Faleceu José Luis Sampedro, Escritor Galego Universal
11/4/2013
Recordamos a carta que enviou á comunidade da AELG con motivo do seu nomeamento como Escritor Galego Universal o pasado 2012

Na Cea das Letras de 2012 o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro dirixida ás/aos Socias/os da AELG:
 
“A vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska e Juan Gelman] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”
 
Con posterioridade á Cea das Letras, a presidencia da AELG recibiu unha nova comunicación de José Luis Sampedro en resposta á súa carta-laudatio lida na Cea das Letras,  "que me fai mais duro aínda o meu pesar por non ter podido recoller persoalmente o voso premio";  "prégoche transmitas a miña gratitude aos teus asociados e amigos e lles asegures o orgullo con que vivo a vosa homenaxe" como Escritor Galego Universal outorgada pola Asemblea de Socias e Socios da AELG.