A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Lino Braxe, membro desta entidade
26/12/2020
Foto da novidade

Lino Braxe, escritor, actor de teatro, televisión e cinema, locutor de radio e tamén director teatral, finou o 25 de decembro na Coruña. Nado en Mugardos en 1962, a súa creatividade manifestouse en múltiples vertentes: a poesía, a narrativa e o teatro, nomeadamente, destacando a adaptación, xunto a Manuel Rivas, e dirección da primeira representación do Hamlet de William Shakespeare en galego.

Na súa traxectoria destacan algúns premios relevantes, como o Esquío, o González Garcés ou o Illas Sisargas.

Como testemuño da súa posición na vida, deixamos aquí esta resposta a unha entrevista publicada en Noticieiro Galego en 2014: "O teatro ofréceme paixón, a sensación de estar vivo e de compartir esa vida con outras persoas, o que para un solitario empedernido coma min é toda unha regalía. A poesía é para min o mesmo que dicía Beethoven do seu amor: "O meu anxo, meu todo, meu deus"."

 

Aquí poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor dispoñíbeis no Centro de Documentación da AELG.

En concreto, así é como respondía á pregunta das razóns que o levaron a escribir:

 

En 2014 falaba así sobre as liñas de creación da súa escrita:

 

Aquí podemos velo recitando textos seus en 2005, no marco do V Congreso de Escritores/as do XXV Aniversario AELG:

 

Reproducimos a continuación o artigo elaborado por Beatriz Maceda Abeleira, publicado en Nós Diario, co que o Consello Directivo da AELG se sente plenamente identificado:

 

Un veleiro nunha caixa de mistos

 

A tarde de Nadal está a piques de rematar e a luz do día é xa unha invisible visión na negrura do mar, teimando co murmurio da súa existencia. Estou escribindo, e como un pano que se pecha de súpeto, no que o público, desconcertado, non sabe se seguir sentado ou marchar, a voz do meu compañeiro rompe o silencio –faleceu Lino– e escoitei a túa gargallada sincera, cómplice. E lembrei un de tantos encontros, que sempre eran de ledicia e aprendizaxe.

Unha tarde de chuvisca, na rúa da Estrela, pousaches o teu brazo sobre os meus ombreiros e, acompañándome até a miña casa, falaches de Valle–Inclán, asubiaches unha melodía e recitaches eses versos de Lois Pereiro que te emocionaban até as bágoas —sigo os pasos do sangue no meu corpo/ e coa unlla do dedo máis firme/ abro un sulco vermello en media lúa/ na vea que me acolle tan azul.

A consciencia de estar calada até os osos, chegou moito despois, mentres, só importaban as túas palabras, o teu xeito de contar historias, de mesturar o pasado co que está por vir nese o teu corazón inconformista.

Ao despedirte, agasalláchesme cunha das túas caixas de mistos nas que agochabas veleiros cun punto vermello no horizonte. Ese costume durou até hoxe, que máis que nunca serán os meus tesouros e os de tantas outras persoas. Os nosos veleiros amarrados no porto da memoria.

 

Quen tivo a sorte de coñecer a Lino Braxe, ten a fortuna de levar tatuada a súa ollada, a súa voz, no espazo no que vive o querer do común. Lino era o artista que ao temón do seu veleiro ía acollendo tripulación, aperta tras aperta, para levarnos cara ese punto vermello no ceo.

Amaba a poesía como un xeito de vivir a vida, de entendela e facérnola entender. Quixera vivir dela, así o dixo en moitas ocasións, pero por máis que nesta terra agroman poetas como chorimas no mes de abril...

 

DELICATESSEN

Nun país coma o meu

os máis sensibles pasan por parvos

e os máis cultos son insensibles.

Por iso no meu país

se devora aos poetas

con ignorancia canibal.

 

Lino Braxe. Do seu libro Alaridos (accésit de Poesía Miguel González Garcés, 2006)

 

Non hai actividade artística que puxese cancelas a súa creatividade. Poesía, narrativa, música, pintura, dobraxe, espazos radiofónicos, dramaturxia... Debutou como cantante de ópera no Teatro Colón coas obras: A Traviata, A somnámbula e A Bohème. Mesturou, xunto con Rómulo Sanjurjo (Avenida Atlántica), o poema Negra Sombra de Rosalía cos ritmos reggae.

No teatro quedará para sempre ese primeiro Hamlet (2006) en galego. Xunto con Manuel Rivas, adaptou a obra baseada na tradución ao galego de Miguel Pérez Romero. No elenco estaban, entre outros, os actores e as actrices Luís Tosar, Miguel Pernas, Manquiña, Flor Maceiras, Iolanda Muíños, Víctor Mosqueira... Foi o seu un Hamlet que chegou ao público, porque esa era a conexión que sempre buscaba Lino. El, que gustaba da soidade como da vida, coa mesma intensidade, establecía a súa comunicación nos escenarios, coas súas actrices e actores do teatro amador. Na actualidade, dirixindo a Compañía de Teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

Tamén fixo adaptacións doutros textos: A soldadeira, de Luís Seoane, do que era grande admirador e estudoso da súa obra, así como O paseo das esfinxes, de Luísa Villalta. Da súa autoría son Inverno Occidental (2012) Edit. Laiovento; A Actriz (1991) Gañadora do Teatro Breve do Facho; A promesa (1991) Edicións do Castro.

 

Lino, irmán, poeta, é tan difícil non volver falar de ti, da persoa! A túa ausencia golpea, como neste preciso instante, as gotas de chuvia no cristal da xanela.

É vinte e seis de decembro, saio do tanatorio, ese non lugar, e sinto que nos apertas a todas, e escoitamos a túa voz:

— Ollade, irmás, irmáns... alá, no horizonte... os mastros do veleiro do Vizconde de Mendiá!

E aperto na miña man a derradeira caixa de mistos que leva dentro un veleiro, cun círculo vermello no horizonte.

Até sempre, Lino!

 

Beatriz Maceda Abeleira. Escritora. Vogal da AELG pola Coruña.