Conclusións do Galeusca 2008
Reunidos en Valencia e Sueca, entre os días 7 e 9 de novembro de 2008, as asociacións de escritores galegos, bascos e cataláns, ao redor do tema “A literatura e a paisaxe do eu”, concluimos que:
1. Cómpre continuarmos a traballar na procura da normalidade como creadores e creadoras, malia as nosas situacións sociolingüísticas, políticas e culturais seren adversas
2. Afirmamos a evidencia de estarmos a vivir unha situación de involución que se manifesta en posicionamentos públicos belixerantes como o “Manifiesto por la lengua común”, entre outros, que xa nos fixeron responder conxuntamente o pasado mes de xullo
3. Nesta liña, o 15 de xuño constituimos a Federación de Asociacións de Escritores Galeusca para articular accións comúns e dar resposta a actitudes belixerantes como a xa citada e avanzar nun grao de convivencia dentro da diversidade cultural
4. Isto obríganos a que, logo de 25 anos, debamos reflexionar e reformular o modelo de relación e actuación conxunta. Nesta liña, os noso lazos veranse reforzados coa realización de máis actividades de distinto formato e unha esixencia común ante as diversas institucións implicadas.
5. De maneira especial traballaremos para reformular o marco que nos permita mellorar as condicións de profesionalización e o respecto aos dereitos de propiedade intelectual, e en especial en temas sensibeis como contratos de edición, formatos dixitais e os retos formulados polas novas tecnoloxías, así como o desenvolvemento da lexislación derivada de organismos europeos.
6. Concretando, temos iniciado xa formas de maior relación a través da incorporación de iniciativas como as casas de escritores e escritoras e residencias de creación. E tamén, a incorporación de escritores e escritoras das outras dúas linguas nas actividades propias de cada asociación. Neste sentido, lembramos o recentemente celebrado III Encontro de Novos Escritores, no Pazo de Mariñán (A Coruña), así como a posta en marcha a partir do próximo mes de xaneiro da Casa do Escritor Hugoenea, sita no concello de Pasaia, para uso dos escritores e escritoras das tres linguas. Asemade, a próxima celebración do Congreso de Literatura Infantil e Xuvenil en Mollerussa (Lleida) o vindeiro mes de maio de 2009, exemplos das novas formas de colaboración.
En Sueca, oito de novembro de 2008
XXV Galeusca, “A literatura e a paisaxe do eu”