Anxos Riveiro, Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, presentaron as liñas mestras do encontro.
O éxito do Salón do Libro Infantil e Xuvenil axudou a que a Federación Galeusca, constituída polas asociacións de escritores en linguas catalá, éuscara e galega, escolleran Pontevedra como sede do seu congreso anual. Este encontro vén celebrándose por quendas desde 1984 en Galicia, País Vasco e Cataluña e chegará en Pontevedra á súa edición número trinta. Será a finais do próximo mes de outubro.
A elección de Pontevedra foi debida, segundo o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, a que este ano este congreso falará de literatura infantil e xuvenil, da que dixo, "Galicia é a comunidade autónoma que máis premios nacionais ten". Serán en total nove autores, tres de cada un dos idiomas, os que participen como relatores nestas xornadas.
O obxectivo deste congreso é que estas tres literaturas "se comuniquen sen intermediarios" e se analice de forma conxunta a "similar problemática" que afecta a cada unha delas. Ademais das tres mesas redondas coas que contará esta xornada, celebrarase un acto lúdico-musical e varias visitas para que os autores foráneos coñezan a cidade. Trátase de eventos abertos a toda a cidadanía.
Ademais Cesáreo Sánchez sinalou que con este tipo de iniciativas "intentamos ensinar o mellor que temos no noso país e por iso é polo que tomamos a decisión de vir a Pontevedra", cidade da que valorou positivamente a súa política cultural "da que estamos especialmente orgullosos" e o seu actual modelo urbano. E é que Pontevedra xa foi sede deste congreso en 2001 "e estaba todo en obras, agora que está paseable é marabillosa".