A AELG ofrece o servizo de certificación dixital de obras literarias
10/5/2021
Foto da novidade

Con carácter gratuíto e coa fin de que todas as autoras e autores poidan rexistrar as súas obras literarias dun xeito áxil, seguro e con todas as garantías legais e protección a todos os efectos, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega acolle con gran satisfacción a oferta do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO) para abrir na páxina web da AELG un espazo para acceder a ese Rexistro. Moi importante: é imprescindíbel, para acceder a este servizo a través da xanela aludida, ser socia/o de CEDRO e entrar cos datos asociada/o e contrasinal que cada autor/a teña desa entidade.

A continuación informamos das posibilidades que ofrece e da súa utilidade para o traballo de escritoras/es e tradutoras/es.

É un servizo para protexer a propiedade intelectual de autoras/es e editoras/es socias/os de CEDRO, mediante a certificación dixital de confianza de obras textuais. Este servizo pode ser utilizado para xestionar os teus dereitos en procesos ante a administración, en negociacións con plataformas tecnolóxicas e en calquera controversia en materia de propiedade intelectual.

Con este servizo, todo autor e toda autora pode:

Rexistrar: xeraranse as pegadas dixitais dunha obra e as súas posíbeis versións. Deben seguirse os seguintes pasos:

- Indicar a obra que se quere rexistrar: título e autor/a.
- Subir o ficheiro da obra.
- Xérase o certificado da obra.

Certificar: poderá certificar a existencia dunha obra nun momento determinado. Esta ferramenta é útil para:

- Xestións administrativas, como a solicitude de compatibilidade da pensión de xubilación cos dereitos de autoría.
- Situacións de controversia en materia de propiedade intelectual.
- Negociacións coas plataformas tecnolóxicas.

Verificar: poderá verificar a validez dun certificado e proba de coincidencia con outras obras rexistradas. Con esta funcionalidade poderá:

- Verificar a validez dun certificado.
- Verificar a correspondencia entre un certificado e o contido da obra.
- Probar a coincidencia dunha obra con outras rexistradas.

Pode accederse desde aquí.