· Foi o venres, 29 de abril, ás 20.00, no salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11).
O sábado, 30 de abril, no marco da Cea das Letras en Compostela, foille entregada a pluma "Escritor Galego Universal". Para ver o vídeo prema aquí. E aquí as fotos.
O encontro, coorganizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura da Coruña chegou o venres 29 de abril á súa fin coa presenza do poeta Antonio Gamoneda, quen ademais de impartir unha conferencia ofreceu unha lectura poética. A presentación correu a cargo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez. O acto contou tamén coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e da Concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo.
Gamoneda recolleu neste acto o galardón “Escritor Galego Universal”, que destaca a altísima poesía e o insubornábel compromiso ético do autor, para quen o individuo, e por tanto o poeta, se realiza na poesía como forma de coñecemento.
Foi despois dunha laudatio do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, quen indicou que o homenaxeado “é un home que fala da nosa lingua e da nosa poesía con fraternidade, valorizándoa, por ser, en palabras súas, a lingua galega palabra insurxente por ser necesaria para una realidade que queren sexa sometida, que está a ser minorizada en contra da vontade dos galegos e galegas. En Gamoneda, tan importante como a súa poesía son as súas reflexións sobra a xeración do pensamento poético. Un poeta que defende que a poesía non é literatura, que é una forma de coñecemento. E que na súa poesía fala desde o acto de rebeldía que supón en plena posguerra reivindicarse desde a humanidade dos paseados, da fame, do medo, dos desaparecidos, fálanos dos que negaban os libros da historia . El como poeta revelounos naquel tempo o terríbel segredo do que aconteceu.”