A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega adheriuse ao Manifesto de CEDRO sobre Intelixencia Artificial, que pode ser consultado a continuación:
A intelixencia artificial xenerativa (IAX) é unha tecnoloxía capaz de producir textos, imaxes, contidos sonoros e audiovisuais a demanda da persoa usuaria, a partir do procesamento de múltiples fontes. Este sistema de computación está en constante desenvolvemento, tanto na súa capacidade de tratamento da información como de optimización dos algoritmos nos que asenta o seu funcionamento.
Un uso axeitado desta tecnoloxía ofrece enormes vantaxes. Porén, a inexistencia dunha regulación sobre a mesma e unha aplicación inadecuada da IAX pode xerar efectos nocivos na nosa sociedade, en materia de saúde democrática, pensamento crítico, información veraz, propiedade intelectual, diversidade cultural e lingüística e privacidade, entre outros.
Non é a primeira vez que vivimos unha mudanza tecnolóxica provocada pola aparición de novos servizos e plataformas que usan os contidos protexidos por dereitos de autoría para achegar valor ao seu produto. Por iso, e aínda que sabemos que desde o ámbito europeo se está traballando nunha Lei aplicábel a dita cuestión, as/os autoras/es e editoras/es solicitamos aos partidos políticos unha regulación que garanta a propiedade intelectual sobre as nosas creacións, a neutralidade da IAX e que se certifique o seu bo uso para evitar calquera forma de nesgo, discriminación ou vulneración dos dereitos fundamentais no seu desenvolvemento, aplicación e resultados.
Esta nova normativa contribuiría á sostibilidade dos contidos editoriais, sempre e cando incorpore, entre outros:
- Un marco ético e normativo, que fortaleza os contidos editoriais e garanta á ciudadanía un acceso á cultura, á información e á educación respectuoso cos dereitos de propiedade intelectual.
- Un marco tecnolóxico transparente e seguro para as/os autoras/es, as/os editoras/es, o resto das/os creadoras/es e para o conxunto da sociedade en materia de protección de datos, privacidade, medio ambiente, saúde mental e competencias dixitais.
- Un marco lingüístico integral, que promova a creación cultural mediante o uso de todas as linguas oficiais do Estado.
De se asentaren estes marcos de convivencia, as/os autoras/es e editoras/es considerarían viábel que a IAX fose un aliado ético nos procesos de xeración e difusión de contidos. Deste xeito, respectaríase a natureza da orixinalidade humana en calquera proceso de creación, baseada na experiencia vital das súas autoras e autores e nos seus valores persoais e éticos, fronte a unha produción baseada única e exclusivamente en referencias. Só así garantiremos a protección da propiedade intelectual de autoras/es e editoras/es e, en último termo, da nosa cultura.
16 de outubro de 2023