Crónica do Recital poético-musical no 25 cabodano de Miguel González Garcés
28/1/2015

  "Un home é por sempre unha frol de esperanza."

  

O venres 12 de decembro, ás 19,45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés, tivo lugar un recital poético-musical en lembranza do escritor Miguel González Garcés, o mesmo día no que se conmemoraba o vintecinco cabodano, coa coordinación e presentación de Francisco X. Fernández Naval.
 
 

 

Comezou o acto cunha peza musical interpretada por César Morán e Xosé Taboada. A peza é unha composición de César Morán, a partir do poema Bos Amores, de Rosalía de Castro.

 

César Morán e Xosé Taboada

 

Bos amores

Cal olido de rosas que sai de antre o ramaxen
nunha mañán de maio, hai amores soaves
que n'inda vir se sinte, nin se ve cando entraren
pola mimosa porta que o corazón lles abre
de seu, cal se abre no agosto
a frol ó orballo da tarde.
E sin romor nin queixa, nin choros, nin cantares,
brandos así e saudosos, cal alentar dos ánxeles,
en nós encarnan puros, corren coa nosa sangre
i os ermos reverdecen do esprito onde moraren.
Busca estes amores..., búscaos,
si tes que chos poida dare;
que éstes son sóio os que duran
nesta vida de pasaxen.

 

 

Conduciu o acto literario Francisco Xosé Fernández Naval, quen enmarcou a súa presentación cas seguintes palabras: 

“Grazas por acudir a este acto que lembra a figura de Miguel González Garcés, no día no que se conmemora o 25 cabodano do seu pasamento. 

Miguel González Garcés falecía un día coma hoxe, aos 73 anos de idade, logo dunha vida dedicada aos seus e, tamén, aos libros e á literatura, de maneira especial, á poesía, el que era home de cidade, desta cidade, amante dos libros, da casa e dos seus moradores, do amigo culto, do sorriso. 

En nome da Asociación de Escritores en Lingua Galega, quero agradecer a vosa presenza, familiares e amigos que compartistes a vida con Miguel. Grazas tamén á dirección e persoal da biblioteca que leva o seu nome, por colaborar connosco acollendo este acto. 

Nas últimas horas recibimos adhesións a esta homenaxe:  José María Monterroso Devesa, dende Montevideu; Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, na distancia. E tamén, as escritoras e escritores da Asociación: Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Pepe Cáccamo, Xosé Vázquez Pintor, Dores Tembrás e Yolanda Castaño. O académico Xosé Luis Axeitos; a escultora Soledad Penalta; a profesora Pepa Cerviño e o profesor Xosé Manuel Folgar de la Calle. Pedro López Gómez, ex director do Arquivo do Reino de Galicia; Ángeles Penas Truque, directora do Museo de Belas Artes; Isabel Blanco Pardo, directora das bibliotecas municipais. Carmen Rodeja. O Conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, Cristina Rubal, Subdirectora Xeral de Bibliotecas; e Carlos Negreira, Alcalde da Coruña. 

Os que estabades alí, lembraredes con emoción, o acto de presentación do libro Un nome só na néboa, a tarde do 12 de decembro de 1989, o mesmo día do seu pasamento. Quizais o azar, ao facer confluír os dous momentos, quixo proclamar que, malia apagarse a vida de Miguel, dende aquel mesmo intre, cara o futuro proxectábanse os seus versos. O certo é que por el, pero tamén por eles, polos versos, estamos hoxe aquí, compartindo amizade, afecto e lembranza. 

Miguel González Garcés nacía na Coruña o 12 de xaneiro de 1916, polo que dentro dun ano e un mes, celebraremos o seu centenario. Miguel sempre estivo vinculado a súa cidade e ao seu mar. “Toda Galicia é mar”, deixou escrito, el que consideraba que “vivir sen mar era vivir apenas”. 

Dicía antes que entregou a vida ao seus: Elvira, a compañeira da vida; os fillos José Miguel, Laura, Carlos, Alberto; as irmás Laura e Hortensia; os netos cando chegaron. Eles están presentes na súa obra, algúns deles están hoxe aquí. 

Luciano Rodríguez sitúa a Miguel na denominada xeración de 1936, xunto con Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesias Alvariño, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Xosé María Álvarez Blázquez, Eduardo Moreiras e Pura Vázquez. 

Para Luciano, a súa é unha poesía de léxico rico e suxestivo, cargada de plasticidade, dunha grande efectividade rítmica, dunha grande intensidade de vivencia e grande tensionalidade poemática. 

Si, na obra de Garcés alenta a paixón pola palabra. Méndez Ferrín escribiu que a súa  poesía pretende producirse nunha dimensión de valor total; de expresión estética absoluta, cargada coa memoria cultural de todo o pasado literario europeo. 

Xulio López Varcálcel definiuno como mineiro da luz contra as tebras, engadindo que toda a obra poética de MGC se orienta á procura da beleza, ao logro desa unidade orixinal, soberana e eterna que nos sobrevivirá porque xa nos precedeu. 

Xavier Seoane, no limiar de Un nome só na néboa, destacaba como un dos logros presentes nese libro e en toda a obra de Garcés, a alta capacidade de percepción e expresión poética do aspecto plástico-visual da obra, con brillantes calidades perceptivas no ámbito cromático, sinestésico e captativo de formas, perfís, perspectivas e iluminación dos seres e obxectos. 

Traducido ao italiano, portugués, francés e inglés, Garcés foi distinguido con importantes premios como o de Cabaleiro das Palmas Académicas, que no ano 1967 lle outorgou o goberno francés. Foi, tamén, o cronista desta cidade e, polo tanto, a súa memoria. 

Invocalo hoxe, nos días que vivimos, é unha iniciativa necesaria, transcendida dun valor especial, porque el representou e representa os valores extraviados: a honradez, a honestidade, a discreción, o amor aos seus e ao traballo ben feito, a vocación de dar o mellor de si á comunidade, no seu caso materializada no proxecto desta biblioteca pública, que hoxe segue a ser referencia cultural na Coruña e en Galicia. 

Eu coñecino naquel congreso de Poio de 1981, cando os escritores galegos acordamos fundar esta Asociación, e podo acreditar da atención que dispensaba aos escritores novos, atención e curiosidade que, axiña, se transformaba en cariño. Quizais por iso estamos aquí tantos membros dunha xeración que el viu medrar. Moitos máis estarían de llo permitiren as circunstancias, ou de viviren na Coruña, xa que a convocatoria deste acto limitouse a escritores veciños da súa cidade. 

Pero ademais, sempre están, sempre teremos os versos, en castelán primeiro, en galego despois, algúns dignos de seren gravados a ferro no corazón, como este que ledes aquí, nesta imaxe que preparou Maribel Longueira para nos acompañar: Un home é por sempre unha frol de espranza”.

 

 Francisco Xosé Fernández Naval

 


Francisco X. Fernández Naval deu paso a continuación a Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, quen  pronunciou as seguintes palabras: 

 

“Amigos e amigas, querida familia do poeta Don Miguel González Garcés, dámoslle dende a Asociación de escritoras e escritores en Lingua Galega a benvida a esta celebración, a este abrazo público. 

A nosa gratitude á Biblioteca, ás súas bibliotecarias e bibliotecarios, á directora da Biblioteca, por nos acoller. Que mellor homenaxe lle podemos dar ao poeta que facelo nesta casa, neste fogar dos libros, que é a biblioteca que leva o seu nome. 

Facémoslle homenaxe nun lugar propicio. Os escritores somos fillos das bibliotecas e nelas entregamos o noso froito. 

Celebramos hoxe a vida e obra de Don Miguel González Garcés, neste fermosos días dun outono final, cun mar que non ten amigo, so o vento. Neste fermoso tempo no que o noso poeta retorna aos amigos, aos seres queridos, cando nos ribeiros do Avía e o Miño as parreiras dannos cálidas cores nas follas e tecen e entretecen as vides cos seus longos dedos unha luz horizontal. 

Retornamos hoxe a don Miguel González Garcés quizás porque nunca se foi. Vintecinco anos, unha mocidade, que diría quizás Alvaro Cunqueiro. Retornamos ao poeta no tempo no que a semente do seu saber, do seu traballo, levedou, e os seus poemas teñen hoxe a transparencia dourada, o claror do viño novo, o sedimento da terra madura, do froito de longa e lenta maceración. Todo isto é unha outra forma de presenza e quizais da mais alta e humilde eternidade á que podemos aspirar os seres humanos. 

A mellor homenaxe que lle podemos facer a un poeta e ler os seus versos na voz dos e das poetas, e escoitar a música do cantor que acaricia a alma e se fai tamén poema. 

Don Miguel González Garcés era un home culto, era un poeta cunha formación enciclopédica e aínda que tiña a sabedoría dun home do renacemento o seu saber tiña a luminosidade dos ilustrados. A súa era unha ilustración coma algo interiorizado que deixa pouso. Non era un erudito de datas e datos vacuos que poden facer pesadas as azas do poeta e perder levedade do voo poético. El coñecía a interioridade da creación literaria, da arte, da musica, sabia en fin, ler nas secretas linguaxes da alma. 

Foi un poeta de fonda raíz humana e foi mestre de poetas. 

Compañeiro cos poetas do mesmo tempo xeracional cheguei a el a través das palabras de Manuel María, Antón Avilés ou Novoneira. Referente para as xeracións posteriores foi querido e admirado. 

As edicións da súa obran dan fe de que segue a ser querido e admirado: na edición da deputación da Coruña da mao de Luciano Rodríguez, onde enuncia unha completa poética, na edición de espiral maior da súa poesía galega da que o seu editor Miguel Anxo Fernán Vello fálanos coma da “mestura de sensibilidade, intelixencia e coñecemento- e, unido a este, a súa relación, con todo o relacionado coa natureza e coa existencia mesma.” 

Na edición do ensaio de Ladiovento de Xulio Valcárcel, no libro “Porta de Aire” de A Nosa Terra Edicións, na que tiven a fortuna de ser o director editorial, o poeta Xulio Valcárcel dinos da súa poesía, nun fermoso e esclarecedor limiar, "era sinxela e profunda, sensorial e espiritual a un tempo". 

Da fe tamén do seu recoñecemento o premio da Deputación de A Coruña que leva o seu nome e que coordina o poeta Xavier Seoane, premio de incontestábel prestixio, á altura do nome do noso poeta... 

Coma os pintores que el amou pinta con mao do neno deslumbrado, escrebe poemas salfire cores salfire luz. Imaxes impresións de todo o que nace ou morre. E coma nos di Xabier Seoane no seu Don de palabra e imaxe a Un home só na néboa, a obra do noso poeta é un canto ao corpo atraves dos sentidos para quen a fondura do ser está na pel. 

Comecei estas notas de celebración nun pequeno xardín de Vedra perto do patio dun Colexio onde as voces dos nenos e nenas rin corren xogan ao balón en leda algarabía. 

Pensei nos poemas do noso poeta, como os recibirán os nenos no futuro? Como sentirán o canto á vida que son os seus poemas? O tempo onde en silencio todo agarda pola flor que será, dirá que a súa palabra poética permanece pois na súa poesía as palabras pousan coma luz ingrave nas cousas e nos días sen os mancar. 

E finalicei onte esta brevísima aproximación a don Miguel González Garcés no porto de Sta Cruz de Oleiros cando aboura o grande mar e se fai íntimo de espumas que chegan coma cálido eco no xardín da ría onde o noso poeta nestes días amaba o branco no gris duns ceos de alma transparente. 

Vimos todos e todas hoxe coma bando de pardais e pombas que na relva tapizada de follas secas peteira anaquiños deste outono xa final para ler estes poemas que hoxe da mao dos e das poetas e dos cantores traemos para vos en acto de fermosa celebración”.

 

Cesáreo Sánchez Iglesias

 
 

A continuación o presentador deu paso a Laura González-Garcés, filla de Miguel González Garcés, quen, en nome da familia González-Garcés, deu as grazas pola organización deste acto, mencionando, un por un os organizadores e a cada un dos participantes. Terminou lendo o poema “Un home é por sempre unha flor de esperanza ":

 
Un home é por sempre una flor de esperanza.
Quizais o verán lla murchou.
Mais a chuvia de outono
pode erguer as herbiñas cun verde argalleiro.
E as frautas soan.
Pingas de orballo novo
pousan no amor das almas.
E os anxos arrólanse no canto das raiolas
e manseliñamente, bailan, bailan.

Laura González-Garcés

 


Seguidamente comenzou o recital propiamente dito. Fernández Naval indicou que a intención e o desexo era iniciar este recital con Luz Pozo Garza e rematalo con Manuel Álvarez Torneiro, pero accidentes domésticos, con consecuencias traumáticas e dorosas nos dous casos, impídelles estar aquí, como era o seu desexo. 

Luz e Manuel manifestaron o seu desexo de estar presentes e pediron que alguén lese os poemas publicados no número 19 - 20, do mes de outubro de 1993, da revista Nordés, que dirixía Luz, e na que xa se lle rendía homenaxe a Miguel González Garcés. O poema de Manuel pechará o acto, como estaba previsto. O de Luz titúlase A roda solar, e ponlle voz Ánxela Abalo.  

 

A roda solar 
 
                                      A Miguel. In memoriam
 
 
Cando a porta se pecha lentamente
e a luz dunha aurora sen término
queda o tempo vibrando
                                    coma un verso na noite
 
 
Cando o mar delimita o equilibrio das illas
o espacio do misterio recobrado e perdido
queda o verso soando
                                    coma un verso na noite
 
 
Cando o corvo persiste na ventana pechada
e o poeta interroga o azul das praias virxes
queda o verso latendo
                                    coma un verso na noite
 
 
Cando esvaece a voz dos retratos antigos
e os espellos perderon a lámina de azogue
queda tempo fuxindo
                                    coma un verso na noite
 
 
Cando un rumor de verbas flexionan o silencio
porque un pano de liño descendeu sobre os ollos
queda o tempo pregando
                                    coma un verso na noite.

 

 

 Ánxela Abalo

 

O condutor do recital pasou a presentar o seguinte participante, Xulio Valcárcel, do seguinte xeito: 

“Un dos mellores coñecedores da obra de Miguel González Garcés e amigo entrañable, del e da familia, autor do ensaio Miguel González Garcés, mineiro da luz e de Porta de aire; escolma poética de Miguel González Garcés, habitante da casa última, posuidor da memoria de agosto, el que sabe que o sol esvaece entre os dedos, que é quen de determinar o volume da ausencia...”

Xulio Valcárcel, despois dunhas sentidas palabras, leu o poema de Miguel González Garcés “Imos polo camiño”.

 

Imos polo camiño
a man coa man collidos.
E temos sete anos.
Páraste diante dunhas ponlas verdes
de matices dourados.
Eu amóstroche 
o canto das floriñas e os paxaros.
Óllasme. E asulaga en luz alegre
o perfume de ti e máis dos campos.
Detémonos ás veces… E sorrimos… E béixote.
De súpeto, trasmúdome nun home.
Ti, en fermosa muller na que me abraso.
Enrubeces un pouco.
Estou un pouco pálido.
E tes dezaoito, ou vintecinco, 
quizais xa trinta anos…
Enguedéllase o tempo, desacóugame,
e lévame moi lonxe
destes tan verdadeiros e profundos 
sete anos.
Seguimos o camiño
a man coa man collidos.
Fica o noso futuro actual no que non somos nenos
lonxano.
Arelante presencia da ausencia.
Calamos.
E ti sorrís de novo
cara a unha flor azul ou dalgún seixo
tremelucente e claro.
Eu bebo do recendo milagreiro
do presente en que sinto
da túa man o aloumiño acaroado.
Seguimos polo vieiro.
E temos sete anos.
 

Xulio L. Valcárcel


Toma novamente a palabra Fernández Naval para presentar a seguinte participante, Ánxeles Penas:

Poeta, pintora, escultora, eu convivo cada día cunha obra súa, “Maternidade, froito”, instalada nesa praciña de aquí ao lado, saíndo da biblioteca á dereita. Habitante dese fondo val que é Galicia, santuario intocable do amor deshabitado, autora dos poemas Fondo en malva, lido na homenaxe a Miguel González Garcés do ano 1992 e tamén do dedicado a el e publicado en Perfís e Poéticas.

 

A Miguel González Garcés
 
Atrapaches a sobra do tempo
para atopar a sombra do sorriso.
Ficaches no aire do xardín que viña do mar
dacabalo nun soño...
E agora os teus ollos baldeiros
contemplan a bóveda do mundo 
desde a cúpula da eternidade.
 
E está só,
só no silencio de Dársena
matinando no que foron os días
debullados verso a verso:
eses que son agora camiños e ronseis
nos que esborrexes polo espello do pasado
cara ás areladas orelas.
Escoitas os “antigos saloucos”
mentres percuras ao neno que por ti choraba,
para conquerir a perdida inocencia.
 
Agora, xa sabes ben que “a forma é vanidade”
cinza no vento pasadío
e andarás a percurar “outro val” das brancas roseiras,
verde fondal lededicia.
 
Xa a luz e a esperanza non teñen balado.
Podes coller a inmensidade para escribila de novo
sentirte vexetal, sentirse chuvia
e auga e luz e terra e vento
e apreixoar o perfume das mazás intempóreas
e aquel amor sen lindeiros.
Tamén podes atopar o antigo neno
polo que darías unha “dalia pequena”
e “as praias lonxanas nas que aínda non naufragou ningún soño”.
 
Pois a morte é transparente
tes o espello no que soaba a luz
e a palabra perdida
ábreche o pórtico da verdade na catedral do infinito.

 

Ánxeles Penas


O mantenedor presenta a Lino Braxe: 

“Escritor e actor, ou actor e escritor, que percorreu as noites do país coa Caricia da serpe, que sabe que o longo día acaba, pero que é posible regresar e refacerse sempre por entre a desolación; coñecedor do segredo enamorado e do sangue dos árabes, Lino Braxe participou, tamén, no libro homenaxe a Miguel González Garcés publicado pola Deputación no ano 1991, co soneto titulado O Corvo.

Lino Braxe, comentando que está a preparar una peza de teatro na que está en parte presente a lembranza de Miguel González Garcés, le o poema “Ariadna en Naxos”: 

 

Un amor que se perde é illa abandonada.
 
Fío da miña vida que din no laberinto.
 
Ti eras a paixón na misteriosa néboa, 
cobiza no fastío,
raiola nas sombrizas entrañas do desleixo,
atraemento do abismo.
 
E fun á túa beira
doce polpa celmosa dun fruto fresco e trémulo.
Embriagada de ti,
gustou a miña lingua do teu licor escuro.
 
E fuxir, ben fuximos.
O mármore das coxas tornouse en áxil ala.
 
Sinto o mesto silencio que arrodea o silencio
dunha onda no abalo que penetra na furna.
 
E trema nos meus seos
o tempo que me beixa e que me nega.
 
Estou asulagada na túa ausencia.
Un ave gris e moura fixo o seu niño en min.
Xa se foi o que puiden acadar dalgún home.
 
Só atendo a un deus.

 

 

Lino Braxe

 

 
O condutor do acto presenta a Olga Patiño:

“A vida seguramente é unha sucesión de latexos fragmentados nos que imos deixando o tempo en desuso, habitando silencios, pero tamén creando atmosferas que van dende a escrita ata o teatro, dende a docencia ao amor aos netos. Son moitas as coincidencias entre os materiais poéticos dos que se nutre a obra de Olga Patiño e os que alimentaban a de Miguel González Garcés.”

 

Olga Patiño le tres poemas, dous de Miguel González Garcés:

 

Aquela foi unha cidade sen vento.
Praza pétrea, estatua pétrea
e murallas de pedra.
Non había vento.
Cando as bermellas luces da tardiña
rebotan nas esquinas de irta pedra,
a ausencia dos paxaros e da árbore.
O silencio de pedra.
Non entendeu do mar. Nin soubo de lendas verdiazuis.
Palabras de monótono
resoar de palabra en pedra escura.
Naquela cidade de alamio a pedra, de redor de pedra,
de laxes nas que nunca rirá una herbiña verde,
de laxes e de chanzos que acubillan os eidos dos difuntos,
con estatuas de pedra, e murallas de pedra,
baixo un ceo de pedra.
Sen vento
 
 
E bébedo de luz canta o paxaro.
Mais de súpeto cala. Ti o animas.
Modelan o momento palabras de ternura.
A mañá é un vaso pleno de transparencias
da túa voz amorosa.
Testán cala o paxaro.
E ti teimas, e pregas, enverédalo,
arrólalo e mais cantas.
A sombra dunha flor abala na sorrisa.
Xogan delicias íntimas.
Ti pensas que estás soia
coa pequeniña ave.
A escena ten o encanto de verdes na paisaxe
a través dunha bágoa.
Esculpo amor con pedras de silencio.
Froito de paz esvara cara ao soño.
E ti calas tamén.
Amable luz latexa.
O paxaro de novo tece o canto.
Sostén a nota aguda até o milagre.
E máis fermoso foi o trino da tenrura.
 
 
E un da súa autoría:                      
 
 
CANDO MOZART CHEGOU Á MIÑA ALMA…
             Y tú, sueño, dame tu diamante implacable, tu tiempo de deshora.
                                                                                              César Vallejo
 
 
 
              Nunha noite roubada de linguaxe secreta compartimos o ar estremecido
                                                                   e indultamos ao amor…             
 
 
                                                            Ti chegaches a miña pel
                                                            como un canto poliédrico,
                                                            a lei do movemento
                                                            alterou o ritmo do poema.
                                                            O acto de fe
                                                            contido na copa da que bebemos
                                                            alcanzou aos meus beizos
                                                            naquel abisal nocturno
                                                            de húmida natureza .
 
                                                            Cando Mozart chegou á miña alma
                                                            xa nós eramos chama que agroma,
                                                            xa venceramos ao tacto da pel 
                                                            e deixarámosnos caer
                                                            nun xogo de sombras,
                                                            nunha vertixe de asombrosa 
                                                            complacencia. Atopamos
                                                            o inefábel  porto onde cobixármonos
                                                            da vida de fóra.
 
                                                                             
                                                           Cando Mozart chegou á miña alma
                                                            xa nós, co que somos e non somos,
                                                            estabamos a alimentar o eco
                                                            que camiña pola luz…
                                                            
                                                           Abrazámonos e
                                                                              pregouse o vento.
                                                           A redención estaba alí,
                                                           aos nosos pés 
                                                           zumegante
                                                                              como  alento de insomnio
                                                                              que chega ao fondo dos ósos
                                                                               no medio dunha noite arqueada,
                                                                               ateigada dunha única certeza
                                                                               que se repite sen límites:
                                                           A ti me anoo
                                                           mentres bebas das estrelas
                                                            e cabalgues o vento fuxitivo
                                                            que o envolve todo…
                                                            na firmeza da luz.     
                                                        
                                                          Cando Mozart chegou á nosa alma…
                                                          Nós, xa respladeciamos.
 
                

 

Olga Patiño


Francisco X. Fernández Naval presenta a Miguel Mato Fondo: 

“Dende as marismas e a Barra do Anllóns, ao pé do Monte Branco, ata as rúas da Coruña, lector da escrita da terra, catador de whisky na barrica, coñecedor do voo da arcea e do silencio do crepúsculo,  amigo de Miguel, a quen recoñece deberlle moito, tamén el Miguel..."

Miguel Mato Fondo, despois dunha lembranza de “D. Miguel”, le “O piano de Mª Elena Gago”, de Miguel González Garcés:

 

Pasa un río parado no silencio.
 
¿Quen tocou neste piano que reflexa
a música calada?
 
Polo aire do río vai silencio.
 
A gozosa existencia
Non esquece a saudade.
 
Polo río de aire vai silencio. 
 
 
Miguel Mato Fondo

 
O presentador do acto, Francisco Xosé Fernández Naval comenta que “Eva Veiga tiña intención de estar presente neste acto e figurou na relación de participantes ata o final, ata que lembrou que tiña un compromiso previo, presentar a exposición da escultura Soledad Penalta que se inaugura hoxe, a esta mesma hora en Compostela. Porén, era tanto o seu empeño en sumarse a esta iniciativa que escribiu un poema para Miguel González Garcés. Cando soubo que non podería estar, pediume que o lese eu, no seu nome.

 

Para Miguel González Garcés
 
                                            O paxaro de novo tece o canto.
                                                                                Sostén a nota aguda hastra o milagre.
                                                                 E máis fermoso foi o chío da tenrura
 
                                                                        (de Claridade que a tentas me persigo)
resistir 
a raíz
a fin de beber a luz
nun silencio de ponlas e cortiza
fulgor de ferro e bágoa  intacta na albura
escada adentro medrando tenramente
ceo ou voz 
que se expande en lentitude sempre verde
que a ave máis íntima sostén como chave ou dorna
en ti que amas o degaro dun soño
naquel xardín do mundo onde aínda a camelia latexa
milagre da invernía
en ti nas túas palabras trementes como pingas de orballo
a esvararen lúcidas sobre as follas da língua
callado sangue da vida 
que unha e outra vez florea no poema
 
 

Fernández Naval presenta o seguinte participante, Manuel Rivas: 

“Estamos na biblioteca, a casa dos libros, e xa el advertiu de que os libros arden mal. Compositor das baladas nas praias do oeste e do blues da Costa da Morte, ollada sempre atenta que viu voar os últimos cisnes e que nos desvelou o misterio da lingua das bolboretas. No libro As voces baixas, invocaba a biblioteca do xardín de San Carlos, daquela dirixida por Miguel González Garcés, como unha referencia na psicoxeografía da cidade, un dos lugares inesquecibles nos que se abriu o ourizo que ocultaba o poema. 

Manuel Rivas conta unha anécdota de cando, hai anos, era “meritorio de xornalista” e foi cubrir un acto organizado por Miguel González Garcés na Casa da Cultura, no que falaría Álvaro Cunqueiro. O acto estaba previsto para as catro e media. Cunqueiro non chegaba. E cando a iso das cinco e tal non daba chegado, D. Miguel, nervioso e tratando de que os xornalistas seguiran esperando por Cunqueiro, explicou que “acaban de chamar por teléfono dicindo que xa están en Santiago”... Cando finalmente chegou Cunqueiro, a iso das seis da tarde, ca súa gran humanidade e a súa cara sorrinte e sonrosada de felicidade, deu unha aperta a D. Miguel e lle dixo “¡Qué ben se come en Redondela!”.  Manuel Rivas leu, maxistralmente o espléndido canto a onomatopea que é o poema de Miguel González Garcés “Leabe, belabe, bel,”. 

 

Leabe, belabe, bel,
abalibo.
Belibe, belibo, bibo,
rac. 
“Lulla, lulla, lullaby, lulla, lulla, lullaby”.
Deitouse a rula.
Bolboreta, brétema. 
Susu, silen, saba.
“Somnum suadebit inire susurro”.
Levísimo.
Merlo, ledicia, lene.
“O passi sparsi, o pensier vaghi”.
“Epopopoï popoï,
popopopoï popoï…”
Siris. Asubío sedán, soño senlleiro.
“Les oiseaux sont ivres”.
Rac.
 
Si, mais eu… ¡ámote!

 

A continuación Manuel Rivas leeu o seu poema “Meu amor contrabandista”, do seu libro A desaparición da neve.

 

Meu amor anda ás crebas pola beiramar.
Vai preñada de vento,
vai preñada de néboa,
do lóstrego vai,
todo o apaña
apáñao todo
coa luz belísima do seu vesgo ollar.
O que ben que leva co temporal,
como o amansa,
24 fotogramas por minuto,
a dureza mística,
a luz facinorosa
do seu pestanexar.
E el dálle zapatos sempre do mesmo pé,
o andar dos deuses
coxos do mar.
Meu amor enche o ventre
de seixos silábicos,
de runas, de aghoams,
de voces baixas,
pictogramas coprófagos
que crían nos excrementos da lúa.
Meu amor anda ás crebas pola beira da esfera,
nas estradas solitarias,
no ceo dos manequíns
onde rompen as nubes,
no cemiterio dos pingüíns xigantes
cos seus portafolios de naturezas mortas.
Vai preñada por dentro,
cara a dentro,
como unha guía en tempo de éxodo.
Ese ollar delincuente,
ese corpo de contrabandista de seda,
esa voz rouca.
Durmía cos ollos abertos meu amor.
Non sei vivir
sen o rumor do seu vesgo ollar.
Meu amor anda ás crebas na noite.
Apaña os restos aleixoados
do ben e do mal,
un cargamento ultramarino de esdrúxulas,
un fardo de cousas septiformes,
o contedor de frascos de potencias da alma.
Veni Sancte Spiritus,
meu amor atopou o bébedo Xonás.
Meu amor di que Xonás era el o gran peixe.
Xonás preñado de seu,
de abismo.
Meu amor funde os pés na area,
leva no ventre un arfar canso de nai virxe,
un canto de gorxa inuit,
o nome impronunciábel do mesmo temporal.
Meu amor vai parindo de pé
o poema da illa.
Sediame eu,
cercada polas ondas,
o corpo aberto,
a ollada fértil,
as mans vesgas
a amasar,
a levedar o tempo petrificado.
Et tui amoris in eis ignem accende
and kindle in them the fire of thy love.
Meu amor enténdose co mar,
ese fillo de puta,
meu amor.

 

Manuel Rivas


O presentador desculpa a ausencia de Miguel Anxo Fernán Vello, afectado por unha indisposición de última hora, o autor ao que ía presentar como: 

“Poeta, editor, dramaturgo, memoria da brancura, foi el quen nos revelou o dicionario do estremecemento. O astro interior que o habita, en feliz e luminosa interpretación de Teresa Seara, permítelle desvelar os claroescuros da habitación do asombro e escribir sobre as paisaxes vivas. En 1998, Espiral Maior, a editorial que dirixe, publicaba unha Antoloxía da poesía galega de Miguel González Garcés”.

 

A seguinte participante é Estíbaliz Espinosa, presentada polo condutor do acto coas seguintes palabras: 

“Quen pintou a Marola, pintou a mar toda, escribiu nun fermosísimo poema no que invoca a Ulises Fingal, o Lugrís amigo de Miguel González Garcés e ilustrador maxistral de varios dos seus libros. Ela, que se sabe da vila asolagada onda a coraza do Orzán, como sabe da mecánica Zeleste, de textos biónicos, e do fociño do gato, das cereixas, de Orión, dos ombros de Samuel.”

Estíbaliz Espinosa, fala da “poesía de luz” de Miguel González Garcés e lembra a luz de Einstein. Sae ca súa maleta prodixiosa, mostra a súas placas de Petri, e conta como se debe cortar e comer una mazá. Lee no teléfono “Río lento de beiras verdecentes…”

 

Río lento de beiras verdecentes,
paso espello de ondas, lento,
lento espello de aves.
Canto.
Plenitude clarísima.
A música da auga está calada.
Nin murmuran as luces.
Estou enviso no río. Contémplome
fora de min. Vivíndote.
A escultura de rosa
que reflexa a quentura dos trinos,
couga, lenta, creándome, fluente
nun devalar lentísimo. E regresa.
E béixame. Mergúllome 
no moi fermoso río do teu corpo.  
 
 

Para finalizar lee varios “chíos” Twitter. 

 

Estíbaliz Espinosa


Francisco Xosé Fernández Naval, presenta o seguinte participante, Xavier Seoane: 

“Observador da vida e do mundo dende as dársenas do ocaso, regresando sempre devagar entre amor e sombra, posuidor do don do horizonte, firme na raíz e no soño, autor da Canción do cesto, poema dedicado a González Garcés, e do texto Don da palavra e imaxe, que é limiar do libro de Garcés Un nome só na néboa, no que Miguel expresa esta máxima de vida: “Non penso, sei nin amo, a vida sen sentidos..."

Xavier Seoane, fala da súa lembranza de “D. Miguel” e, a continuación, le un poema seu dedicado a Miguel González Garcés, “Canción do cesto”, e explica por qué llo dedicou: o traballo ben feito. Tamén le o poema de Miguel González Garcés dedicado o poeta T’Ao Yuang-Ming.

 

CANCIÓN DO CESTO
 
A Miguel González Garcés
 
Velaí o cesto.
Mira
O seu canto, Miguel.
Sente o silencio
emanar do seu soño e dar en neve.
 
Abertas,
son as noces un dia de outono adolescente
cantando baixo as follas
como un rio de amor e de inocéncia
que a vida outorgou e fecundou o tempo.
 
Mira-a-soñar, abrir-se, renacer,
tacto vivo e rugoso, alva matéria
que deixará na boca o aroma leve
da luz, do sol, do outono decainte pola terra.
 
Mira as noces, Miguel.
Velaí o cesto,
puro vímbio cantando a entrelazada alegría
da sua construcción leve.
Sente a man artesana que o soergueu,
respira o seu alento.
 
Cantando sobre a terra, sente a clara oferenda
destas noces, Miguel.
 
 
 
 
 
O POETA T’AO YUANG-MING
 
O poeta Yuang-Ming, cando foi subprefecto,
non dobrou os xeonllos
por uns moios de arroz, e foise o campo
e compuxo, souril, “A canción do retorno”.
 
O rostro grave e a actitude altiva,
a maxestade firme,
o nobre orgullo.
 

Xavier Seoane 

 

Francisco Xosé Fernández Naval, presenta o seguinte participante previsto, Manuel Álvarez Torneiro, recordando, tal como o dixo o comezo do acto, que non podía asistir debido a un accidente doméstico. 

O poema de Manuel Álvarez Torneiro dedicado a González Garcés e publicado naquel número da revista Nordés ao que antes facía referencia, titúlase Fulgor de tanto nome, en nome de Manuel vaino ler o dramaturgo e actor Gustavo Pernas,

 

FULGOR DE TANTO NOME

 
Ti serias feliz tal dia cama hoxe:
nervioso azul e mar posible, corpos
da exaltación máis clara.
 
O presentido lume da camelia.
Un límite imposible na utopía.
A mórbida razón que crea o verso.
 
Aquí, onde o silencio
agarda toda a música: ise tacto.
 
Fulgor de tanto nome,
vivo paxaro en luz esfarelada,
o xardín de Monet, Faenza, a calma
no pórtico da tarde.
 
Ti serías feliz na invocación das illas,
no soño encarnadura,
aberto a ista raiola,
ollando a primavera que virá nas vontades.
 
Ti serías feliz con nós, seríamos
felices na xuntanza,
soñando un longo abril enaxenado,
o lóstrego instantáneo de felino,
o misterio tremando na abeleira,
un fervoroso Bach, unha moeda
de barro non tocado,
a inmaculada pena de perdernos.
 
Vida que desmemoria tanta morte. 

 

Despois da lectura do poema, Gustavo Pernas, con gran convencemento termina reivindicando a poesía e o teatro.

 

Gustavo Pernas


Xa finalizando, Francisco Xosé Fernández Naval, da paso novamente a  César Morán e Xosé Taboada: 

Ata aquí chegamos neste acto de lembranza e de homenaxe a Miguel González Garcés, pero en nós seguirán latexando os seus versos. Para rematar, César Morán e Xosé Taboada interpretarán unha peza musical, novamente composta por César, a partir do poema Estación, de Luisa Villalta. 

O rematar a peza musical, César Morán toma a palabra para lembrar a “joie de vivre” de Miguel González Garcés e comentar que para el, por sempre estarán asociados a D. Miguel Matisse, Mondrian, Picasso e tantos outros artistas das vangardas…

 

 César Morán e Xosé Taboada  

https://www.youtube.com/watch?v=T7jX9BhH1jQ

 

Luísa Villalta

A Estación

Onda nós nunca pasan os trens
só chegan ou parten.
por eso tamén somos nós
a nosa última estación.

Así podemos marchar
no único sentido posibel
ou esperar o avalo dos viaxeiros
para sentirnos expandidos nas miradas extranas
que chegan arrastrando as bambalinas do mundo.

Onda nós non hai nunca outro destino
que ser un anónimo fin
ou un glorioso comezo.

Máis alá
máis alá somente o mar
e a incertidume da luz
o extremo
o abismo
o espello detido de nós.     

Francisco Xosé Fernández Naval, pecha o recital dando moitas grazas e boas noites os asistentes e pedindo que suban novamente ao escenario tódolos participantes o acto.

 Reciben o aplauso dos máis de cento cincuenta asistentes. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  

Composición fotográfica: Maribel Longueira