Do 14 de setembro de 2017 ao 16 de novembro de 2017
Unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Concello de Fene-Concellería de Cultura-Biblioteca Pública Municipal Xosé María Pérez Parallé e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Foto da actividade

 

 

 

 

Poesía: a grafía da emoción
Obradoiro de creación literaria

 

Impartido por Pablo Bouza.

Duración: 10 sesións de 2 horas cada unha (mércores e xoves: 14 setembro; 20 de setembro; 28 de setembro; 5 de outubro; 11 de outubro; 18 de outubro; 26 de outubro; 2 de novembro; 9 de novembro e 16 de novembro). A data de comezo é a do 14 de setembro de 2017.

Lugar: Aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé" de Fene (Avenida de Conces, 20-22). Como chegar.

20 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos. Todas as prazas cubertas.

 

Na sesión do 9 de novembro participou como autor convidado Miguel Anxo Fernán-Vello.


 

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.


 

OBXECTIVOS:


1. Estimular a sensibilidade poética e fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía.

2. Internarse na riqueza da linguaxe poética e das súas posibilidades expresivas.

3. Achegarse ao texto poético desde unha perspectiva distinta.

4. Traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes.

5. Practicar técnicas poéticas.

6. Fomentar o gusto pola lectura poética.

7. Coñecer as características e fomentar o gusto pola literatura galega contemporánea.

8. Fomentar a creatividade do alumnado.

9. Perder o medo a experimentar coa linguaxe.

10. Enfrontarse ao público: recital de poesía.


 

METODOLOXÍA:


1. Lúdico-descritiva.: explicación, exemplificación, actividades e xogos.

2. Traballo individual e en grupo. Proposta de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión.

3. Participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro.

4.- Compartir cos/as outros/as as nosas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a nosa diferenza.


 

PROGRAMACIÓN E DESENVOLVEMENTO DO OBRADOIRO


1.- Que é a poesía? Para que serve a poesía? Autopoéticas.

Definicións clásicas de poesía. Autopoéticas de diferentes autores/as. Reflexionamos sobre o que significa para cada autor/a a poesía e faremos unha tentativa de autopoética por parte de cada alumno/a.

2.- Versos, rimas e estrofas. Medimos versos. Xogamos coas rimas e medidas. A poesía sen rima.

3.- Recursos literarios en poesía: recursos fonéticos e semánticos. A importancia poética das reiteracións (aliteracións, anáforas, textos monovocálicos, tautogramas, enumeracións...).

Traballamos sobre o poema “Medo”, de Raymond Carver.

4.- Xogamos e investigamos coa linguaxe: poemas roubados, poemas incompletos, poema completo, poema do eco, poemas narrados, poemas dialogados, poema Dadaísta, poema sobresdrúxulo, poema hipotético, poemas tolos, caligramas, poema do sol, poema vello/poema novo, centón, acrósticos, jitanjáforas, lipogramas e palíndromos.

5- Outras estruturas poéticas: poemas cunha única vogal, versos con monosílabos, acrósticos, rachamos palabras e creamos poemas... O contido poético das palabras. A brevidade intensa dos haikus.

6- Poemas que cambian as vidas. As miñas lecturas poéticas. Falamos e lemos sobre os nosos autores preferidos. Compartimos versos. Fontes literarias. A importancia da lectura poética.

7.- A lectura de poemas. Xogar coa lectura de poemas. Vocalizar, entoar, comunicar…

8.- Algunhas referencias sobre a poesía galega contemporánea e actual. Autor/a invitado/a.

9.- O estilo propio. A publicación da intimidade. Escribo o meu poema.

Lectura ou recital final.

 


 

.