Desde a AELG adherímonos ao Manifesto Intelixencia Artificial e Dereitos de Autor, do que achegamos a continuación a súa tradución ao galego, feita por Xavier Queipo.
"O Consello Europeo de Escritores (EWC), o Consello Europeo da Asociación de Tradutores Literarios (CEATL) e a Federación de Editores Europeos (FEP) piden aos Estados membros e á Comisión Europea:
a) PROTEXER OS LIBROS CREADOS POR HUMANOS.
b) ETIQUETAR OS PRODUTOS XERADOS POR INTELIXENCIA ARTIFICIAL E
c) RESERVAR A APLICACIÓN DE CALQUERA FINANCIACIÓN PÚBLICA CULTURAL A OBRAS CREADAS POR HUMANOS.
Diante da proliferación de producións xeradas pola Intelixencia Artificial (IA) que tentan imitar a arte humana, é dicir, novelas, poemas, fotos ou ilustracións, moitas veces atribuídas a falsos creadores humanos; os asinantes queren expresar a súa firme obxección a consideralos produtos cuestionables como obras de arte. As obras de arte son creadas unicamente por seres humanos. Polo tanto, ningún destes produtos poden ser considerado como obras creativas. Tamén hai que subliñar que os produtos non fabricados por humanos non deberían de se beneficiar de lexislacións específicas sobre dereitos de autor, que é un axioma crucial para valorar as obras de arte.
Os "libros" xerados pola intelixencia artificial son produtos falsos e, a miúdo, mesmo daniños que corren o risco de esgotar as lexítimas fontes de ingresos de escritores, tradutores literarios, editores e libreiros. A cadea de valor contábel existe de xeito integrado para ofrecer aos lectores unha oferta o máis ampla posíbel de obras literarias auténticas.
Así e todo, recentemente, estamos a ver unha afluencia aparentemente incontrolábel de libros xerados por intelixencia artificial, que prexudican non só aos autores, a outros titulares de dereitos e ao ecosistema do libro, senón ao conxunto da sociedade, ao pór en cuestión unha das actividades máis nobres da cultura humana, a narración e a creación escrita.
Secasí, o sector do libro pide o apoio dos responsábeis políticos para desenvolver un sólido sistema de control e un marco legal correspondente co máis alto nivel de transparencia arredor dos produtos xerados pola IA. Ademais, hai necesidade urxente de informar aos consumidores sobre o asunto. Para protexer e apoiar o ser humano, creadores, escritores, tradutores literarios e artistas, os libros deben ser recoñecidos como "un legado e un activo fundamental da humanidade, e a creatividade debe de se recoñecer como un proceso que axuda ás persoas a expresarse e repensar as súas formas de ser e de facerse”.
Os asinantes sosteñen que só deberían beneficiarse de especial tratamento as obras creadas por humanos (tal como, mais non limitado a, protección de dereitos de autor, financiamento cultural ou premios literarios) que as obras literarias gozan cando se colocan no mercado. Ademais, unímonos a deplorar o feito que os produtos compilados por modelos xerativos de IA foron desenvolvidos a través dun roubo masivo de obras protexidas por copyright, tomadas sen permiso, atribución ou remuneración aos autores e outros titulares de dereitos, e cuxa existencia no mercado canibaliza a fonte lexítima de ingresos de millóns de escritores, tradutores literarios, editores e libreiros a un ritmo sen precedentes, o que pon en perigo todo o ecosistema cultural europeo.
Os asinantes piden unha obriga de transparencia efectiva para os produtos xerados pola intelixencia artificial que claramente os distinga das obras realizadas polos seres humanos. Ademais dos beneficios sociais dun forte transparencia para estes produtos, este tipo de medidas tamén traería vantaxes para lectores e consumidores, en termos de equidade e elección.
Deben tomarse as máximas precaucións para evitar calquera forma de financiamento público destinado á cultura, ou concedidos polas Administracións Públicas a organismos culturais, sexan entregados a propietarios de software, programadores ou desenvolvedores, ou produtores de libros compilados con IA. Hai que ter coidado especial para evitar bibliotecas financiadas con fondos públicos que compren este tipo de produtos.
Recoñecendo todo o anterior, pedimos:
• Desenvolver un mecanismo robusto para a transparencia en torno á aparición de produtos xerados pola IA semellantes aos libros, e, polo tanto, confuso para o público. Este sistema deberá identificar responsabilidades, para unha mellor protección dos consumidores, lectores, autores e outros titulares de dereitos.
• Adoptar medidas especiais para evitar que a UE financie con fondos públicos procedentes de programas dedicados á cultura (como Europa Creativa) e beneficie aos codificadores ou ás empresas de IA xeradora, cando se trata de produtos similares aos libros. Isto inclúe, pero non se limita a, bolsas de estudo, residencias ou programas de viaxes, bolsas de redacción ou tradución, bolsas de publicación, etc., e todo tipo de premios e premios culturais financiados con fondos públicos (recomendamos especificalo nas normas dos premios).
• Despregar iniciativas lexislativas e programas de formación a nivel da UE para promover unha mellor concienciación entre consumidores e lectores sobre o que é unha obra cultural e o que é unha estafa produto dunha compilación non humana.
A Unión Europea debe dar exemplo de como se debe protexer e valorar a cultura humana e defender o papel fundamental que xogan os libros na protección da democracia, o fomento da empatía e liberdade de expresión, axudando os cidadáns a desenvolver o pensamento crítico así como a gozar dunha fonte de calidade de entretemento e educación.
Os asinantes
O EWC (European Writers’ Council) é a federación máis grande do mundo que representa exclusivamente a autores do sector do libro e constituído por 50 asociacións de escritores e tradutores literarios profesionais de 32 países. Os membros do CEE son máis de 220.000 autores profesionais, que escriben e publican en 35 idiomas.
O CEATL (Consello Europeo de Asociacións de Tradutores Literarios) é unha organización internacional sen ánimo de lucro creada en 1993 como plataforma onde se atopan asociacións de tradutores literarios de diferentes países europeos, que se articula para poder intercambiar opinións e información e unir forzas para mellorar o estado e condicións de traballo dos tradutores. Hoxe é a maior organización de tradutores literarios en Europa, con 36 asociacións de 28 países, que representan a unhas 10.000 persoas tradutores literarios.
FEP (Federación de Editores Europeos) representa a 31 asociacións estatais de editores de libros, revistas e materiais educativos, en todos os formatos, en Europa. FEP é a voz do gran maioría das editoriais en Europa."