Para recuperar, pero sobre todo para actualizar ese saber herdado, nesta undécima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral tentamos, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas especialistas na materia, propoñer unha reflexión crítica ao conxunto da sociedade sobre o rol tradicional da muller na nosa cultura popular.
XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na Literatura de Tradición Oral
- 27 de outubro de 2018
- Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8,27001, Lugo)
Esta foi a intervención do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, no acto de inauguración.
Obxectivos
1. Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relación coa cultura popular tradicional.
2. Facilitar un foro de reflexión para comprender e transmitir os valores da nosa cultura.
3. Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.
4. A importancia do coñecemento destes temas da cultura transmitida por vía oral na formación do alumnado.
5. Formas e xéneros sobre cuestións de xénero na Literatura de Tradición Oral.
Programa
10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
10.30-11.30 Conferencia
A muller habelenciosa dos contos orais: Princesas e labregas
Camiño Noia
11.30-12.30 Conferencia
Muller que sabe latín, non serve para min
Estefanía A. Lodeiro Paz
12.30-14.00 Mesa redonda
A muller imaxinada como paradigma da muller de carne e óso
Camiño Noia e Estefanía A. Lodeiro Paz
Coordina: Antonio Reigosa
16.00-17.00 Conferencia
Meigas: as mulleres sanadoras contra a orde masculina
Anxos Sumai
17.00-18.00 Conferencia
Pendentes de Ouro Negro. Mulleres e Wolframio
Faia Díaz Novo
18.00-19.30 Mesa redonda
Botando as contas da leiteira. Fantasía ou crúa realidade?
Anxos Sumai e Faia Díaz Novo
Coordina: Lois Pérez
19.30-20.30 Sesión práctica
Regueifa 2.0. Educando en igualdade
Alba María e Lupe Blanco
Contidos (programa detallado):
10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
10.30-11.30 Conferencia
A muller habelenciosa dos contos orais: Princesas e labregas
Camiño Noia
É probabelmente a través dos contos populares tradicionais como se difundiu a imaxe arquetípica da muller na cultura tradicional: xeralmente, ou aparece como princesa (fiel esposa, fermosa, obediente...) ou como representación do pecado (mala esposa ou nai, ser vicioso asociado ao demoníaco). Mais tamén, en menor número de relatos, podemos atopar protagonizando estes contos outras mulleres capaces de resolver con eficacia as situacións máis complexas.
Mª Camiño Noia Campos foi catedrática de Literatura Galega na Universidade de Vigo e agora é catedrática emérita.
Na súa longa vida académica ten publicados libros e artigos sobre diferentes temas da literatura galega, como a Nova Narrativa Galega, a poesía de mulleres e de Cunqueiro, a narrativa de Casares, etc.
E no tema da literatura oral, que é o que nos convoca, leva anos dedicada á clasificación do conto galego de tradición oral. E neste ámbito, ten publicado os seguintes libros.
Contos galegos de tradición oral (Vigo: Nigratrea, 2002), que tivo dúas edicións en galego e unha versión reducida en castelán, Cuentos gallegos de tradición oral (Vigo: Nigratrea, 2003).
En 2010 publica o Catálogo tipolóxico do conto galego (Universidade de Vigo: Servizo de Publicacións). Unha extensa obra de máis de 1000 páxinas, resultado dun proxecto de investigación financiado pola Xunta de Galicia.
Desde o ano 2004 pertence ó «Groupe de Recherche Européen sur les Narrations Orales», GRENO, e ten compartido dúbidas en xornadas de traballo en diversos países: Francia, Cataluña, Grecia, Portugal, Galicia, Baleares... Froito da xuntanza organizada en Galicia (Mondariz e Santiago) en 2012, sae o libro Imaxes de muller. Representación da feminidade en mitos, contos e lendas, do que é coordinadora (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo).
11.30-12.30 Conferencia
Muller que sabe latín, non serve para min
Estefanía A. Lodeiro Paz
No refraneiro popular, usado recorrentemente como fonte de sentenzas, aparece ben definido o rol que se lle atribuíu á muller tradicionalmente. Un retrato tantas veces cruel que, contra o que poida parecer, non debuxa a verdadeira realidade da muller senón o lugar que lle reserva unha forma de pensar machista e opresora.
Estefanía A. Lodeiro Paz. Avogada do Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, experta en Dereito de Familia e Sucesións pola Facultade de Dereito de Santiago de Compostela e Máster en Malos Tratos e Violencia de Xénero da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Colaboradora da Academia Galega de Seguridade Pública e do SERGAS, onde impartiu formación sobre protocolos de actuación nos casos de violencia contra as mulleres.
Actualmente desenvolve a súa actividade como avogada no Centro de Información ás Mulleres do Concello de Teo (A Coruña), prestando asesoramento xurídico en asuntos civís, penais, contenciosos e laborais. Tamén imparte obradoiros, charlas e cursos sobre distintos campos xurídicos, así como en temas relacionados coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, en centros educativos, organismos públicos e asociacións.
Premiada na XIV edición do Premio Elisa Pérez Vera en estudos de xénero da UNED polo seu traballo de investigación sobre muller, xénero e feminismo: La violencia de género en el refranero gallego.
Colabora con distintas entidades e asociacións, como o Museo do Pobo Galego, do que foi representante dos socios e socias no seu Padroado.
12.30-14.00 Mesa redonda
A muller imaxinada como paradigma da muller de carne e óso
Camiño Noia e Estefanía A. Lodeiro Paz
Coordina: Antonio Reigosa
A conxunción das reflexións das dúas investigadoras permitirá ao público asistente afondar no papel que tivo a literatura oral como ferramenta de control social da muller.
16.00-17.00 Conferencia
Meigas: as mulleres sanadoras contra a orde masculina
Anxos Sumai
Se hai algúns personaxes femininos case descoñecidos, contra a opinión xeneralizada que cre o contrario, son as chamadas meigas ou bruxas. As mulleres que se dedicaron á medicina tradicional, con grandes coñecementos de herbas e outros remedios curativos foron demonizadas e convertidas en sacerdotisas do Demo. A verdade é outra. O seu saber foi fundamental para a saúde da humanidade.
Anxos Sumai naceu na aldea de Oeste, en Catoira, en 1960. Estudou a carreira de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en Biblioteconomía, Arquivística e Documentación. Dende 1985 traballa como bibliotecaria e documentalista, desenvolvendo a súa actividade na Biblioteca Nodal e no Museo Provincial de Pontevedra. Actualmente coordina a Área de Documentación do Consello da Cultura Galega.
Colaboradora de distintas publicacións nos oitenta e noventa, a súa actividade literaria desenvolveuse na rede dende o ano 2001 no portal culturagalega.org, onde tivo as seccións “Anxos e diaños” –compartida con Roberto Ribao-, “Anxos de garda” e “Crítica da memoria pura”. Na revista Guía dos libros novos contou coa sección propia “Hemisferio Oeste” e no Diario Cultural da Radio Galega tivo o espazo “Somos perigosamente normais”.
Ademais de publicar relatos en numerosas revistas e xornais, participou en libros colectivos como Pano de Lona (Arquivo Pacheco, 2005), Fisuras no cotián. Nove narradoras no relato de Xénero (Xunta de Galicia, 2006), Ghats e 24 10 06 (Candeia, 2007), Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz (Xerais, 2008), Cartas de amor (El Patito, 2010), Camiñan descalzas polas rochas (TrisTram, 2010), Cociñando ao pé da letra (Galaxia, 2011) e no texto teatral Emigrados representado pola compañía Teatro de Ningures que mereceu un premio Max en 2008.
Como narradora publicou Anxos de garda (A Nosa Terra, 2003), Melodía de días usados (Galaxia, 2005), Así nacen as Baleas (Galaxia, 2007), Perigosamente normais (Universidade de Santiago de Compostela, 2008), Fedya Sergéevich derreteuse de amor (Augatinta, 2010) e A lúa da colleita (Galaxia, 2013).
17.00-18.00 Conferencia
Pendentes de Ouro Negro
Grupo de traballo Mulleres e Wolframio (Faia Díaz Novo e Helena Salgueiro Golán)
Os traballos e os días das mulleres. Neste caso, a través da literatura, dos cantos e contos, imos coñecer o quefacer de mulleres que traballaron duramente na extracción do volframio, metal que deu de comer a moitos e moitas dos nosos avós e avoas, e que foi materia prima para fabricar armamento destrutivo na última grande guerra mundial.
O grupo de creación Mulleres e Wolframio nace no contexto das Xornadas de Investigación Compartida coa artista plástica Eva Lootz, organizadas dende área de educación do CGAC con motivo da exposición Cut Through the Fog, en novembro do 2016. Inicialmente indagando no papel das minas de volframio en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, así como nas repercusións que a extracción dese metal tivo no tecido social galego, o grupo de traballo centrouse no papel das mulleres. Realiza dende comezos do 2017 un proceso de documentación e investigación que pon a mirada nas experiencias concretas de ex traballadoras da mina, nas súas lembranzas, músicas e sentimentos. Conforman este grupo:
Helena Salgueiro Golán, actriz e poeta nada no 1995 en Compostela.
Publicou os poemarios Intermitencia da cidade (2012, Edicións Fervenza), gañador do premio Avelina Valladares, e as flores (2016, Concello de Padrón), gañador do premio Rosalía de Castro. Participou nas obras colectivas Antoloxía de Expansión (2013, Editorial Bubela), Antoloxía Transcendental (2014, Editorial Bubela) e No seu despregar (2016, Apiario). Como actriz e directora, fundou no 2012 a asociación cultural GN TEATRO (premio Xuventude Crea 2016), e realizou performances para Chan da Pólvora, Auditorio de Galiza, etc. Tamén participou en varias curtametraxes e mantén o proxecto Vox in Música de contacontos, poesía e música co músico Ariel Ninas.
Patricia Coucheiro González (Antas de Ulla, 1990), licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Guión e Dirección Cinematográfica. No ano 2012 realiza o Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria, interesada nas implicacións educativas que a linguaxe audiovisual exerce especialmente no ámbito rural. A partir dese momento, leva a cabo varios proxectos colaborativos con centros educativos e asociacións a través da experimentación con creacións audiovisuais. No 2016-2017 cursa o Mestrado en Arte contemporánea (Investigación e Creación) da Universidade de Vigo e ve a luz Amarante, unha proposta de cine-ensaio na que se propón unha inmersión persoal na memoria dunha pequena aldea da Comarca da Ulloa, na provincia de Lugo.
Faia Díaz Novo (Santiago de Compostela, 1988), cantante e licenciada en Historia da Arte pola USC. Foi bolseira na Habana, Perugia e Barcelona onde cursou estudos de etnomusicoloxía, cine e crítica artística. Realizou un curso de Dixitalización do Patrimonio Artístico pola UNED e un Mestrado en Xestión do Patrimonio Arquitectónico, Museos e consumo de Arte, pola USC. No 2015 traballouna Biblioteca de Galicia, catalogando e dixitalizando os fondos antigos da mesma. Como cantante, é fundadora e integrante do grupo musical De Vacas dende o ano 2015, e do Coro Encaixe. Tamén traballa na locución e gravación de diferentes materiais didácticos para o ensino en galego dende o ano 2013. Coa contadora Vero Rilo participa no proxecto A Patacón, onde mistaran narración e canción sobre historias familiares de tradición oral.
18.00-19.30 Mesa redonda
Botando as contas da leiteira. Fantasía ou crúa realidade?
Anxos Sumai e Grupo de traballo Mulleres e Wolframio
Coordina: Lois Pérez
Nesta mesa redonda afondaremos nos arquetipos femininos na literatura de modo que poidamos percorrer a complexa estrutura simbólica da nosa cultura. Así mesmo, veremos o papel activo da muller na literatura de tradición oral e a súa transmisión.
19.30-20.30 Sesión práctica
Regueifa 2.0. Educando en igualdade
Alba María e Lupe Blanco
Se hai algún xénero idóneo para representar o malestar social ese é a regueifa. Neste caso, a diferenza do costume de seren os reguefeiros homes, e tendo en conta o tema xeral da xornada, convidamos mulleres mozas que se dedican a regueifar e a representar as reivindicacións de xénero usando como soporte este modo tradicional de facelo.
Alba María. Cantora, produtora, compositora e improvisadora oral galega. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014). Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo unha intensa actividade, eminentemente no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Pinto de Herbón, Luís O Caruncho ou o decimeiro cubano Alexis Díaz-Pimienta. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo. En relación con este ámbito leva impartido decenas de obradoiros de improvisación oral en centros de toda Galicia, con alumnado desde os 3 aos 90 anos, e desenvolve o proxecto de narración oral para público familiar Historias da Tinta Imaxinaria, que mestura conto con canción improvisada.
Graduada en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela, con premio extraordinario de fin de carreira, traballa tamén como correctora externa para a editorial Galaxia. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), o primeiro monográfico centrado na investigación sobre a improvisación oral de Bergantiños. Como produtora forma parte do equipo do Encontro de Tocadores Entre margens, do concello de Caminha, a programación compostelá de Efecto proximidade entre outros. Coordinou e participou no espectáculo de voces femininas Hemisferios.
Lupe Blanco. Unha das últimas incorporacións ao mundo da regueifa, é bisneta do gran Blanco de Muiñoseco. Tamén é pandeireteira e ten unha toada moi característica ao vello xeito de Bergantiños. En 2017, alén de numerosas actuacións e obradoiros, debutou no escenario de Valadares no último Certame celebrado en decembro dese ano.
Plano de avaliacion da actividade para o certificado homologado:
- Asistencia ao 85% das horas.
- Seguimento do desenvolvemento da actividade.
- Entregarase unha enquisa que será cuberta polos/as asistentes.
Criterios de selección para o certificado homologado: por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia os socios-as da AS-PG e da AELG.
A seguir iremos recollendo a serie de artigos que Antonio Reigosa irá publicando en El Progreso previamente á celebración da Xornada, nos que irá avanzando algún dos contidos a tratar:
Brancaflor, a filla do demo, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 03/10/2018)
Desde hoxe e ata as vésperas da celebración da XI Xornada de Literatura de Tradición Oral, que terá lugar en Lugo o sábado, 27 de outubro, aproveito a oportunidade que me brinda El Progreso para contarlles algunhas historias do papel que se lles atribúe ás mulleres nos distintos xéneros de literatura popular, pois diso trata a xornada que responde ao título “O rol da muller na literatura de tradición oral”.
É obvio que na inmensa maioría dos textos populares de transmisión oral (sexan chistes, refráns, apólogos, fábulas, contos de costumes, romances, coplas ou lendas) prevalece a misoxinia. Tamén sucede, como é ben sabido, nos textos de difusión impresa chamados cultos.
Temos na memoria moitos exemplos que non imos reproducir, que evidencian a contumaz perpetuación dunha ideoloxía inequivocamente machista. Ideas que aínda persisten como se fosen cancros sen remedio, doutrina indiscutible, dogma incontestable ou prédica sagrada.
Esta xornada está deseñada para que as relatoras, todas mulleres, analicen e revisen as razóns polas que aínda ten tanta vixencia esta literatura misóxina, detectar cales son as funcións reais que se lle atribúen á muller, pois, mentres se sigan reproducindo, estes relatos non fan máis que constatar unha realidade social machista.
Mais tamén existen na nosa tradición oral personaxes femininos en relatos de corte mítico ou lendario (moi afastados dos de mulleres de carne e óso sempre submisas) que nos falan da deusa ou semideusa, mulleres poderosas pero tamén violentas e rebeldes, ás veces castradoras e malvadas, incluso salvaxes, como poden ser os casos da Orcavella, María Castaña, Pepa a Loba, a Raíña Lupa e, en xeral, todas as bruxas ou meigas.
Unha destas mulleres é Brancaflor, a protagonista dun dos contos máis engaiolantes que se poden ler ou escoitar aínda hoxe en día. A historia é longa, rechea de episodios máxicos, e conta como a filla máis nova do demo, de nome Brancaflor, Flor, Flora ou Sol nalgunhas versións, se namora e por tanto, grazas aos seus poderes máxicos, axuda e libera da condena ao Inferno a un humilde mozo mortal. Na prehistoria deste conto que chega aínda fresco aos nosos días están Medea, a neta do sol, e Xasón; ou sexa, o mito grego do Cordeiro (Vellocino) de ouro.
Quen xa lese ou escoitase este relato lembrará as probas que ten que superar o mozo, como a de recuperar un anel do fondo do mar (episodio que esixe tallar en anacos o corpo da heroína sen perder unha soa gota de sangue). E viranlle á mente os veloces cabalos da Luz, do Vento e do Pensamento que axudan no regreso ao mundo dos vivos aos dous protagonistas, perseguidos sen respiro polo propio demo e, sobre todo, pola súa muller, a dema, esposa autoritaria e nai desapiadada. O conto, antes do remate, presenta un dilema provocado polo esquecemento como soe suceder cando se regresa dos mundos do Máis Alá.
Non teñan medo. Os contos cóntanse para darnos confianza; por iso teñen, ou deberan ter, un esperanzador final feliz.
Os camiños de Pepa, a Loba, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 10/10/2018)
A verdadeira historia de María Castaña, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 10/10/2018)
Probablemente nunca coñeceremos a verdadeira historia de María Castaña. Sempre teremos a dúbida de cantas houbo ou se son ou non a mesma a do comezo dos contos (“Aló, nos tempos de María Castaña”), a de carne e óso, a María Castanna da Pobra do Brollón e Lugo, ou se, refundidas estas con outras conforman un relato de substrato mítico que alimenta e alimentará por moitos séculos aínda a nosa curiosidade.
Comecemos pola de carne e óso. Nunha carta de doazón datada o 18 de xullo de 1386 dáse conta da cesión á catedral de Lugo dos bens que posúen no couto de Cereixa, freguesía de San Pedro de Cereixa, concello da Pobra do Brollón (Lugo), unha tal María Castanna, muller que foi de Martín Çego, e os seus fillos, Gonçalvo Çego e Afonso Çego “por cuanto fomos en ferir a Françisco Fernandes, moordomo do señor obispo de Lugo, de feridas de que veo morte”. É todo canto sabemos por vía documental desta muller.
O resto son suposicións, derivas que nos chegan por tradición oral ou por vía impresa. Dise que encabezou unha revolta de indignados contra os abusos dos recadadores do bispo de Lugo, Pedro López de Aguiar, e que na actual Praza Maior da cidade de Lugo encheu o mandil de pedras e animou a outros ao berro “A eles, que son poucos”. Como consecuencia, o mordomo do bispo quedou ferido de morte. Logo sería detida e condenada a morte, sendo liberada da pena capital polo favor do rei, previo arrepentimento, mais obrigada a doar os bens da súa familia ao señor bispo de Lugo.
A María Castaña, Mari-Castaña, Maricastaña dos “tempos de María Castaña” é outro personaxe, máis antigo, que se evoca na literatura anterior e posterior ao s. XIV sen facer nunca referencia a Lugo. Francés de Zúñiga, xastre e bufón, autor dunha crónica satírico-burlesa do rei Carlos V datada en 1525 di “porque si en el reyno no obiese alguna rebuelta pudiésemos faboresçer al arçobispo de Sebilla, Ynquisidor Mayor, y a la fe católica, porque ya no era tiempo de Maricastaña, quando se pasaba la mar en enjuto". Noutros textos, en cambio, como en Cancionerillos de Munich, 1589-1602, cítase así: "En tiempo del Rey Thereso residia en Badajoz, y quando Maricastaña alla en Castilla reynò”. Curioso texto, pois fai uso de dúas fórmulas de inicio dos contos habituais no romanceiro castelán do século XVII: “En tiempos del rey Thereso” e “Cuando Maricastaña allá en Castilla reinó”.
María Castaña era tamén, ao parecer, o nome dunha narradora ou contadora da corte do rei Carlos II (1630-1685) que morrería peregrinando a Compostela. Pero xa moito antes, no s. XIII, parece que existía unha canción de xograría que dicía “María Castaña toca castañolas”
Os autores do “Dicionario dos seres míticos galegos”, ao darnos conta de que o nome e apelido desta muller coincide co de Auburm Mary “María Castaña”, a filla do xigante e muller protagonista do conto “The Battle of the Birds“ (A batalla dos paxaros/aves), recollido en Escocia e publicado por primeira vez por John Francis Campbell en 1860, propoñemos outra vía de investigación para indagar nas orixes deste personaxe lendario. Unha orixe que nos retrotrae aos tempos do matriarcado primordial. María Castaña, con Pepa a Loba e Brancaflor, merecen que lles prestemos atención e así será cando falemos do rol das mulleres na literatura de tradición oral.
Muller que sabe latín, non serve para min, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 24/10/2018)
Aprópiome con sa intención do título do relatorio de Estefanía A. Lodeiro co ánimo de provocar algunha curiosidade polo que se poida dicir máis abaixo. Supoño que de non ser así, se ao lelo non provoca en vostede un “a ver de que vai isto” nada conseguín, así que xa o despido co ánimo avariado, remoendo o erro estratéxico.
En caso de que decida seguir adiante coa lectura, cóntolle xa que o sábado, 27 de outubro, organizada pola AELG, coa colaboración da AS-PG e o patrocinio da Deputación de Lugo, vai ter lugar a XI Xornada de Literatura Oral para tratar un tema urxente, quizais inaprazable: O rol da muller na literatura de tradición oral.
Pola mañá falará Camiño Noia, catedrática emérita especializada en literatura de tradición oral. Disertará sobre a imaxe arquetípica da muller que a cultura tradicional galega nos transmite baixo o título “A muller habelenciosa dos contos orais: Princesas e labregas”.
A seguir tratarase sobre o papel que lle reserva á muller unha sociedade tradicional como a nosa no tan socorrido e citado (case sempre como verdade irrefutable) refraneiro popular. A pregunta que vai responder a avogada Estefanía A. Lodeiro é se a muller real é, en realidade, como se retrata nas sentenzas paremiolóxicas ou se eses ditos son ditados desde a forma de pensar preponderante; ou sexa, a do home.
Ambas relatoras cotexarán pareceres entre elas e cos das persoas asistentes nun faladoiro compartido sobre se a muller imaxinaria (a do conto, lenda ou refraneiro) e a muller de carne e óso son cara e cruz, ou non, da mesma moeda.
O programa da tarde tampouco os deixará indiferentes. Anxos Sumai, bliotecaria e documentalista do Consello da Cultura Galega, tamén escritora e investigadora, autora de numerosos títulos, tratará das meigas e do seu papel, máis alá da súa inxusta demonización e do rexeitamento social, de mulleres que procuraban o benestar do corpo doente e non a perdición das almas das persoas.
A continuación, unha investigadora aínda moza, Faia Díaz Novo, parte do grupo de traballo “Mulleres e Wolframio”, recreará, desde a música e a literatura xerada polas mulleres que participaron activamente no negocio do volframio durante o transcurso da segunda guerra mundial, a súa memoria. Veremos como unha materia prima cotizada para fabricar armamento tamén deu de comer durante uns anos a moitas bocas en extensas comarcas da nosa xeografía. Ambas relatoras, en mesa redonda e con participación da asistencia, debaterán sobre ese papel negativo asignado “por tradición” ás mulleres das clases máis desfavorecidas.
O peche está reservado a outras dúas mozas, Alba María e Lupe Blanco, ambas regueifeiras, cualificadas artistas da arte de improvisar que seguen os pasos da pioneira de que se ten memoria aló polos principios do s. XX, Leonarda de Tallo. Alba e Lupe desafían non só ao xénero masculino, os tradicionais protagonistas destas disputas dialécticas, senón que o fan desde unha posición crítica e reivindicativa.
É hora de revisar o papel tradicional da muller na nosa sociedade. A nosa literatura popular reflicte aínda moitos síntomas dun machismo enquistado. Axudemos a extirpalo!