1 de outubro de 2016
Co apoio da Consellaría de Cultura

POLAFÍA en Muíños (Ourense)

Nas instalacións da Sociedade cultural, deportiva e xuvenil Fontefría, Complexo Turístico “O Corgo” (como chegar).
Sábado, 1 de outubro de 2016, ás 17:00 horas
ENTRADA LIBRE

Historias de arraianos

Máis de 70 persoas asistiron, nun ambiente entregado, a grandes historias da raia, de todo tipo, de interese arqueolóxico, represaliados da guerra, historias de contrabandistas, de crimes. Contamos con intervencións de xente de Portugal que nos falaron do Castro Laboreiro e doutras cousas. 
A poesía de poetas arraianos, dun e doutro lado, que leu Isidro Novo. Os contos do señor Celso.
Coa música do grupo local, Ordeikí, e coa colaboración de Xurxo Souto, en case tres horas moi entretidas.
Un magnífico traballo de coorganización da Sociedade cultural, deportiva e xuvenil Fontefría.

Reportaxe fotográfica, aquí (as fotos 1 a 21 son da autoría de Mani Moretón, a quen a AELG agradece o seu traballo).

Coas intervencións de:     

  • David Pérez
  • Celso Diz
  • Inés Rodríguez
  • Carlos Morais
  • Antonio González Baralló
  • Lino Perdiz
  • Isidro Novo
     

Música: 

  • Xurxo Souto
  • Ordeikí

 

Organizaron:

  • Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG
  • Sociedade cultural, deportiva e xuvenil Fontefría

 

Colaboraron:

  • Asociación Os Arraianos
  • Libraría Aira das Letras (Allariz)
  • Livraria Traga-Mundos (Vila Real)
  • Núcleo de Estudos e Pesquisa dos Montes Laboreiro

 

Patrocinou:

Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura)

O cartel en pdf, aquí.


As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.