Conclusións do V Encontro de Escritores/as Novos/as
9/12/2010
"Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións"

 

1.Entendemos que a creación é o medio para conformarmos o relato da propia experiencia, isto é, o entendemento do propio proceso.
 
2.Apoiámonos na creación desde a intertextualidade e non como “alivio” individual, senón como axitación, pois é unha canle que nos permite actuar sobre a realidade sen agardar eternamente a que esta actúe sobre nós.
 
3.Concordamos en que, como credores e creadoras de hoxe, dunha realidade de presente,  non procuramos conclusións, senón estímulos.
 
4.Manifestamos a necesidade de continuar, por parte das institucións públicas e mais de calquera organización, asociación ou entidade de carácter privado, a apostar polo mantemento e / ou acrecentamento de convocatorias de premios literarios, necesarios en todas as modalidades xenéricas, mais fundamentais no caso da poesía, onde as duras regras do mercado limitan a chegada da poesía ás librarías.
 
5.Reafirmámonos publicamente no noso compromiso como escritoras e escritores para coa lingua galega, posto que somos conscientes de que cando creamos en galego estamos a colaborar, desde unha posición activa e desde unha escolla non casual nin inocente, coa pervivencia do idioma de noso.
 
6.Asumimos a literatura, nas súas diferentes expresións estéticas, ora de creación literaria ora de investigación, como unha canle comunicativa ampla que converte en visíbel o idioma que a constrúe e vertebra.
 
Na Coruña, a 6 de novembro de 2010