Sinatura do acordo de colaboración entre a AELG e a Fundación Curros Enríquez
22/7/2026
Foto da novidade

O 21 de xullo, ás 12.30 h., en Celanova, na Casa dos Poetas, asinouse o acordo marco de colaboración entre a AELG e a Fundación Curros Enríquez.

O acto de sinatura correu a cargo de Antonio Puga Rodríguez -alcalde de Celanova e presidente da fundación- e Cesáreo Sánchez Iglesias -presidente da AELG-.

O cometido do dito acordo responde ao interese común de ambas as entidades por establecer liñas de cooperación en prol do espallamento da lingua e da cultura galega.

Para tal efecto outórgaselle unha importancia especial ao coñecemento e á visibilización da obra dos/as escritores/as galegos/as, facendo especial incidencia na dos autores/as da área de Celanova.

Xa que logo realizaranse actividades de forma conxunta, co gallo de fomentar o intercambio de experiencias nos eidos da lingua e da literatura galegas. Así, contémplase a realización de conferencias, obradoiros, seminarios, presentacións de libros, itinerarios culturais, rutas literarias e o desenvolvemento en todo tipo de proxectos culturais que poidan ser de interese común.

A sinatura contempla a constitución dunha comisión mixta -que se reunirá de xeito periódico-, que será o órgano de planificación, seguimento e avaliación das accións derivadas do acordo marco e será o órgano que resolva todas as cuestións relacionadas.

A comisión mixta estará integrada polos seguintes membros: por parte da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente) e Xoán Carlos Domínguez Alberte (vogal por Ourense); por parte da Fundación Curros Enríquez, Antonio Puga Rodríguez (presidente), Antonio Piñeiro Feijóo (secretario) e Paula Conde Lengua (directora da Casa dos Poetas).