Do 16 de outubro de 2017 ao 21 de outubro de 2017
A AELG colabora canda o Concello de Pontevedra no acto do mércores, 18 de outubro, ás 20.00, na Casa da Luz (Praza da Verdura, Pontevedra).
Foto da actividade

Cita xa consolidada desde hai seis anos, baixo a dirección de Yolanda Castaño, o Obradoiro Internacional de Tradución Poética acolleu neste 2017 unha edición excepcional e única no mundo. O evento de tradución plurilingüe, colectiva e recíproca da illa de San Simón, que durante as cinco edicións anteriores empregara o inglés como lingua franca de comunicación entre poetas/tradutores chegados de catro continentes, encarou o reto expresivo de desprazar o punto de apoio cara a un novo idioma: o portugués.
Desafiando a anglófona hexemonía lingüística global, Con barqueira e remador despregou un proxecto que fai da nosa lingua irmá vehículo de comunicación internacional, e faino mesmo fóra das fronteiras portuguesas. Así, este vello idioma demostra servir de ponte entre autores/as que nos visitan desde América, Asia e Europa. Falouse en portugués nese simbólico berce fundacional da lírica galegoportuguesa  que é a illa de San Simón, para traducir poemas ao italiano, ao chinés, ao asturiano, ao croata, ao finés e ao galego.
O obradoiro desenvolvido entre estas seis magníficas plumas e mais os seus expansivos froitos daranse a coñecer en cadanseu territorio de orixe. Será tamén o xeito de que floreza máis alá aquilo que xermole en Galicia, ao abeiro da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Concello de Redondela, como entidades colaboradoras principais.
Os traballos de tradución entre o grupo residente na illa enriquecéronse, un ano máis, cun programa de actos que conectará os e as participantes co rico tecido cultural da Galicia sur. Puideron amosar o seu traballo en Pontevedra, en Vigo e en Redondela, en colaboración con concellos, asociacións gremiais, centros culturais e festivais de poesía. Foi un xeito de non deixar pasar a magnífica oportunidade de que os e as amantes da poesía coñeceran de preto algunhas das poéticas actuais máis interesantes do mundo, en moitos casos vertidas ao galego por primeira vez. 

Vexa aquí o informe de prensa das actividades.


Estes foron os recitais poéticos multilingües:

Mércores 18 | 20 h
Casa da Luz. Praza da Verdura. Pontevedra
En colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra.
A mellor mostra tanto do traballo poético dos autores/as participantes coma do labor de tradución (ao galego) durante o proxecto. Pode ver as fotos, cortesía de Alberto Pombo (todos os dereitos reservados), aquí.

Xoves 19 | 20 h
Instituto Camões. Casa Arines, Praza Tenente Almeida, s/n. Vigo
En colaboración co Festival Kerouac Vigo de Poesía e Performance e co Centro Cultural do CAMÕES.

Venres 20 | 20 h
Casa da Cultura. Praza de Figueroa, 3. Redondela
En colaboración co Concello de Redondela.
Peche do obradoiro no que cada poeta recitou no seu idioma orixinal, seguido das versións en galego realizadas para a ocasión.