
Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, asinou xunto ao presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, un convenio de colaboración mediante o cal a Deputación de Lugo financiará o desenvolvemento dunha serie de actividades de investigación e difusión do sistema literario galego, entre as que se encontran a polafía no Valadouro, as VI xornadas de literatura oral ou a homenaxe a Marica Campo celebrada este pasado sábado no Incio.
“Grazas a este convenio a AELG pon en marcha iniciativas culturais importantísimas e moi necesarias para Lugo, que co paso dos anos están a ser todo un éxito de participación de xente e dinamización social e cultural. Non hai máis que ver a cantidade de persoas que participan nas polafías ou o éxito das xornadas de literatura oral que este ano chegan á súa sexta edición. Temos que ser conscientes que nestes tempos a aportación das institucións públicas é fundamental para manter viva a nosa cultura xa que outras entidades estanse afanando en esmagar todo aquilo que teña que ver co ser galego e a nosa identidade e cultura”, destacou Mario Outeiro.
A colaboración entre a Área de Cultura da Deputación e a AELG comezou no ano 2007, cando a primeira apoiou á AELG no financiamento da XXIV edición do encontro “Galeusca” de escritores/as galegos, cataláns e vascos. O acto celebrouse na cidade de Lugo e na vila de Mondoñedo, e foi a primeira dunha lista de diversas colaboracións entre as que se atoparon obradoiros de creación literaria, concibidos como unha oportunidade de achegar á mocidade os nosos autores e autoras e a súa obra, que tiveron como protagonistas a Xosé Miranda, Paco Rivas e Jaureguizar. Tamén se desenvolveron xornadas de Literatura de Tradición Oral, que pretenderon darlle a importancia que merece a esta parte fundamental da literatura. Organizáronse xa cinco edicións, “A figura do demo na literatura de tradición oral”, “O mito que fascina. Do lobo ao lobishome”, “Mitoloxía da morte. Agoiros, ánimas e pantasmas”, “Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos”, “Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular” e neste ano 2013 versarán sobre a mitoloxía mariña.
Outro proxecto que comezou no 2007 foron as Polafías que, da man da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG coa coordinación de Antonio Reigosa, tendo como obxectivo recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular, por medio dunha adaptación das antigas xuntanzas tradicionais aos tempos actuais, nos que os recursos técnicos permiten darlle un carácter estábel e con garantía de futuro á creación espontánea dos asistentes, favorecendo o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de internet, para conseguir unha ampla difusión deste patrimonio. A colaboración da Área de Cultura permitiu levar esta iniciativa a Friol, Riotorto, Xermade, San Cibrao, Chantada, a Fonsagrada, Monforte de Lemos e Santaballa (Vilalba).
Ademais este ano, grazas a esta colaboración entre a Área de Cultura da Deputación de Lugo e a AELG celebrouse no Incio a semana pasada a homenaxe a Marica Campo “A escritora na súa Terra”, que ten como filosofía darlle un protagonismo especial ás personalidades relevantes da literatura galega entre a súa propia veciñanza, que tamén goza duns actos e do contacto colectivo de gran peso no desenvolvemento intelectual de Galiza.