Do 26 de setembro de 2016 ao 19 de outubro de 2016
"Teoría de contrarios" Co patrocinio da Secretaría xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo
Foto da actividade

Teoría de contrarios. Arredor de camiños diverxentes non necesariamente excluíntes.

Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo
Entrada libre

 

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, achegaron á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.

O obxectivo xeral foi que o alumnado obtivese unha unha panorámica subxectiva da situación dos xéneros poético, narrativo e teatral en Galicia na actualidade a través das/os súas/seus creadores/as. Despois de cada mesa redonda houbo un coloquio aberto para dar oportunidade ao alumnado de formular as súas preguntas.

 

Luns, 26 de setembro | 12:00
Literatura e/ou mercado?
Susana Sánchez Arins e Xesús Constela
Reflexión sobre o concepto de gran público no sistema literario galego.
Inauguración do XI ciclo de mesas redondas '' Escritoras/es na Universidade''
Teoría de Contrarios
26 de Setembro de 2016
 
Henrique Costas
Profesor, Universidade de Vigo
Cesáreo Sánchez
Presidente, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Este é o texto da súa intervención.
Maribel del Pozo Triviño
Profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, Universidade de Vigo
Rexina Rodríguez Vega

 

 
Literatura e/ou mercado?
Reflexión sobre o concepto de gran público no sistema literario galego
 
Susana Sánchez Arins
Escritora
Xesús Constela
Escritor

 

Quenda de Preguntas. Literatura e/ou mercado?
Reflexión sobre o concepto de gran público no sistema literario galego
 
Susana Sánchez Arins
Escritora
Xesús Constela
Escritor

 

Mércores 5 de outubro | 10:00
Poesía ou performance?
Iolanda Zúñiga e Silvia Penas
Dos límites difusos entre a poesía e a performance.
 
Presentación Poesía ou performance?
Presentación das poñentes
Presenta: Vanessa Glemsel
Dúas gamberras e un micro
Presenta: Nuria Vil
Dúas gamberras e un micro

 

Poesía ou performance?
Dos limites difusos entre a poesía e a performance
Iolanda Zúñiga
 
Escritora, poetisa e narradora
Silvia Penas
Texto e voz, Cintaadhesiva

 

 
Mércores 19 de outubro |10:00
Drama ou postdrama?
AveLina Pérez e Manuel Lourenzo
Sobre a vixencia do drama e do postdrama no relato teatral contemporáneo.
Presentación dos ponentes
Presenta: Uxío Couto Carballido
Especialista en dobraxe
Manuel Lourenzo
Escritor, actor, e director de teatro e dobraxe

 

Drama ou postdrama?. Ponencia de Manuel Lourenzo González
Manuel Lourenzo
Escritor, actor, e director de teatro e dobraxe

 

Drama ou postdrama?. Ponencia de AveLina Pérez, y coloquio
 
AveLina Pérez
Actriz

 

Presentación dunha obra de AveLina Pérez
AveLina Pérez
Actriz

 

Tripalium
 

 

Rolda de preguntas
Manuel Lourenzo
Escritor, actor, e director de teatro e dobraxe
AveLina Pérez
Actriz

 


Crónica de M. del Río para o Diario da Universidade de Vigo (DUVI-26 de setembro de 2016):

O Ciclo de Escritores/as na Universidade analizará os camiños diverxentes na narrativa, a poesía e o teatro

O obxectivo, segundo Rexina Vega, é “ver como se argumentan liñas que semellan contrapostas, malia, no fondo, non o ser”

O ano pasado o Ciclo de Escritore/as na Universidade cumpriu dez nos. Neste 2016 inicia unha nova década con novos folgos para achegar a cultura e a escrita galega á comunidade universitaria. Desta volta as tres sesións, unha dedicada á narrativa, outra á poesía e outra ao teatro, xirarán arredor da teoría de contrarios. A profesora e escritora Rexina Vega, que coordina a organización deste evento en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, explica que tras dez edicións este é un espazo que “se vai consolidando como unha das citas máis interesantes para pensarmos nas tensións do sistema literario galego. Nun contexto tan precario como o que vive a cultura de noso, a lonxevidade é en si mesma un triunfo”.

O obxectivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Facultade de Filoloxía e Tradución e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, entidades involucradas neste proxecto, é achegar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos escritores e escritoras galegos. Deste xeito, trátase de crear unha panorámica subxectiva da situación dos xéneros poético, narrativo e teatral en Galicia na actualidade a través das/os súas/seus creadores/as. En palabras de Vega “o que este tipo de actuacións culturais achega é, ante todo, visibilidade, que o mundo universitario se decate das interesantísimas propostas da literatura do seu país”. 
O ciclo constará de tres xornadas, a primeira delas será este luns 26 de setembro ás 12.00 horas, e continuará os días 5 e 19 de outubro.

Camiños diverxentes non necesariamente excluíntes

Esta décimo primeira edición do ciclo titúlase Teoría de contrarios. Arredor de camiños diverxentes non necesariamente excluíntes e, como destaca Rexina Vega, se ben na anterior edición “buscábamos a afinidade, a lectura entre iguais, trazando paralelismos mesmo entre autores que non se leran previamente, pero que compartían poéticas, nesta ocasión optamos por afondar no camiño contrario”. É dicir, que a finalidade é “ver como se argumentan liñas que semellan contrapostas, malia, no fondo, non o ser exactamente”. Así, na sesión dedicada á narrativa, na que participarán o vindeiro luns a partir das 12.00 horas Susana Sánchez Arins e Xesús Constela, trátase de ver se é compatible a esixencia literaria coa busca do éxito para todos os públicos, “un vello tema”, aínda que Vega engade que “a actual presión do mercado debida á crise, con efectos especialmente devastadores nas linguas minorizadas, confire a este debate unha angustiosa actualidade”. Na mesa redonda sobre xénero lírico a organización apostou por un “unha soterrada pelexa”, a existente entre poesía e performance, entre dúas concepcións do fenómeno poético, “aquel que o expande e o fai hibridarse con outras linguaxes artísticas e aqueloutro que o fecha na textualidade reivindicada como valor”. Nesta segunda palestra, o mércores 5 de outubro ás 10.00 horas, participarán Iolanda Zúñiga e Silvia Penas. Finalmente, o mércores 19 de outubro á mesma hora concluirá esta edición cunha cita coas artes escénicas da man da de AveLina Pérez e Manuel Lourenzo, que debaterán sobre a vixencia do drama e do postdrama no relato teatral contemporáneo, “sobre como a concepción tradicional do teatro vese tamén asaltada pola auxe do postdrama, unha visión contemporánea na que desaparece a estrutura argumental e dinamítanse as xerarquías da representación”.

Tratando de consolidarse nunha contorna complexa

Na pasada edición, e coincidindo co décimo aniversario do ciclo, a organización optou por trasladar varios debates ao centro da cidade, tratando de estender esta palestra cultural. Pero como destaca Vega “é verdadeiramente difícil conseguir mobilizar o estudantado nun campus das nosas características, cun alumnado con residencia na contorna e que non pode identificar con claridade un circuíto cultural na cidade”. Con todo, con esta experiencia da pasada edición o ciclo tratou de conectar con “espazos vigueses verdadeiramente alternativos” que están a abrollar no centro. “Probablemente haxa que dar máis tempo a que estes foros se consoliden para podermos contar con maior afluencia”, reflexiona a docente e escritora.

Nesta ocasión, o ciclo regresa integramente á Facultade de Filoloxía e Tradución e pon en valor a importancia de que o alumnado comparta esta experiencia co escritores que representan o presente da literatura galega. Sobre a achegas que este tipo de actividades ofrecen aos alumnado, explica que “hai uns anos sería impensable ter que xustificar en termos de valor que escritores vivos veñan falar nunha facultade, daríase por suposto a importancia, mesmo a necesidade, de actos como estes”, remarca, pero “aí está o devalo do peso do literario na sociedade actual”. Po iso, reivindica a produción cultural escrita do país, “que aínda que hibridada con outras linguaxes, continúa a ser estratexicamente vital para existirmos como pobo”.

 

 

Crónica de M. del Río para o Diario da Universidade de Vigo (DUVI-5 de outubro de 2016):

Segunda sesión do Ciclo de mesas redondas Escritores/as na Universidade

A acción poética ábrese paso entre a poesía tradicional e a performance

Iolanda Zúñiga e Silvia Penas reflexionaron sobre os límites difusos entre estas dúas modalidades creativas

 
 
A poesía contemporánea explora novos límites e distánciase do academicismo transitando por un camiño que a achega mesmo a converterse nunha nova disciplina artística, na que se mesturan linguaxes creativas. A poesía transcende ao poema, ao poeta e ao contexto físico e temporal. Libérase de regras e abre un novo espazo que se sitúa entre a poesía a performance. Sobre estes límites difusos debateron as creadoras Iolanda Zúñiga e Silvia Penas na segunda sesión do ciclo de mesas redondas Escritores/as na Universidade que, na súa décimo primeira edición, está dedicado á teoría de contrarios.

Tras a lectura de textos de ambas escritoras por parte de dúas estudantes, Penas e Zúñiga explicaron como conciben os seus traballos, como poesía, como performance, como acción poética, etc. e fixérono precisamente a través de cadansúa obra lírica. Ambas, partindo de propostas literarias que nada teñen que ver, coinciden en que a súa poesía non cabe en versos e rimas, vai máis aló, transcende o texto e precisa do corpo e da enerxía que traslada para poder transmitir ao público o significado do propio texto.

A interdisciplinariedade caracteriza principalmente a obra de Silvia Penas, que forma parte do proxecto literario-musical Cinta Adhesiva. Os seus textos son, xunto coa música de Jesús Andrés, o fío condutor que vai dotando de significado as melodías, os ritmos e a cadencia cos que foron finalistas dos premios Martin Codax da Música 2016. Deste xeito, mesturando música, lírica e audiovisual, o seu traballo achégase á acción poética, na que se hibridan disciplinas e na que o resultado é “moito máis que a suma dos elementos”. Fala a autora da “omnipresencia do poema, de carne e óso, pero non de tinta, que é escura, e o poema precisa de luz”. Neste sentido incide na importancia do corpo, dos movementos, da voz, das formas como parte dunha acción poética que ten que ver co “performántico”. Diario de Landras, bailarinas, asasinas e flores, publicado este ano, é o seu último poemario, polo que obtivo o premio Avelina Valladares.

Pola contra, Iolanda Zúñiga distánciase claramente do concepto de performance e defínese non como poeta, senón como “obreira da escrita”, como “narradora” que emprega recursos líricos para contar historias sobre o máis cotiá da vida, “un atasco, unhas obras, un WC...” Zúñiga publicou en 2007 o seu primeiro libro de microrrelatos Vidas post-it, e en 2008 o seu primeiro título de poesíaAmor Amén. En 2010 volve á narrativa con Periferia, unha historia sobre a precariedade e a falta de oportunidades, pola que recibiu o Premio Xerais de Novela. 
 

A derradeira sesión, sobre teatro

O mércores 19 de outubro concluirá esta décimo primeira edición de Escritores/as na Universidade cunha cita coas artes escénicas da man da de AveLina Pérez e Manuel Lourenzo, que debaterán sobre a vixencia do drama e do postdrama no relato teatral contemporáneo, sobre como a concepción tradicional do teatro vese tamén asaltada pola auxe do postdrama, unha visión contemporánea na que desaparece a estrutura argumental e dinamítanse as xerarquías da representación.