Paseos pola Coruña da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
2 de abril
Con inicio diante da libraría Lume e remate no adro da Igrexa de Santiago.
Fomos ao rescate da memoria para así a memoria vir rescatarnos, reactivar o noso presente.
A Cidade é un libro e ese libro contén moitos mundos.
O noso paseo literario foi anfibio, polo visibel e invisíbel, co fondo da historia dramática da Cultura e a capacidade de re-existencia, da man de Os libros arden mal, O último día de Terranova e A boca da Terra.
23 de abril
Punto de partida: Planetario da Casa das Ciencias.
Saímos do ventre escuro do que nace todo, Planetario da Casa das Ciencias, onde lembraremos figuras como o astrónomo Ramón María Aller ou Antonia Ferrín e veremos algún texto. Seguimos nos pasos da música e de aí aos tentáculos dos intelixentes monstros mariños que comemos á feira ou na súa tinta. Paradas para pasar páxinas de libros, pisar os magos -por que non magas- do humor e beber da fonte do gato cornudo; e de aí, pegada tras pegada, para percorrer o infinito gravado nunha das lousas da Cidade Vella e acabar coa Marola e a mar toda. De novo ás beiras do océano cósmico. Ou cosmicómico.
14 de maio
Punto de partida: Campo de Marte, entre Ramón del Cueto e a Avenida de Hércules.
Porque as xeracións non só se len, tamén se viven, porque as poetas son animaliños que poden saír tanto nos libros de texto coma nos bares da noite, alguén que se sente acompañada polo luxo canalla de toda unha cuadrilla tan humana como divina, fainos un percorrido polas súas autoras contemporáneas, e antes que nada compañeiras.
11 de xuño
Teñen todas as cidades unha outra vida que, por veces, non se ve. Unha vida feita da textura das letras, de sangue de tinta e alma vestida nas historias. Nas que foron e nas que non foron... Desta volta, propóñovos un paseo por esoutra cidade, A Coruña de Rosalía e Murguía. Un paseo tralas pantasmas daqueles nomes, de Gala, de Alejandra, de Anxo Aián e de Aurelio Aguirre, desde as miserias de rúa Tabernas, axustando as contas da Real Academia Galega, até as sombras do cemiterio de Santo Amaro e as súas tebras, a escuridade na que, moitas veces, vive a luz verdadeira.
A máis, esta vez tamén deixaremos que nos acompañe algún dos personaxes de Os fillos do mar para botar con el unha ollada a algunha das xoias modernistas que, ao contrario do que aconteceu noutras, esta cidade tan ben soubo conservar. E todo, por suposto, sen deixar de lado o humor, que por algo hai na cidade unha praza a el adicada. Ou acaso non vos parece suficientemente gracioso que veña un de Vigo ensinarvos a cidade? ;)
Espero que sexa do voso maior agrado!