Recital de clausura do obradoiro "A escrita do poema: da técnica ao sen alento"
19/6/2013
Ás 19.30, na Biblioteca do Centro Ágora, con entrada libre

Mañá, xoves 20 de xuño, ás 19:30, na Biblioteca do Centro Ágora, terá lugar un recital con motivo da clausura do obradoiro "A escrita do poema: da técnica ao sen alento" guiado por Dores Tembrás. Os asistentes a este curso, organizado pola Escola de Escritoras e Escritores da AELG, amosarán algúns dos textos froito das sesións. Ponse así o ramo a uns encontros onde o traballo coa palabra poética volveu poñer de relevo algunhas das chaves precisas para a construción do poema.

Neste acto de clausura, con entrada libre, estará a Vicepresidenta da AELG, a poeta Antía Otero.
 
 
A Escola de Escritoras e Escritores da AELG é unha iniciativa que ten como obxectivo, cos autores/as como guías, transmitir a experiencia da paixón do acto de crear:
 
afondando nos motivos que alimentan a literatura
proporcionando estratexias para a escrita de ficción
destacando o desenvolvemento da capacidade de observación, reflexión e intercomunicación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade
partillando orientacións e metodoloxías de achegamento literario para a mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega de hoxe
concienciando a sociedade da necesidade de estimulación creativa  na escrita que complemente a formación do individuo
poñendo en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria
 
A Escola de Escritoras e Escritores  da AELG basea a súa actividade na impartición, por concellos de todo o país, de obradoiros, que terán diversos formatos en canto a xéneros literarios, contidos temáticos, idade dos destinatarios...