A Aelg fixo entrega á Real Academia Galega dos documentos do seu Centro de Documentación de Escritores Galegos
20/9/2007
O día 19, ás 12.30, na sede da Real Academia Galega

 

A Real Academia Galega (RAG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron o 16 de setembro de 2005, hai agora 2 anos, un Acordo Marco de Colaboración baseado no común interese na normalización cultural e lingüística de Galiza, procurando unha aplicación práctica do coñecemento da lingua e literatura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras.

A filosofía que inspirou o acordo concrétase, entre outras accións, na constitución na propia sede da Real Academia dun Centro de Documentación dos Escritores/as da AELG, con documentación proporcionada pola Asociación, quen á súa vez a recada dos seus propios socios e socias, para pesquisa de investigadores, estudosos e especialistas.

Durante estes dous anos, a Aelg recompilou unha cantidade inxente de material documental que foi achegado polos socios e socias da AELG, e que foi dixitalizado para o Centro de Documentación da súa web coa colaboración da Deputación da Coruña, a Consellaría de Innovación e Industria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O material, que se entregou en 7 cartafoles e tamén en formato dixital, componse de miles de fotos, biografías, mostras de obras, traducións, paratextos (entrevistas, artigos publicados por ou sobre os escritores, prólogos, portadas de libros, recensións críticas... ) que recollen todo aquilo que rodea a traxectoria literaria e vital de sobre uns 150 autores/as socios/as. Ao estaren dixitalizados, poden ser consultados de forma sinxela e desde calquera parte do mundo por un sistema de busca que permite atopar calquera palabra dentro do corpus. Alén disto, pódese ver na maioría dos documentos unha imaxe do orixinal.

 

Dado que a Real Academia é depositaria dun importantísimo fondo arquivístico documental dos escritores en lingua galega, a AELG considera esta institución como a mellor garantía de conservación dos arquivos entregados e agradece a súa colaboración.

Foi o Presidente da Real Academia Galega, Sr. D. Xosé Ramón Barreiro quen recibiu a documentación da man do Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias. O presidente da RAG agradeceu a entrega e valorou a documentación como de grande axuda para coñecer a traxectoria dos escritores/as nos seus pequenos detalles, pois entre a documentación hai material que só pode achegar o autor/a. Pola súa banda, o arquiveiro-bibliotecario da Real Academia, Sr. Axeitos Agrelo, incidiu na idea de que a documentación constitúe un complemento ideal para o arquivo da institución. No acto estivo presente o escritor Salvador García-Bodaño, Vicesecretario da Real Academia.