A AELG está organizando esta sexta edición, que contará coas conferencias de:
- 11 de abril: Pilar García Negro. “Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar”
- 18 de abril: Aurora Marco. "Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas"
- 25 de abril: Antón Riveiro Coello. “As voces ausentes. Literatura restitutoria”
- 3 de maio: Lídia Jorge. "Quem guardará os livros"
As conferencias serán no salón de actos da Real Academia Galega, ás 20:00.
Entre o invisíbel e o invisibilizado habitan voces e silencios, sombras e tebras que testemuñan tempos, espazos e nomes propios desacougados á espera da restauradora luz da alba.
Porque precisamos reconstruírmos os lugares máis escuros da memoria -as guerras, as mulleres represaliadas, as guerrilleiras, as voces enfermas, esquecidas ou simplificadas até a sometemento, as vidas vividas a contrafío na defensa dos dereitos- chegamos á escrita restauradora.
Velaquí a literatura a se converter nos óculos-ponte e no espello reflector que trace, desde a palabra, os lindes xeográficos e humanos dos territorios da invisibilidade.