Nace a Escola de Escritoras e Escritores da AELG
4/10/2011
A Escola de Escritoras e Escritores baseará a súa actividade na impartición, por concellos de todo o país, de obradoiros, que terán diversos formatos en canto a xéneros, contidos...

•Esta iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega levará obradoiros de creación literaria a concellos de todo o país
 
•O primeiro obradoiro será impartido pola poeta Antía Otero no Museo de Belas Artes da Coruña
 
•O prazo de inscrición esténdese até o 10 de outubro e a matrícula é gratuíta
 
 
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega crea a Escola de Escritoras e Escritores da AELG, unha iniciativa que ten como obxectivos, cos autores/as como guía, transmitir a experiencia da paixón do acto de crear:
 
•afondando nos motivos que alimentan a literatura
•proporcionando estratexias para a escrita de ficción
•destacando o desenvolvemento da capacidade de observación, reflexión e intercomunicación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade
•partillando orientacións e metodoloxías de achegamento literario para a mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega de hoxe
•concienciando a sociedade da necesidade de estimulación creativa  na escrita que complemente a formación do individuo
•poñendo en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria
 
 
A Escola de Escritoras e Escritores baseará a súa actividade na impartición, por concellos de todo o país, de obradoiros, que terán diversos formatos en canto a xéneros literarios, contidos temáticos, idade dos destinatarios...
 
A Escola nace cun obradoiro na cidade da Coruña a cargo da poeta Antía Otero, dirixido a persoas de máis de 16 anos. Desenvolverase durante oito semanas (unha sesión de dúas horas cada semana) en horario de 18:00 a 20:00. Será os días 13, 19 e 26 de outubro e 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro no Museo de Belas Artes (Rúa Zalaeta, s/n – A Coruña) .
 
A matrícula é gratuíta e aberta a toda a cidadanía.
 
O prazo para anotarse vai do 3 ao luns 10 de outubro e pode facerse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org ou chamando por teléfono ao 981 133 233.
 
O obradoiro contará coa visita doutros escritores/as para contar a súa experiencia creativa e guiar os asistentes na (re)construción interna dunha obra ficcional desde a concepción inicial até o produto final.
 

Botando man de imaxes literarias e artísticas, achegaranse chaves interdisciplinares para descubrir e explorar elementos importantes nas creacións como son a imaxinación, a escoita, o tempo, o espazo, os personaxes, as escenas, os diálogos... Unha alternativa ás aulas propiamente académicas, unha aposta polo ocio creativo e, ao tempo, humanamente enriquecedor ao redor da experimentación, da comprensión e do diálogo persoal co feito literario e coa arte en xeral.