Nas últimas semanas, a AELG, a través dalgúns dos seus socios, tivo noticia da retirada da placa que outorgaba o nome de Salvador García Bodaño ao Centro Cívico de Teis (Vigo), inaugurada o 17 de xullo de 2004, no marco da actividade "O Escritor na súa Terra" que cada ano impulsamos desde a AELG, que neste 2014 chegará á súa vixésima edición, e na que se lle entregou ao escritor a Letra E.
Ante a nosa perplexidade, dado que en ningún momento desde o Concello de Vigo se nos comunicou nada a respecto da eliminación desta significativa placa para ser substituída por outra oficial do concello que ignoraba o nome de Salvador García Bodaño, desde a AELG diriximos unha carta ao Alcalde de Vigo na que deixamos constancia da nosa enérxica protesta, así como da petición de reposición da placa e nomenclátor orixinal.
Malia non termos recibido ningunha comunicación oficial, fomos informados polos socios de que a placa orixinal que recollía a memoria daquela actividade foi reubicada no seu lugar, un exercicio de respecto e dignidade que nos causa gran satisfacción.