Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido, e que hoxe se presentou publicamente, é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia, e faranse públicos no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, que se celebrará o 14 de maio do próximo ano. Alí entregaranse as distincións nas seguintes categorías:
As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, farán chegar á secretaria técnica da organización da Gala do Libro Galego até cinco candidaturas para cada unha das once primeiras modalidades, que serán remitidas a un xurado externo, que será nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.
O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, fixo a seguinte intervención na presentación pública da Gala do Libro:
Falando na representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, felicitármonos por este acto que suma capacidades e multiplica os froitos que ofrecer á sociedade. Construír, sumar esforzos, significa dar visibilidade a un dos sectores culturais, sociais e económicos máis importantes e dinámicos da Galiza.
Os escritores e escritoras damos contidos culturais a diversas industrias do noso país, mais somos tamén algo máis: procuramos a inculturación de todo traballo humano sobre esta terra, facemos dela un ser colectivo cunha identidade imborrábel.
A nosa razón de ser é a literatura galega, da mao das nosas editoriais e máis do tecido de librerías que leva a todo o corpo social a saiva nutricia da nosa cultura.
Cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe presentamos? A de engadir á necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo da cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo.
Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos, mais tamén facilita o coñecemento do ser colectivo que somos os galegos, é dicir, existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen escritores que o soñan, editoras que publican e librarías que son lugares da comunicación entre o texto escrito e editado co lector, como ágora ou íntima praza pública.
Neste tempo no que se fala máis de marcas que de cultura, este acto é para nós a reivindicación da escrita literaria como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación dese ser colectivo que levamos dentro e do que nos orgullamos que se chama Galiza.
De esquerda a dereita, Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Leal, vicepresidente da AGE, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG e Laura Rodríguez, presidenta da AGE.