Morreu a Mestra da Memoria Ólida Diz Ramos, das Pandeireteiras da Alén
24/4/2025
A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria
Foto da novidade

Ólida Diz Ramos, Mestra da Memoria en 2017 coas Pandereteiras da Alén, faleceu o 21 de abril, aos 98 anos de idade.

Nacera o 22 de setembro de 1926. Coma as súas compañeiras, sempre foi tida por larga no traballo, e por boa veciña. A canda Orosia, mantivo a alegría das festas e conservou así mesmo unha memoria minuciosa dos avatares da vida do lugar, dos que foron para lonxe (o seu irmán Manuel, por exemplo: emigrado a Belo Horizonte, poeta e activista cultural entre os españois de Minas Gerais) e das historias que oiu de nena. Coma o caso da “Granxa de Balboa”, lugar mítico do monte da Alén onde foi desterrado un veciño «a onde non se oíse galo cantar nin campá tocar». De Ólida aprenderon moitos máis novos a tocar. A súa sobriña Ana, e a filla de Ana, Paula, herdaron dela a voz e o amor pola nosa música.

Aquí pode consultarse o fondo videográfico coas participacións das Pandeireteiras da Alén no Proxecto Polafías.