Apoio da Aelg a Andrés Torres Queiruga
15/6/2009
A Aelg mostra a súa solidariedade co seu Socio Andrés Torres Queiruga.

Torres Queiruga, víctima da liberdade de pensamento

 

 

            Hai tempo que os bispos españois teñen na obxectivo dos seus ataques inquisitoriais a Andrés Torres Queiruga. Agora sóubose que os cancerbeiros da ortodoxia están a preparar a condena inminente deste pensador e escritor galego.

            Desde a AELG enviámoslle o noso apoio a este compañeiro de pluma que ten feito tanto pola lingua e a cultura galega, alén de compartir ou non todos os seus postulados. Como el mesmo recoñecía, esta posíbel condena é “allea ao máis elemental sentido democrático”, pois atenta gravemente contra a liberdade de pensamento e escritura. Chama particularmente a atención no caso de Torres Queiruga, de tan exquisita pluma e oposto a ataques fortuítos a ninguén.

            Coidamos que esta condena sería un absurdo atentado nunha sociedade democrática; tanto para os que se senten cristiáns como para os que levan adiante un traballo intelectual, polo moito que ten achegado e segue a achegar a súa reflexión e a súa escrita. E resulta especialmente chocante neste momento no que a Igrexa española está a vivir graves problemas na sociedade, particularmente no diálogo coa cultura, precisamente polas posicións máis ultras de algúns dos seus xerarcas.

            En palabras de Victorino Pérez, Torres Queiruga ten achegado unha visión máis crible de Deus, unha visión dun Deus no que poida merecer a pena crer aínda hoxe; pai-nai amoroso, apoio incondicional na dura loita de cada día..., sen rastro da maldade xusticeira, nin da arbitrariedade caprichosa que tantas veces se lle ten aposto na historia e aínda se segue a apoñerse. Queiruga ten achegado tamén un concepto da revelación relixiosa en xeral non como un “ditado” exterior dun deus que está nas alturas, senón como a manifestación ao xeito socrático de Deus desde dentro da historia e desde o interior de cada persoa; do mesmo xeito que é un Deus que non impón unha moral particular para gañar o ceo, senón que esa moral é unha ética humanizadora que os humanos van descubrindo na súa vida diaria e histórica.

            Por todo iso e polo compromiso inquebrantábel co galego como lingua deste país, que ten espallado en preto dun cento de libros, centos de artigos e conferencias na Galiza e por todo o mundo, Andrés Torres Queiruga é un faro que non pode ser reprimido.