parte da nosa bagaxe cultural, e só por iso, debemos afrontar o seu estudo con criterios científicos e, a poder ser, espidos de toda clase de prexuízos.
Nesta xornada, organizada pola sección de literatura oral da AELG e a AS-PG, patrocinada pola Deputación de Lugo, van intervir Rubén Aramburu (con Mini e Mero para ilustrar musicalmente), Olga Novo, J. Luis Garrosa, Xosé Miranda, Xoán R. Cuba e Luís Caruncho.Coñecidos especialistas que nos van conducir, sen pudor nin recato, polo fecundo verxel da literatura oral obscena, porca, verde, colorada … Quedan vostedes convidados/as.