Crónica da Gala das Letras. Discurso da Presidencia da AELG
13/5/2015
Foto da novidade

Amigas e amigos.

Representantes das institucións políticas, sociais e culturais do noso país.

 
Celebramos na fermosa e sempre amada Cidade de Lugo esta Gala das Letras. Co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, da Consellaría de Cultura, do Concello de Lugo e coa colaboración do Círculo das Artes, celebramos un ano máis os froitos do traballo das escritoras e escritores, as súas obras, que debuxan un e outro día o cambiante rostro do ser humano; elas convócannos hoxe.
Vimos celebrar tamén ás institucións culturais e os homes e mulleres que fixeron e fan da nosa cultura o centro de gravidade do seu labor. Sería impensábel a nosa cultura e a actividade da AELG sen a colaboración fértil destas institucións.
 
Tamén aquelas administracións públicas que teñen á súa fronte homes e mulleres que fan da cultura da nosa nación e o noso idioma o seu referente o seu eixo transversal vertebrador. Eles e elas saben que o que outorga e inviste de dignidade política a un cargo público é a defensa de valores coma os do noso idioma, no que se constrúe a nosa cultura, en diálogo coas culturas que constrúen o noso tempo. É algo máis que a xestión do debe e o haber das contas públicas o desempeño dunha responsabilidade política de goberno en calquera das administracións. 
O escritor e a escritora na nosa cultura crea e volve crear sen fin o borroso mapa da memoria individual e colectiva, a realidade que transcende a realidade do noso humano vivir. O escritor é o posuidor dunha lingua creadora dun lugar dende o que pensarmos o mundo e explicármonos e nos lembrar a pertenza a un lugar para non sermos así a construción cultural doutras culturas, por moi hexemónicas que sexan ou pretendan ser. Dinos o escritor palestino Edward Zaid que o oriente e o orientalismo foron unha creación cultural do occidente dende unha posición hexemónica para se apropiar dunha suma de culturas que englobou na palabra Oriente, e así convertelas en algo que non eran, para mellor as dominar e dominar así os seus países, política e economicamente. Non somos alleos a estas dinámicas históricas de desposesión cultural.
Corresponde aos galegos e galegas en xeral, e aos escritores e escritoras en particular, a construción da súa cultura, que é a suma do pasado e presente da nosa íntima biografía colectiva. É aprendermos a ler na tradición os máis antigos soños que dormen nos signos, cos que tallamos a pedra e amasamos os silencios da enmudecida Terra e do mar, coas súas secretas revelacións, para que o escuro fose canto e alfaia en tantas arealongas.
Toda cultura precisa dos seus escritores, escritoras, e no caso da cultura galega o seu papel faise cada vez máis necesario nun tempo no que a suma do desleixo e a institucionalización da ignorancia sobre nosa cultura faise máis e máis requintada. 
Non son o primeiro en dicir -creo que foi Auden-  que toda cultura ten na súa literatura un lugar de soberanía do idioma no que se expresa. Un lugar de resistencia contra da usura con que é tratado o idioma, fronte ao efecto banalizador da globalización, polo que cada vez faise máis evidente que a vontade de escribir ben é unha ética.
Os galegos e galegas levamos máis da metade da nosa historia construíndo a nación sen clase dirixente, que si tivemos en períodos de normalidade histórica. Mais aínda así construímos unha das culturas máis florecentes da Europa que alimentamos e que, tamén, nos fixo a nós crecer. Fomos capaces de consumar na máis fermosa tradición oral os máis antigos ritos da conciencia de ser dunha terra e participar dos seus ciclos da vida.
Nas catro últimas décadas construímos humildes institucións como esta asociación, aproveitando aquela fraca descentralización autonómica. Conseguimos naquel tempo erguermos institucións públicas que, cada vez máis exangües, hoxe están a se converter nun peso morto que non permite desenvolver as necesarias capacidades para as que foron creadas
Hoxe, os escritores, os mediadores sociais, entre o que está o impagable traballo do profesorado, dos bibliotecarios, teimamos na construción dun sistema literario que puidera respirar cunha industria editorial hoxe cada vez máis feble.
Todos temos nestes momentos a necesidade dun plan estratéxico de apoio ao libro galego e dun inaprazábel Plan de Lectura, consensuado con todos os axentes partícipes, que continuamos a agardar desde o seu anuncio no Parlamento Galego hai xa máis de dous anos por parte dos responsables de Cultura, que coloque o libro e a lectura na cerna da formación humanística e da construción do pensamento crítico da sociedade galega e que sume valor económico engadido á sempre necesaria industria cultural. 
Pola mesma razón que non fun coleccionista de números cero de revistas, nunca fun amante de informes dramáticos sobre a nosa lingua. Outra cousa é que temos que dotármonos das lexítimas alarmas diante dunha falsa normalidade, que está a levar nosa lingua a perigosos espazos de febleza sen retorno, mesmo nun momento no que se está a tentar lle transferir a responsabilidade normalizadora á sociedade á que non se lle permite vivir en galego. 
Vainos a vida en que non se rompa a transmisión oral do idioma na educación básica, precisamente cando hai tantos escritores e escritoras que dan o mellor do seu froito literario na literatura infantil e xuvenil - literatura con maiúsculas- ademais de termos unha respectada e florecente calidade editora. 
A escrita literaria como un elemento normalizador. Este é o noso empeño esa é a razón de sermos.
Este ano tamén celebramos o día 24 de febreiro como o día de Rosalía, que xa é unha realidade grazas á receptividade social da súa figura e da súa obra. Como todos os anos reivindicamos que o Panteón de Galegos Ilustres sexa laico, de acceso público e cun uso de propiedade pública. A situación na que se atopa o Panteón de Galegos Ilustres é a metáfora da situación do nosa a cultura e, quizais tamén do noso país. Vainos a vida en defendermos os nosos símbolos nacionais. 
Rosalía non é unha elección estética, ou é algo máis que unha elección estética, entre os moitos escritores e escritoras que son a nosa fértil tradición literaria. Na súa obra está depositado o espello da nosa inmensidade interior. Como dixen este 24 de febreiro A súa obra non só, e nada menos, fixa as inquedanzas dunha muller do seu tempo que vai máis ala do seu tempo. Por isto é tan actual. Porque soubo ler os máis íntimos segredos da alma humana, aquela que os Galegos e galegas soubemos aportar de noso como singular ao conxunto da humanidade.
O feminismo que defende Rosalía é liberador do ser humano. Grazas á súa obra, tamén os homes, poderemos facer cinza da historia do patriarcado que levará o vento.
 
No outono pasado, no Galeusca de Barcelona, reflexionamos sobre a situación profesional do escritor. Na nosa nación son poucas as escritoras e escritores que poidan vivir da súa profesión. Noutras nacións do Estado descendeu de maneira alarmante. Aquí aínda non se chegou a uns mínimos necesarios. Aínda que é evidente que a profesionalidade sempre guiou os escritores galegos. Non sería posíbel unha literatura que pode competir en calidade con calquera literatura doutras nacións se non se tivese unha entrega profesional. Haberá que comezar a aceitar que é imprescindíbel abrir os camiños da profesionalización tamén para as escritoras e escritores galegos. Di un clásico taoísta Vietnamita moi querido por Ho Chi Ming e por quen isto escrebe: Se as palabras non son as correctas, a linguaxe non di a verdade das cousas. Se a linguaxe non concorda coa verdade das cousas os asuntos non poderán chegar a bo fin.
Este ano no consello directivo da AELG pensamos que era de xustiza recoñecermos publicamente que só con prensa galega en Galego é posíbel dicirmos as nosas verdades no día a día. A que mostra como somos e como nos soñamos. Decidimos premiar como Institucións Culturais o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Asociación de Medios en Galego e aquelas e aqueles, Os bos e xenerosos, no eido do xornalismo en galego, Margarita Ledo, Manuel Lombao, Tareixa Navaza e Xosé María García Palmeiro en representación de todos e todas as profesionais do xornalismo, que puxeron os alicerces para termos uns medios de comunicación galegos e en lingua Galega nun tempo no que naciamos a tantas cousas. 
Esta cidade é o centro de gravidade da Sección de Literatura de Tradición Oral, a alfaia da AELG e o noso orgullo. Da mao de Antonio Reigosa, con Isidro Novo e toda a actual e recén estreada equipa, da súa mao vén o Premio "Mestras-es da Memoria”, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. Grazas Josefa Arias e Emilio do Pando por seren a memoria viva do noso idioma. Sen o idioma que Vostedes conservaron e transmitiron pouco futuro tería o noso idioma. Grazas.
Grazas á equipa da secretaría técnica, Ana e Ernesto, e ao consello directivo. Son moitos os proxectos a se desenvolver:
•A Escola de Escritores e Escritoras, que segue o seu labor cos Obradoiros de creación literaria alí onde atopamos apoio institucional.
•Autor a autor imos construíndo o territorio do escritor da escritora trazando as xeometrías da alma ao longo das cidades e vilas do noso país. Cos Roteiros literarios percorremos as pegadas físicas que habitan vida e a obra dun escritor e escritora. Lemos así a Nosa Terra como se fose un libro.
•A web da AELG, que anda a cumprir dez anos, vai polos dezasete millóns de entradas de máis de 27 países. Entre as seccións esta a das palabras con memoria que recolle Isidro Novo, esas palabras sempre vivas aínda, despois de renaceren das súas incontábeis mortes, da luz dos seus outonos que teñen no seu centro toda a primavera.
•No novembro pasado os máis novos celebraron o seu VIII encontro, anovando formatos da palabra audiovisual.
•Para o outono deste ano celebraremos o noso sexto congreso de escritores na cidade de Pontevedra para tomarlle o pulso á fértil realidade actual da nosa literatura e lle interrogar ao futuro, tamén para buscar instrumentos para necesaria visibilidade social do noso Sistema Literario. Do primeiro congreso de Poio, celebrado hai 34 anos en Poio, entrecollo algúns puntos daquel manifesto:
- Que o escritor se negue a que as súas declaracións sexan traducidas, en calquera dos medios de comunicación galegos.
- Escola galega e en galego a todos os niveis.
- Derrogación do decreto de bilingüismo.
É evidente que segue a ser necesario que nos reunamos para debater sobre o momento actual e o noso futuro.
 
Ao escritor brasileiro Luiz Ruffato distinguímolo como o autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana e nomeámolo Escritor Galego Universal. O noso escritor dicía no 2007: O que nos une, portugueses, brasileiros, angolanos, mozambicanos, guineenses, timorenses, são tomenses, caboverdianos? Tal vez, concluíamos, unha lingua común, o que redunda num conceito, a Lusofonía. Mais aquí xa non ha consenso: a língua e a cultura, foram impostas por medio da exploração e a represão das populações autoctones, que deixaram profundas cicatrices nas relaçãos entre colonizadores e colonizados. Por outro lado sabemos que a língua con que nos expresamos, antes de ser portuguesa, é galega -a Galiza é o berço do que se convencionou denominar, por inxunções históricas, de língua portuguesa. Então na época (2005) propus que ao inves de levantarmos a bandeira da lusofonia, passásemos a falar de Galeguia. Que devolve o sentido original da raíz da Nosa língua, relativiza o peso do pasado colonial e incorpora, con os debidos réditos, a Galiza a este universo común. 
O proxecto literario de Luiz Ruffato foi o de ficcionalizar a historia da clase operaria brasileira desde mediados do século XX até o inicio do século XXI. Fundamentalmente, o seu Proxecto de escrita é, cito, os inmigrantes que foram expulsos pela fome e pela miséria do seu país natal. Porque o Brasil é um país formado por imigrantes europeus e asiáticos e mas também pelos imigrantes internos do Nordeste e Minas Gerais, deixando para trás não só súas raízes culturais, mas principalmente súa história. 
Benvido a esta terra que sempre foi a súa.
 
E antes de comezar este voso acto de celebración quixeramos desde o Consello Directivo enviar un abrazo fraterno aos escritores que este ano nos deixaron para vivir na súa obra: o profesor Alfonso Magariños Sueiro e o profesor e mestre Francisco Carballo; el axudou como poucos a que Galiza tivese medios de comunicación Galegos e en Galego.
 
Benvidos, amigos e amigas, a esta Gala das Letras.
 
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Lugo, 9 de maio de 2015