Xosé Lois Vilar Pedreira, activista cultural, arqueólogo, historiador, e experto en talasónimos falounos de “Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos”, un percorrido pola etimoloxía dos diferentes, e moitas veces curiosos, nomes do mar galego.
Hixinio X. Puentes Novo, mestre, investigador e escritor falou de “Naufraxios literarios e reais”, un percorrido polo mundo do mar achegado aos desastres mariños preto do noso litoral.
Xurxo Souto, músico e, entre outras moitas cousas, escritor, levounos baixo o título “O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galicia” pola querencia que tiñan algúns distinguidos membros da Xeración Nós (Castelao, Otero, Amado Carballo) polas cousas do mar, en concreto polo porto nortense de Antuerpen, un espazo máis da literatura galega da década de 1920.
A antropóloga, investigadora e profesora da Universidade de Navarra, Rosa García-Orellán, de ascendencia galega, guiounos polos “Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova”, un percorrido onde se sinalou a estadía da nosa flota bacallaeira nos grandes bancos de Terranova, desde os seus comezos até a moratoria en 1992.
Dúas mesas redondas baixo o título “A memoria naufragada” e “Andar o mar. As pegadas do salitre”, coordinadas respectivamente por Antonio Reigosa e Isidro Novo, e nas que interviñeron os relatores mencionados, deron oportunidade aos asistentes de intervir e participar nesta xornada, de cuxos resultados se dará conta oportunamente cando se publiquen as actas correspondentes.
O colofón a esta xornada púxoo o recital poético multimedia “Transfusión oceánica” a cargo de Xosé Iglesias, un rapaz que é patrón de pesca de altura, natural de Cee, e que tamén exerce de poeta e escribe, como un novo Manuel Antonio, literatura contemporánea do mar, feita pola xente do mar.