Presentouse a Polafía de Cerqueda (Malpica)
14/3/2011
Terá lugar o vindeiro domingo, 13 de marzo, ás 17.00, dentro do programa do Entroido

O venres, 4 de marzo de 2011, ás 19.00 h, tivo lugar no restaurante Aldeola de Cerqueda (Malpica de Bergantiños) unha rolda de prensa na que se presentou a actividade «Polafía» que se encadra dentro da programación de Cerqueda Entroido 2011.

A mesa de presentación estivo conformada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Antonio Reigosa, director das Polafías, Avelino Queiro Verdes, presidente da Asociación de Veciños Monte d’Arxa, Luz María Varela Rama, voceira da Asociación Cultural Raigañas, e Alfredo Freire, xerente do complexo-hostaleiro Aldeola.
A Polafía Cerqueda 2011 está organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Veciños Monte d’Arxa, a Asociación Cultural Raigañas e conta coa colaboración do complexo-hostaleiro Aldeola.
 
 

Se ben xa ó longo destes anos a tradición etnográfica dos Madamitos e Ghuardineiros era o prato fundamental do Entroido en Cerqueda, neste 2011 a celebración dunha Polafía recuperará os vellos costumes das coplas, contos, romances, regueifas e música tradicional. Todo este xerme de actividades é a conclusión á que chegaron as asociacións Raigañas e Monte d’Arxa en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega.
 
O programa Entroido Cerqueda 2011 desenvolverase en tres xornadas nas que se combinarán xogos, literatura oral, música e danza tradicional, así como a gastronomía da época.
 
A primeira xornada terá lugar o vindeiro venres 4 de marzo no local sociocultural das Pozacas cos máis pequenos como verdadeiros protagonistas. Desde as 5 ata as 8 da tarde haberá unha gran festa de disfraces con animación antroideira. Ó remate da mesma degustarase unha chocolatada. Por outra banda, desde as 8 e media ata as 10 e media, para os máis adolescentes celebrarase por primeira vez un guateque xuvenil de entroido.
 
O día máis intenso de tradición antroideira será o Domingo de Piñata coa celebración do tradicional percorrido dos Madamitos e Ghuardineiros e coa novidade da gravación dunha Polafía. Os Madamitos arrancarán o seu desfile de bromas, danzas e músicas a partir das 11 e media da mañá por todos os lugares da parroquia. A Polafía celebrarase a partir das 5 da tarde no restaurante Aldeola. Nela, a Asociación de Escritores en Lingua Galega aproveitará para realizar unhas gravacións da tradición da literatura oral e da música tradicional da parroquia de Cerqueda. Gravaranse romances de cego, coplas, comparsas, regueifas, contos, lendas así como o repertorio de catro xeracións de pandereteiras da parroquia. O peche da Polafía virá dada coa última intervención dos Madamitos e Ghuardineros e coa actuación dos gaiteiros Raigañas. Na organización da Polafía participan a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Veciños Monte d’Arxa, a Asociación Cultural Raigañas coa colaboración do complexo hostaleiro Aldeola.
 
A última iniciativa deste programa é o cocido de entroido que terá lugar o sábado 26 de marzo a partir das 10 da noite no restaurante Aldeola. Ademais da degustación de produtos típicos de época, os asistentes poderán contemplar o concerto humorístico do grupo Os Revenidos e bailarán coa orquestra Trebol. Para participar no cocido é imprescindible inscribirse nos teléfonos 660 48 10 25 / 696 27 64 12