A AELG, premio internacional APECSA 2021
20/2/2022
O xurado destacou o traballo da AELG e de cada un/ha dos seus membros desenvolto na literatura, nos seus diversos xéneros, valorando a importancia da actividade das/os escritoras/es no fortalecemento social, no período da pandemia
Foto da novidade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) é a gañadora da IX edición do premio internacional APECSA 2021, convocado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA). O xurado, presidido polo vicepresidente da Asociación promotora, Luís Celeiro Álvarez, destacou e valorou moi positivamente o traballo das escritoras e escritores, realizado ao longo do ano 2020, fortalecendo a nosa cultura, a nosa identidade e os símbolos da mesma, entre eles o Camiño de Santiago, que desde os seus comezos foi un tránsito de cultura e coñecemento, un espazo de arte, de aprendizaxe e de distribución de saberes.

Segundo o xurado, do que tamén formaban parte os xornalistas, Xosé Luís Muñoz e Carmen Prado, do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Asociación de Periodistas de Santiago, respectivamente; Xabier Goyanes, da Asociación Pazos de Galicia, e Purificación Carballo, que actuou como secretaria, de APECSA, a literatura, cos seus diversos xéneros, ao longo da historia, estivo moi unida e deulle vida ao Camiño de Santiago, como demostra a mesma literatura trobadoresca e como exemplifica o Códice Calixtino.

O catedrático de Latín, peregrino e escritor, Alejandro Uli Ballaz, a quen se lle dedica esta Edición do Premio, axudou tamén a engrosar as bibliotecas xacobeas nesta época contemporánea, igual que moitas/os das/os escritoras/es da AELG, como Uxío Novoneyra, co seu Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas ou moitos outros dos membros da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Valorouse a actividade ininterrompida da AELG, co nomeamento do/a Escritor/a Galego/a Universal, a homenaxe ao/á Escritor/a na súa Terra, as actividades programadas para o Día de Rosalía de Castro, os paseos literarios e os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, a organización ou coorganización de xornadas de formación, dirixidas ao estudo, das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura e o traballo da Asociación nas xornadas de Literatura de Tradición Oral.

Segundo a acta do xurado, "o traballo da AELG, polo súa capacidade de dinamización cultural de Galicia e considerando que o Camiño de Santiago é un dos importantes alicerces da cultura galega e europea, fai a esta Asociación gañadora do Premio Internacional APECSA 2021".

O acto de entrega terá lugar o 22 de febreiro, ás 13:00 horas, no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.