2 de abril de 2016
Co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a Consellaría de Cultura e a colaboración do Concello de Mondoñedo

A AELG propuxo visitar Mondoñedo cunha polafía especial polo tema, monográfico, a recuperación da memoria da actriz Manuela Rey, unha mindoniense absolutamente esquecida tanto en Mondoñedo como en Galicia. Nacida en Mondoñedo en 1842, esta actriz tivo unha carreira rápida e brillante, ata converterse nunha das principais figuras da interpretación en Portugal. Morreu de tifo cando o éxito máis lle sorría, con só 23 anos. Cando era unha nena pasa por Mondoñedo unha compañía dramática itinerante que se hospeda na fonda na que traballaba súa nai, viúva e con dez fillos. Manuela conquista aos comediantes que lle propoñen levala en adopción. Con só seis anos subiu aos escenarios recitando versos e facendo pequenos papeis. 

Aínda que hai outras versións da súa traxectoria, parece que Manuela chegou a Lisboa en 1856 formando parte dunha compañía de teatro ambulante. Pouco a pouco gaña prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacadas de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título Galería artística, da autoría de Machado, Andrade e Ferreira. Ademais de actriz, escribiu algunhas obras, así como cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos.

Moi boa asistencia de público, entre 110 e 115 persoas, algo máis da capacidade da sala que ten 95 asentos.
As intervencións foron moi variadas. Desde a historia familiar da actriz, a cargo de Andrés García Doural, a intervención de Manuel Lourenzo centrouse en contextualizar o teatro galego e en galego da época, practicamente inexistente. Na parte que podemos considerar de homenaxe houbo poesía a cargo de Chus Amieiro e Margarita Bermúdez, música, un tema orixinal a cargo de Fran Bouso, Xan Carballal musicou un poema de E. Vidal que interpretou Xulia Nogueira acompañada polos músicos Nara Carballal e Lino Rico, e Francisco Piñeiro e Mª Paz Rodríguez Silva recrearon unha pequena peza dramática titulada "O acougo das ánimas". Isidro Novo leu a elexía fúnebre "Coroa de perpetuas" de Ernesto Marecos, e o ambiente musical con temas populares portugueses correu a cargo de Alberte Núñez.

 


As polafías son un proxecto nacido en 2007, tamén da man da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e que, con coordinación de Antonio Reigosa, ten como obxectivo recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular, por medio dunha adaptación das antigas xuntanzas tradicionais (fiadas, polavilas, etc) aos tempos actuais, nos que os recursos técnicos permiten darlle un carácter estábel e con garantía de futuro á creación espontánea dos asistentes.
A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora nos axudamos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de internet, para conseguir unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros  literarios amosados; dun músico, que interpreta  romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constitúeno os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, son os veciños de cada lugar onde se desenvolve a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas. O que sucede nas polafías é gravado, editado, catalogado e subido á web da AELG para a súa posta a disposición a toda a cidadanía. Moitas das visitas que recibe esta sección proceden da emigración.