A ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA
MANIFESTA O SEU APOIO AO HISTORIADOR DIONISIO PEREIRA
A Asociación de Escritores en Lingua galega, AELG, quere facer público o seu apoio ao historiador Dionisio Pereira e avalar o traballo por el realizado, nomeadamente a publicación do libro A IIª República e a represión franquista en Cerdedo.
Desde a AELG consideramos que o labor de historiadores como Dionisio Pereira é unha necesidade para o noso país, especialmente no que ten a ver coa recuperación da memoria dos feitos verdadeiramente acaecidos e coa restitución da dignidade histórica das vítimas e das persoas represaliadas.
Para a AELG é inaceptábel que, cando aínda cómpre escribir a historia do acontecido no noso país despois do alzamento fascista contra o lexítimo goberno da República, se pretenda levar aos tribunais un intelectual que está a contribuír ao esclarecemento dos feitos mediante unha traxectoria científica impecábel. Non podemos permitir que un historiador, polo feito de facer o seu traballo de recoller, estudar e expor os datos aportados polas fontes consultadas, sexa levado aos tribunais para ocultar a realidade que aconteceu. Non podemos calar ante esta nova forma de persecución contra a liberdade intelectual e de expresión. Non cando as vítimas da represión aínda non foron restituídas na súa dignidade e non se xulgaron as atrocidades e os asasinatos cometidos contra deles por defender o lexítimo goberno saído das urnas en 1936 ou teren ideas propias diferentes dos insurrectos.
A AELG declara o seu apoio a Dionisio Pereira e ao seu labor e, ao mesmo tempo, insiste na necesidade de seguir traballando na investigación da nosa historia, en liberdade e en xustiza, sen que os nosos intelectuais se sintan perseguidos ou coaccionados polos resultados das súas investigacións.
O Consello Directivo da Aelg, na Coruña, a 21 de febreiro de 2007