Con este premio, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga e Luiz Ruffato, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aquelas autoras e autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da obra de Pere Gimferrer, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir.
Con motivo da súa estadía en Galicia, Pere Gimferrer desenvolveu unha axenda de actos que comezou cun encontro cos medios, o xoves, 12 de maio, ás 17:00, na Libraría Moito Conto (Rúa San Andrés, 35 - A Coruña); continuou o venres 13 de maio, ás 19.30 no Salón de Actos da Fundación Luís Seoane da Coruña, onde ofreceu unha conferencia acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Eduard Velasco, escritor e tradutor, quen repasou a traxectoria do autor catalán.
Finalmente, Pere Gimferrer recolleu o premio no transcurso da Gala do Libro Galego, o sábado 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Pere Gimferrer (Barcelona, 1945) é poeta, narrador e ensaísta. Membro da Real Academia Española e da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona. A súa obra desenvolveuse en catalán, castelán, francés e italiano.
Iniciou a súa obra en castelán con Mensaje del tetrarca (1963), mais foi o seu poemario Arde el mar (1966) o que lle valeu o Premio Nacional de Poesía e o deu a coñecer como o gran poeta que marcou un cambio de época na poesía española. Despois de La muerte en Beverly Hills (1969), xa en 1970, inicia a súa produción poética en catalán con Els miralls (1970), ao que seguiron títulos como L’espai desert (1977), El vendaval (1988), Mascarada (1996), El diamant dins l’aigua (2001) ou os máis recentes —despois de trece anos de produción poética en castelán— El castell de la puresa (2014) e Marinejant (2015).
Como narrador publicou en 1983 a novela Fortuny, que lle valeu o Premio Ramon Llull de Novela e mais o Premio da Crítica de Narrativa Catalá. Tamén destaca o seu Dietari, que reúne prosas escritas entre 1979 e 1982.
A súa produción ensaística céntrase, principalmente, na obra de poetas como J.V. Foix, Octavio Paz ou Vicente Aleixandre (La poesia de J.V. Foix, 1974; Lecturas de Octavio Paz, 1983; Perfil de Vicente Aleixandre, 1986), na de artistas como Antoni Tàpies e Joan Miró (Antoni Tàpies i l’esperit català, 1974; Les arrels de Miró, 1993) e nas relacións entre o cinema e a literatura (Cine y literatura, 1985).