A Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, manifesta o seu apoio á Campaña “Ensino en galego” que, promovida por distintas entidades vinculadas ao mundo do ensino, fixo hoxe a súa presentación pública.
Para a AELG todas as accións que signifiquen un paso adiante na normalización do noso idioma son necesarias e por iso mesmo serán moi benvidas.
A recente publicación do Decreto 124/2007 era unha necesidade, pois era preciso iniciar con carácter urxente a aplicación do Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade do Parlamento galego en 2004, a mesma unidade política que, asentada no diálogo e no consenso, viu nacer a redacción deste novo Decreto, como moitos e moitas lembramos.
As escritoras e os escritores consideramos que este Decreto debería ser aínda máis ambicioso á hora de determinar os procedementos para que a presenza da nosa lingua propia no ensino sexa maior e poida redundar na normalización do noso idioma. Con todo, malia ser moi coincidente na súa redacción a respecto do Decreto anterior (247/1995) consideramos que, doce anos despois da súa implantación e á vista dos resultados coñecidos por diferentes estudos oficiais, claramente negativos para o idioma propio de Galiza, este Decreto implica un paso adiante, pois afonda no desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística, tamén aprobada por unanimidade en 1983, adecúase ao actual marco educativo (LOE), e asume as orientacións do Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega, un mandato que o Parlamento galego aprobou por unanimidade o 21 de setembro de 2004 dirixido ao Goberno galego para que o desenvolvese e aplicase nos diferentes sectores. Asemade, este Decreto incrementa até o 50% o número de materias a impartir en galego, ao tempo que estabelece mecanismos necesarios para que se poida cumprir o Decreto como son a formación do profesorado, a constitución de comisións territoriais que asesoren e coordinen os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüísticas (en vixencia desde o ano 1991, mais cuxo labor se pon agora en valor), a implicación da Administración canto á divulgación das experiencias positivas desenvolvidas nos centros educativos no campo da normalización lingüística ou o estabelecemento de mecanismos de avaliación do propio Decreto.
Falta agora unha cuestión fundamental: o compromiso decidido da Consellaría de Educación para cumprir e facer cumprir este Decreto, e desde a AELG trasladámoslle tanto a Educación, como á Secretaría Xeral de Política Lingüística a necesidade de asumir unha posición decidida a prol do noso idioma e, por tanto, na aplicación do Decreto que vén de publicar.
As escritoras e os escritores galegos consideramos que é fundamental para o noso país e para a pervivencia da nosa cultura, unha posición firme e decidida na normalización do noso idioma. A situación da nosa lingua clama por unha política efectiva en prol da normalización. Por este motivo a AELG expresa o seu apoio á campaña “Ensino en galego” e anima a toda a comunidade escolar a expresar o seu apoio ao novo Decreto 124, para deixar constancia de cal é a posición real das galegas e dos galegos ante o noso idioma.
O Consello Directivo da Aelg