Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2011
Prezados amigos e amigas:
Nos pasados meses, o Consello da Cultura Galega presentou un documento titulado Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega nun acto que foi a culminación de todo un proceso de análise e debate en torno ao rol, as funcións, e as posibilidades da cultura como un elemento fundamental na conformación da civilidade pero tamén como un ámbito específico do tecido produtivo. Nese documento formulábase ademais a necesidade de xerar un contrato que permita converter a creación e a difusión cultural nun sector estratéxico na acción de goberno das institucións.
Consonte o espírito dese documento, no Consello da Cultura Galega entendemos que ese mesmo modelo de análise e proposición pode e debe ser aplicado de forma particular a sectores que sendo igualmente estratéxicos están a padecer unha situación de crecente incerteza, e que de vello foron alicerces sobre os que se construíu este país e a súa cultura. Un deles é, sen dúbida, o das artes escénicas.
Por iso, o Consello da Cultura Galega promove a través da Sección de Música e Artes Escénicas a elaboración dun documento que se titulará As artes escénicas en Galicia, situación e retos de futuro e que vai seguir a pauta, no seu deseño e realización, do documento marco antes citado.
O documento terá un conxunto de bloques temáticos, que para os efectos do proceso de traballo que imos iniciar serán os seguintes:
1.As artes escénicas e os seus sectores.
2.Formación, investigación, innovación.
3.Institucións, axentes e tecido.
4.Creación, difusión e recepción.
5.Proxección interior e exterior.
Non obstante, os bloques temáticos sinalados irán acompañados doutros documentos relacionados coas políticas culturais e teatrais ou coa análise demorada das cifras que ofrece o sector en relación con parámetros diversos, campo no que o Consello da Cultura Galega está a facer, desde o Observatorio Cultural de Galicia, unha pescuda permanente coa finalidade de coñecer indicadores substantivos en relación coas dinámicas internas da nosa cultura.
O proceso de traballo que se vai seguir aséntase nas seguintes etapas:
1.Envío dunha enquisa aos axentes sociais (entidades, colectivos, persoas) para elaborar un primeiro estado da cuestión nos diferentes ámbitos antes citados.
2.Elaboración, partindo dos materiais procedentes da enquisa, dun documento base (primeiro documento) para cada un dos bloques temáticos e envío posterior do mesmo aos axentes sociais para que estes, pola súa vez, realicen comentarios e novas achegas.
3.Revisión e reelaboración do documento primeiro en función das achegas recibidas. Envío do segundo documento.
4.Presentación do segundo documento nunhas xornadas de análise e debate a celebrar na sede do Consello da Cultura Galega no primeiro semestre de 2012.
5. Elaboración e edición do documento definitivo e presentación pública do mesmo.
Para coordinar a elaboración deste documento, a Sección de Música e Artes Escénicas delega en Manuel F. Vieites, integrante da mesma, quen, a través do procedemento que en breve comunicaremos, manterá contacto e correspondencia coas persoas que participen no proceso.
Coa presente, queremos convidarte a participar activamente no proceso e achegar todas cantas suxestións, ideas, propostas ou documentos consideres de interese para a elaboración dese documento final. Igualmente convidamos ás asociacións do sector a facer as achegas que estimen oportunas e a implicar no proceso aos seus asociados e asociadas.
Entendemos que nestes momentos un documento destas características pode ser de grande utilidade, sobre todo na medida en que poida servir para elaborar un plan estratéxico para as artes escénicas sobre o que pactar ese contrato necesario do que falabamos na presentación da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega, e que inclúa e comprometa a toda a sociedade,
Cos mellores cumprimentos,
Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega