A AELG adhírese ao decálogo do European Writers' Council para un uso ético, legal e responsábel da Intelixencia Artificial Xenerativa no sector do libro, que pode ser descargado tamén nesta ligazón.
1. AUTORIZACIÓN
O consentimento das/os autoras/es, ilustradoras/es de libros, así como das/os narradoras/es de audiolibros, artistas e artistas intérpretes ou executantes é a base para respectar os seus dereitos de propiedade intelectual en calquera uso das súas obras de texto, visuais, gráficas ou sonoras e de rexistro da voz para: (a) a minaría de textos e datos, (b) o raspado de información (scraping) e (c) o desenvolvemento da Intelixencia Artificial (IA) Xenerativa.
2. REMUNERACIÓN
As/Os autoras/es, ilustradoras/es de libros, así como as/os narradoras/es de audiolibros, artistas e artistas intérpretes ou executantes que autoricen, de maneira informada e voluntaria, a explotación das súas obras pola minaría de textos e datos ou no adestramento da IA xenerativa percibirán unha remuneración axeitada e proporcional, en consonancia coas limitacións de tempo e ámbito de aplicación que se estabelezan na autorización.
3. TRANSPARENCIA NO USO
Os dispositivos de raspado de información, os rastrexadores, os xeradores de corpus e os desenvolvedores de IA, deberán proporcionar, de acordo coa Directiva europea sobre Intelixencia Artificial, informes debidamente detallados sobre os títulos, os/as autores/as, as fontes e os métodos de adquisición de obras protexidas (incluídos os datos de propiedade intelectual) aos que se accede legalmente. Para acadar este obxectivo, o sector do libro pode desenvolver e aplicar normas específicas e harmonizadas.
4. TRANSPARENCIA NA PRODUCIÓN
Calquera texto automatizado, tradución automática, produtos visuais xerados con IA e produtos sonoros sintéticos publicados deberán estar etiquetados como produtos xerados con IA. As producións 100 % humanas tamén se poderán etiquetar como tales.
5. INTEGRIDADE
As editoriais e outros contratantes deberán solicitar o consentimento do/a autor/a antes de aplicar a IA xenerativa en calquera das súas obras, e estabelecer un acordo mutuo no relativo ao uso de informática avanzada, como as voces sintéticas en audiolibros, as traducións automáticas, as portadas xeradas con IA e calquera outro uso que se faga da IA xenerativa.
6. LIBERDADE
Non se pode obrigar as/os autoras/es, ilustradoras/es de libros, así como as/os narradoras/es de audiolibros, artistas e artistas intérpretes ou executantes a utilizar ningunha IA xenerativa nin a traballar a partir de texto xerado por IA, incluída a tradución automática ou as imaxes xeradas con IA.
7. FIABILIDADE
As editoriais deben declarar a terceiras/os, incluídas plataformas, agregadoras/es, bibliotecas ou distribuidoras/es comerciais, se dispoñen ou non dos dereitos para subcontratar, reproducir ou facer calquera outro uso das obras con fins de minaría de textos e datos ou o desenvolvemento ou programación de tecnoloxías xeradoras.
8. PROTECCIÓN
Os sitios web das/os autoras/es, ilustradoras/es de libros, así como as de narradoras/es de audiolibros, artistas e artistas intérpretes ou executantes, e as páxinas web oficiais de editoriais e retallistas, deben declarar o dereito de reserva de minaría de textos e datos en virtude do artigo 4 da Directiva Europea sobre Dereitos de autoría no Mercado Único Dixital (2019/790), e deixar claro que non permitirán a minaría e o raspado de textos e datos, así como o seu uso para o adestramento automático ou a programación da IA xenerativa.
9. CONTROL
Aconséllase revisar e verificar os termos e condicións do software dentro das empresas editoriais ou de agregadoras/es, así como de axentes, editoras/es ou tradutoras/es, e asegurarse de que o seu software non permita ou reclame, dentro dos seus termos e condicións, o raspado de información, o uso, copia ou almacenaxe de contidos para a IA, incluída a IA xenerativa.
10. RESPONSABILIDADE
Todo o mundo debe ser consciente das responsabilidades éticas que ten. O desenvolvemento dos sistemas máis importantes de IA xenerativa infrinxiu presuntamente os dereitos de autoría. As obras e investimentos de autoras/es e editoras/es fixéronse servir sen transparencia e sen o coñecemento, a autorización nin a remuneración das/os titulares dos dereitos. Implantar conxuntamente un «Código de circulación para a IA e a IP (Propiedade Intelectual)» e unha regulación para un futuro ético e xusto no ámbito da IA xenerativa protexe o poder da innovación e preserva a continuidade da cultura e a creatividade humanas.