A AELG colabora canda o Concello de Pontevedra no acto do mércores, 21 de outubro, ás 21.20, na Casa da Luz (Praza da Verdura, Pontevedra). Mostra tanto do traballo poético das persoas participantes no obradoiro como do labor de tradución ao galego desenvolvido durante o proxecto.
Os/As poetas convidados/a a esta cuarta edición do Obradoiro "Con barqueira e remador" serán: Nikola Madzirov (Macedonia), Yasuhiro Yotsumoto (Xapón), Tal Nitzán (Israel), Josep M. Rodríguez (Cataluña), Sholeh Wolpé (Irán), Ostap Slyvynsky (Ucraína) e Estíbaliz Espinosa (Galicia).
Os outros actos públicos son:
- Xoves 22 outubro, 20h: Charenton Club Cultura. r/ Ramón Neto. Vigo (En colaboración coa AGPTI).
- Venres 23 outubro, 20h: Auditorio do Multiusos da Xunqueira (en colaboración co Concello e a Biblioteca Municipal de Redondela).
A cuarta edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética vólvese celebrar durante unha semana na illa de San Simón, entre o 19 e o 24 de outubro, logo de tres exitosas edicións que tiveron lugar en datas semellantes de 2012, 2013 e 2014. Aloxado e inspirado na illa de San Simón, o VI Obradoiro internacional de tradución poética "Con barqueira e remador" é unha iniciativa pioneira no noso país aínda que concibida a semellanza de outras moitas que se celebran no mundo, e que xa se está a converter nunha cita anual do outono en Galicia.
O obradoiro especializado, dirixido a un grupo de participantes chegados dende diversas linguas de Oriente Medio, Extremo Oriente e Europa, congregará nesta ocasión a 7 poetas de recoñecido prestixio en lingua parsi, macedonia, hebrea, catalá, ucraína, xaponesa e galega. Todos cumpren o dobre perfil de seren poetas recoñecidos/as dentro dos seus sistemas literarios e, á vez, solventes tradutores/as literarios con obra publicada ás súas costas. A lingua franca ou vehicular do obradoiro será o inglés, idioma ao que estarán vertidos os textos de apoio cos que se traballará, sempre a carón dos orixinais (unha selección de ata 6 páxinas por autor/a). Así, durante un intensivo traballo colectivo, presencial e recíproco, todos os textos serán trasladados a cada unha das linguas representadas polos convidados e convidadas. Mediante lecturas en voz alta, postas en común, debates grupais ou diálogos por parellas, conseguirase puír, perfilar e rematar os bosquexos de traducións que os poetas traian a Galicia, despois de seren os textos distribuídos cunha certa antelación.
Con todo, ademais deste traballo intensivo que se celebrará nas instalacións da illa en horarios de mañá, a oportunidade única de contar en Galicia con este grupo de fantásticos poetas estranxeiros/as non podía quedar aí. Por iso, e tamén para que os e as convidadas teñan a ocasión de coñecer máis de preto o tecido cultural do país e tomar contacto cos nosos públicos, desenvolveremos un xeitoso programa de actividades organizadas en colaboración con distintas entidades e organismos presentes na Galicia sur para esa semana de outubro. Serán tres recitais multilingües en Pontevedra, Vigo e Redondela, todos eles actos abertos e gratuítos. Eles constituirán a mellor mostra do traballo poético dos autores e autoras así como da tradución ao galego, e están organizados en colaboración con diferentes entidades culturais e administracións da Galicia sur.
Josep M. Rodríguez naceu en Súria (Barcelona) en 1976 e reside en Lleida. Debutou a finais dos 90 con Las deudas del viajero e cun poemario escrito en catalán, Castell de sorra, V Premio Universitat de Lleida. Mais, dende aquela, a súa obra literaria tense desenvolvido maiormente en castelán, como testemuñan os títulos: Frío (2002), La caja negra (2004), Raíz (2008) e Arquitectura yo (2012), polo que obtivo o Premio de Poesía Generación del 27. Toda unha traxectoria que recolle a antoloxía Ecosistema (2015). A obra de Josep M. Rodriguez, que se ten traducido en parte a diversos idiomas, foi distinguida con galardóns como o Premio Internacional de Poesía Generación del 27, e fai parte das máis importantes antoloxías de poesía española contemporánea, xa publicadas dentro xa fóra do Estado. Desempeñándose como crítico literario dende 1998, publicou Hana o la flor del cerezo (2007) –un ensaio arredor da poesía xaponesa na literatura occidental que acadou o Premio Internacional Amado Alonso de Crítica Literaria en 2007– e as antoloxías Yo es otro. Autorretratos de la nueva poesía (2001) e Alfileres. El haiku en la poesía española última (2004). Do seu labor como tradutor cabe salientar os Poemas de madurez (2004), de Kobayashi Issa.
Sholeh Wolpé é poeta, dramaturga, editora e tradutora. Naceu no Irán e pasou a meirande parte da súa adolescencia en Trinidad e Gran Bretaña antes de se instalar en Os Ánxeles (California). É autora de tres libros de poesía, tres de traducións e editora de tres antoloxías. Como editora literaria publicou –entre outras obras– unha antoloxía da poesía americana de protesta, ou tamén a titulada O prohibido: poemas do Irán e os seus exilios. Como tradutora, cabe salientar unha escolma da fascinante poeta persa Forugh Farrokhzad, unha colección de contos de tres autores iranianos, unha co-tradución ao parsi do Canto a min mesmo de Walt Whitman e, proximamente, A conferencia dos paxaros de Attar, o místico iraniano do s. XII. Ademais de gozar de residencias no estranxeiro, Wolpé foi galardoada en 2014 coa bolsa do Pen/Heim, en 2013 co Premio Midwest, e no 2012 co Premio Persa de Tradución Lois Roth.
A súa obra ten sido traducida a varias linguas e incluída en numerosas antoloxías tanto dos Estados Unidos coma doutros países. Wolpé impartiu aulas de escrita creativa e tradución literaria no máster de Stonecoast e, frecuentemente, participa en festivais, programas internacionais e diversas actividades universitarias.
Nada en Jaffa (Israel), con raíces arxentinas, Tal Nitzán é poeta, novelista, editora e tradutora. Hoxe reside en Tel Aviv, dende onde coordina dúas coleccións de literatura latinoamericana e hebrea. Publicou seis poemarios, dúas obras infantís e dúas compilacións de poesía hispanoamericana. Incansable activista pola paz e o diálogo, editou en EE.UU. e Francia unha revolucionaria antoloxía de 20 anos de poesía israelita de denuncia. Con máis de oitenta libros ás costas, Nitzán é unha das meirandes tradutoras de literatura hispánica para o hebreo: Machado, Lorca, Neruda, Borges, Octavio Paz, Cortázar, Vallejo, Pizarnik, Onetti, García Márquez, Delibes, Bolaño ou Vargas Llosa, ademais dunha adaptación do Quixote para a mocidade. Por este labor recibiu galardóns como o do Ministerio de Cultura en dúas ocasións, o Premio Tchernijovsky para tradutores sobresalientes e unha Medalla de Honra do Presidente de Chile.Como poeta recibiu distincións coma o Premio Bernstein de Poesía, o da Asociación de Editores ou o do Ministerio de Cultura. Ademais, poemas seus foron traducidos a máis de vinte idiomas e amplamente antologados, e publicáronse escolmas da súa poesía en italiano, francés, lituano, portugués, alemán e español.
Yasuhiro Yotsumoto naceu en 1959 en Osaka pero criouse principalmente en Hiroshima. Así a todo, leva dende 1986 vivindo fóra do seu país, e faino en Múnic dende hai 21 anos. Ten once libros de poesía publicados, incluíndo títulos como A risa frouxa, (1991), O Congreso Mundial dos de Mediana Idade (2002), Tarde das palabras prohibidas (2003) –que acadou o prestixioso premio Hagiwara Sakutaro-, Hora Dourada (2004), A estribor da miña muller (2006), Logos pirateado (2010) ou Prisioneiro do xaponés (2012) entre os individuais, e Poesía contra Vida (2005) e O calendario embarrado (2008) asinados a dúas mans con Masayo Koike e Inuo Taguchi respectivamente. A súa última publicación é Xornal poético do Xapón moderno (2015). Tamén neste ano viu a luz a súa primeira novela, O falso poeta, e a colección de ensaios Aos queridos poetas!
Os seus poemas téñense traducido a máis de 20 linguas, incluíndo tres libros publicados en Australia, Serbia e Romanía. Así mesmo, é autor de novela, conto, ensaios, crítica literaria e traducións ao xaponés de autores como Li Po, Dante, Rilke ou Emily Dickinson entre outros. A súa actividade como editor repártese entre a sección xaponesa do portal web Poetry International e a revista xaponesa de poesía Beagle.
Nikola Madzirov naceu en 1973 en Strumica –actual República de Macedonia– como descendente de refuxiados das Guerras Balcánicas de principios do século pasado. É poeta, ensaísta e tradutor. A súa poesía está hoxe traducida a corenta idiomas e publícase en seleccións e antoloxías por todo o mundo. A súa ópera prima, Encerrados na cidade (1999), foi galardoado coma o mellor libro debutante de Macedonia. No mesmo ano publícase Nalgures ningures, que se fai co Premio Aco Karamanov. O seu libro máis recente, Pedra trasladada (2007), valeulle o Premio Hubert Burda para poesía de Europa do Leste, así coma o Premio Irmáns Miladinov, o máis prestixioso de Macedonia en poesía. A esta bibliografía hai que sumar libros seus, en tradución, aparecidos en Croacia, Reino Unido, EEUU, Alemaña, Bulgaria ou Albania, unha lista á que en 2013 se sumou o seu primeiro poemario en castelán, Lo que dijimos nos persigue.
Foi redactor de poesía na revista literaria e cultural Blesok, e un dos coordinadores da rede poética Lyrikline. Ademais, ten recibido numerosas bolsas internacionais como escritor en residencia, caso da IWP da Universidade de Iowa, DAAD e LCB en Berlín, KulturKontact en Viena, Passa Porta en Bruxelas ou Willa Waldberta en Múnic.
Estíbaliz...Espinosa (A Coruña, 1974) é escritora e música, filóloga e socióloga de formación. Da súa curiosidade pola literatura e a ciencia xorde boa parte da súa obra poética –curiosidade é o seu último título–, así como da súa insaciable procura de novas canles para o contido, xa en papel, en pantalla ou en redes sociais. Escribe relatos, artigos, mantén www.estibalizespinosa.com e estibalizespinosa.bandcamp.com, administra un blog de traducións (proxecto sagas), e fai obradoiros e recitais-concerto tanto dentro como fóra do Estado.
Outros títulos seus son: Pan (libro de ler e desler) (2000), -orama (2002), número e (2004), Zoommm.Textos biónicos (2007, 2009), papel a punto de (2011) ou o libro infantil Caer de cu polo universo. Concedéronlle os premios Esquío, la Voz+Joven, Serie B de LABoral ou José Saramago de relato, entre outros.
Co híbrido literatura/ciencia artellou dende recitais de literatura e astronomía, ou de ciencia-ficción e robótica, a microrrelatos radiofónicos sobre mulleres científicas. Tamén mesturou música e literatura nalgúns proxectos, ou arte e novas tecnoloxías noutros. Escribe e traduce textos para a Orquesta Sinfónica de Galicia, entidade na que traballou como membro do coro.
Ostap Slyvynsky é poeta, tradutor, ensaísta e crítico literario. Naceu na cidade ucraína de Lviv (ou Leópolis) en 1978. É autor de catro poemarios en ucraíno: O sacrificio do Gran Peixe (1998), A liña do mediodía (2004), Baile na escuridade (2008) e Adán (2012). Tendo sido parcialmente traducido ata a quince linguas, unha súa escolma poética publicouse en polaco en 2009 e en ruso en 2013; e outra obra fíxoo en Eslovaquia neste 2015.
No ano 1997 foi galardoado na Ucraína co Premio Literario B. I. Antonych, en 2009 recibiu en Alemaña o prestixioso Hubert Burda e en 2013 o premio da estadounidense Fundación Kovalik. Activo participante e colaborador en multitude de festivais literarios dentro e fóra do seu país, el mesmo coordinou o Festival Internacional do Forum de Editores en Lviv en 2006 e 2007. Ademais, é o editor asociado da revista literaria polaco-xermano-ucraína RADAR.
Slyvynsky traduce do búlgaro, do inglés, do macedonio, do polaco e do ruso (Czesław Miłosz, Andrzej Stasiuk ou Derek Walcott entre moitos outros). En 2007 concedéuselle o galardón da Embaixada Polaca á mellor tradución do ano, e –doutorado en literatura búlgara contemporánea– na actualidade traballa dando aulas de literatura polaca na Universidade de Lviv.