Paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra.
Sábado 23 de setembro, Pontevedra e a literatura infantil e xuvenil, con Eva Mejuto.
Este roteiro procurou, a través da miña experiencia persoal e profesional, facer un percorrido de Pontevedra usando como fío condutor a LIX, que vai desde a presenza na cidade das editoras Kalandraka e OQO (ás que estiven vencellada nestes case vinte anos da miña vida na boa vila), á Facultade de Belas Artes, onde dou aulas no Master de Libro Ilustrado, facultade da que saíron ilustradores e ilustradoras de recoñecemento internacional.
Sábado 30 de setembro, A voz secreta das pedras, con Xesús Constela.
As pedras de Pontevedra teñen unha voz secreta, polo que o paseo comezou no cruceiro de Santa María para falar do que nos pode contar a contraportada da igrexa. Dende alí baixamos até a praciña que esta diante do teatro principal para logo pasarmos ao lugar onde estaba o obradoiro de Gráficas Torres de Sabino Torres. Diante do Liceo demos paso a Celso Emilio (e, por suposto, a Moraima). Baixamos até a praza de Méndez Núñez para achegarnos a Valle Inclán e a Frei Martin Sarmiento. Na praza da Ferrería achegámonos á igrexa de San Francisco para visitar a tumba de Paio Gómez Chariño a escoitar as súas cantigas. Camiño do Café Moderno, onde revisitamos a obra de Castelao e Torrente Ballester entre outros e rematamos o paseo facendo unha parada na casa de Luís Amado Carballo.
.