19 de marzo de 2016
Co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, e a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», tivo lugar o 19 de marzo, na xornada previa ao Día da Narración Oral.

O obxectivo principal da Gala é a entrega dos IV Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se concede a dous informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.

O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás. 
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.

A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, aprobada na Asemblea xeral de Socios-as, foi a de outorgar os premios de 2016 a Dolores Macías Pose e Mini e Mero.

No acto, ademais dos premiados, interviron o grupo de gaiteiros Lúa chea de San Xoán, o acordeonista Eloi Mato, Matilde Vilariño e Francisco Almuíña.

 

Estas foron as palabras do presidente da AELG:


Hai cidades que desenvolven de xeito referencial a súa vocación literaria, que todo o impregnan dela. Este é o caso de Lugo e a Literatura de Tradición oral: que cada actividade que desenvolve esta Sección da AELG sexa un éxito, que teña unha tan grande acollida social, dá medida de que Lugo está a ser a Capital da Literatura de tradición oral da Galiza.
E quizais, non moi lonxe no tempo, un grupo escultórico celebre os homes e mulleres que honramos.
Dende a AELG achegámonos á nosa tradición oral como algo fundacional en nós, pois o escritor e a escritora teñen a responsabilidade de beber das augas profundas desta súa tradición para a facer pan de a diario na complexidade dun hoxe que vén a nós extenuado e ferido, colonizado das máis diversas formas.

En palabras de Otero Pedraio, sempre enorme el: «…disfrutou Galicia desde o amencer dos tempos históricos dunha conciencia orixinal. Esa conciencia pervive ainda hoxe.» «Conciencia que vive na zona íntima intraducible e libre do pobo galego.»  engadía. A nosa oralidade está amasada coa mesma terra ca nós, e o mesmo vento de chairas e montañas e ríos de noso; habita nesa zona íntima intraducible que Otero citaba. Somos un país cun riquísimo e fértil sistema literario, que chanta as súas sempre novas raíces na lingua antiga do que é emoción intraducíbel, luminosamente secreto. Nese lugar do ser que somos nace o mundo de lendas que tecemos con aloumiños dende o silencio unánime dos eidos, que vive acochado nos pregues do noso ser colectivo, da terra erma que somos e da que facemos terra de labor. 

Mais ningún pobo constrúe a súa tradición oral da nada. A cultura chamada inmaterial está asentada sobre unha moi antiga cultura material. Fomos canteiros a facer cantar a pedra en oración románica e barroca. Fomos labregos do barro que fixo a cunca que ama o leite cru, que do sábrego constrúe o corpo do propio soñar.
Somos unha das máis antigas nacións da Europa e isto significa que construímos unha inmensa tradición, o que hoxe é fardel da nosa oralidade, depositada no noso patrimonio cultural, que alimenta o que somos e o que soñamos ser. 
Todo isto é o humus nutricio que alimenta non só a nosa escrita literario, mais tamén o conxunto da cultura que vai de man en man e que só se concreta no maxín que transmitimos de xeración a xeración, a alma viva do que nos constitúe, desta patria nosa onde lles demos nomes ás encrucilladas para dármonos testemuño de como construímos as encrucilladas do noso devir. 
Coa sabedoría popular, que fai as preguntas, respondemos creando mitos e lugares simbólicos. Cantamos coplas, contamos contos, máxicas lendas, historias onde a verdade mente: construímos culturalmente realidade. 

Na nosa tradición oral está depositada a chave que resolve e mantén viva a tensión entre a nosa natureza e o home, a muller que somos, entre a cultura e o seu enigma. Grazas a esta íntima presenza na cerna do noso ser somos o pobo que habita esta patria no mundo.
Ter unha tradición oral como a nosa significa ter un sistema de interpretación do mundo, da historia; que nos dotou e dota da conciencia de sermos e da capacidade de gardar aquilo que permanece, de dialogar con outras culturas sen sermos asimilados. 

Así, hoxe, celebramos os Mestres e Mestras da nosa cultura, Mestres e Mestras da Memoria. Porque estes premios? Seguindo as recomendacións da UNESCO, a Sección de Literatura de Tradición Oral e o Consello Directivo da AELG consideramos que o alicerce básico sobre o que construírmos sentimentos de identidade pasa por identificar e recoñecer publicamente aqueles homes e mulleres que posúen en grao sumo os coñecementos e técnicas precisas para interpretar ou recrear determinados elementos do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.
A salvagarda e continuidade deste patrimonio vivo, apousentado na memoria individual e colectiva, depende da consideración social que sexamos capaces de conceder a todos e cada un destes depositarios e depositarias, que son en definición da UNESCO verdadeiros Tesouros Humanos Vivos.

É por isto que hoxe recoñecemos como Mestra e Mestres da Memoria a Dona Dolores Macías Pose, e a Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias –Mini e Mero–.
Con gratitude, porque o noso idioma, como eterna candea, iluminará a nosa cultura, vivirá grazas a eles, a ela, e será en cada neno ou nena un vivo presente. Porque grazas ao seu saber alimentamos a esperanza.

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Lugo, 19 de marzo de 2016

 

Esta é a laudatio que Isidro Novo leu na entrega da distinción a Mini e Mero:

 

Así como hai a lenda urbana daquel ao que lle preguntan se leu a Ortega y Gasset e responde que a Ortega si, pero a Gasset non, con Mini e Mero podería darse o caso contrario, que alguén afeito a ver as súas identidades unidas nos papeis, pero que non os coñecese, pensase que esas dúas bisílabas copuladas fosen o alcuño simbólico dun único artista dedicado á cantautoría de composicións breves e puras.

Pero mesmo coñecéndoos e sabendo que son par, custa pensar en un sen o outro, xa que a súa unión amical, profesional e artística, ben de moi lonxe. Tan unidos quixo telos o destino, que entre o begontino da barba longa e alba e o vilalbés da curta e cinsenta, só mediou unha novena por san Xoán.

Ademais os dous exerceron a docencia e foron mestres en concellos lindantes coruñeses como son Boimorto e Mesía.

Con eles e algúns máis comezaron fuxir os ventos dos agoreiros alá polo ano 72 e logo dunha década fermosa e de grande éxito, no 84, quixeron reconducir a súa auga e crearon a Quenlla que ata o día de hoxe segue a levar o curso da súa música e da súa palabra polo país. A súa palabra que vindo de fontes distintas, nunca deixou de ser nosa, ou se o foi vestírona co agarimoso liño do noso idioma.

Cantaron e cantan todo o cantábel que teña que ver con este país, porque non se conformaron con revivir as letras populares da nosa tradición, senón que incorporaron ao seu repertorio composicións propias dos dous e de cada un, e ademais musicaron autores da nosa literatura como Xabier Prado Lameiro, como Luís Pimentel ou como Luís Seoane. Debémoslles a eles que teñan música escritores como Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Xosé Neira Vilas ou, por suposto, Manuel María. E cantados e musicados por estes dous foron tamén autores máis achegados no tempo como Méndez Ferrín, Marica Campo, Darío Xohán Cabana ou o louzarín Fiz Vergara Vilariño. E mesmo incluíron traducido algún poeta de fóra, como é o caso do salmantino Marcos Ana.

 

Pero o traballo desta parella de chairegos non se limita á música é á musicoloxía, tras deles hai un inxente traballo de campo, de recoller da fala dos nosos maiores a súa memoria, sexa en prosa ou en verso. De aí que haxa a día de hoxe grazas a eles unha publicación titulada Contos de vellos para nenos (1995), cuxo título que xa di do que vai, que exista mercé ao seu labor outro libro chamado Somos lenda viva (1996), que tamén indica claramente o seu contido e que teñamos nas nosas bibliotecas a obra Cantos, Coplas e Romances de Cego da que xa viron a luz dous tomos (1998 - 2001) e seica queda masa para máis fornadas. O arquivo sonoro destes traballos foi cedido ao Museo do Pobo Galego para o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. Tamén teñen participado como creadores musicais en obras de teatro como aquela titulada Pan, catro propostas arredor da malla.

Pero o traballo a catro mans non lles quitou de facer realizacións individuais, e así, se Xosé Luís Rivas Cruz se dedicou no seu día a crear a música do vídeo da Historia da Lingua Galega, compuxo a de Os señores da palabra. Historia do día das Letras Galegas (que recolle as celebracións ata 1994 inclusive) e mesmo musicou o Manifesto de 70 anos de Nacionalismo, por pór só uns exemplos, a Baldomero Iglesias Dobarrio deulle tempo a escribir libros de versos como Na lonxitude do tempo, Recendos de luz e de sombra e No papel que mudo escoita.

Con este currículo de ambos, no que sen dúbida esquezo cousas e outras salto a mantenta para non alongar a presentación, a ninguén lle pode estrañar que lles outorgasen o Pedrón de Ouro no ano 2009 e que no 2011 os distinguisen co Premio Ramón Piñeiro – Facer País. E por todo isto que dixen e aínda polo que non dixen, ninguén que seguise a súa carreira cuestionará os merecementos para que hoxe a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega os recoñeza como Mestres da Memoria desta terra pola que tanto levan traballado.

A proposta foi coa aprobación unánime do Grupo de Traballo da Sección de Literatura de Tradición Oral, composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Antonio Reigosa, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela e Isidro Novo, proposta que o Consello Directivo da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) someteu á consideración da Asemblea Xeral, celebrada o 13 de febreiro de 2016 en Santiago de Compostela, aprobando conceder o título de MESTRES DA MEMORIA 2016, e entregar os diplomas que así llelo recoñecen a Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero).

 

E esta a laudatio que Antonio Reigosa dedicou a Dolores Macías Pose:

 

Dolores Macías naceu o 7 de abril de 1930 no lugar de Borneiro, no concello de Cabana de Bergantiños. Ten, por tanto, case 86 anos.

Dolores Macías é unha muller que namora, de voz doce, e de memoria prodixiosa.

Sendo moza participou das diversións propias do rural, levou unha vida de traballos nunha casa de labranza. Criouse entre 10 irmáns, que en moitos casos se foron indo polo mundo, ou aprenderon oficios que ela rexeitou para ser o que sempre foi, labrega.

Aprendeu o traballo do liño, e, de paso, os cantos de fía nas fiadas de Esmorís, Cesullas, ou Bamiro, en Vimiazo.

Alí en Borneiro é coñecida como "Dolores do coxo". É unha muller alegre, sempre disposta ao canto, e ao baile (antes máis que agora, pero apoiada no bastón aínda lle bota unha peza), e mesmo a tocar instrumentos como a pandeireta para interpretar co puño pechado, por exemplo, a muiñeira vella de Borneiro.

Aprendeu a cantar da súa nai, e doutras mulleres da veciñanza.A viaxe máis longa, e tamén a máis pracenteira que fixo na súa vida, foi a Venezuela, cando estivo por aló uns noves meses visitando aos irmáns emigrados Maruja e Manolo.

Sabe centos de coplas de todo tipo, romances vellos e novos como Cristovo e Micaela, que aprendía na feira de Baio dos músicos ambulantes que alí chegaban.

Participou en numerosas gravacións e recollidas por parte de grupos tradicionais como Xacarandaina, contribuíu ao Cancioneiro de Cabana de Bergantiños de Pablo Díaz e Olga Kirk, participou nas polafías que organizou a AELG no Couto-Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Tallo, tamén en Ponteceso. Participou en programas de televisión, en festas e romaxes, e alí onde a convocan a festexar e cantar, sempre está disposta.

Hai uns poucas datas gravamos unhas cantas coplas máis (sempre sabe máis, nunca as acaba), e algúns romances, no Centro de Interpretación do dolmen de Dombate.

Xunto coa súa amiga Aurora Ramos (nacida en 1913), 102 anos de alegría (aquí presente) participou ao longo da vida en moitas actividades.

Así que a proposta e coa aprobación unánime do Grupo de Traballo da sección de Literatura de Tradición Oral, composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Isidro Novo, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela e Antonio Reigosa, o Consello Directivo da AELG (Asociación de Escritoræs en Lingua Galega) someteu á consideración da Asemblea Xeral, celebrada o 13 de febreiro de 2016 en Santiago de Compostela, e esta aprobou conceder o título de Mestra da Memoria 2016, e entregar o diploma que así llo recoñece a Dolores Macías Pose.