Tras a aprobación da acta anterior, do informe económico e de actividades (anexo) do ano 2018 e do orzamento previsto para 2019, procedeuse a detallar o proxecto de actividades para 2019, que tamén foi aprobado:
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG propuxo ao Consello Directivo someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubart e Pablo Quintana. A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
Mestra da Memoria 2019
Dorothé Schubarth
Fotografía: Premios Martín Códax da Música/YouTube
Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. É directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comeza a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).
En 1978 visita Galicia para coñecer a nosa música popular mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.
Mestre da Memoria 2019
Pablo Quintana
Fotografía: Canela Producións
Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos…, arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandeireteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo.
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en video industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira e Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Na actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como pola súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.
Fotografía: European Institute for Gender Equality/YouTube
O Premio será entregado o día 11 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, convocada pola AELG, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.
Así mesmo, acordouse que Pilar Pallarés sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo quinta edición; será no mes de xuño no Concello da Coruña.
Fotografía: Distrito Xermar/Centro de Documentación da AELG
Alén de se incorporar Cilha Lourenço, Daniel Asorey e Xoán Carlos Domínguez Alberte ao Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próximas a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e o Parlamento de Escritoras/es (15 e 16 de marzo), un lugar para a reflexión, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos. Terá lugar na cidade de Pontevedra co apoio do seu Concello.
O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración da cuarta Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a duodécima, da Xornada de Literatura de Tradición Oral.
Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.