Manifesto da Aelg EN DEFENSA DO NOSO MONTE.
7/9/2006

Manifesto EN DEFENSA DO NOSO MONTE


Os escritores e escritoras galegas queremos mostrar a nosa indignada dor diante da agresión criminal que está a sufrir a nosa terra, a natureza de noso que alimenta e é alimentada pola vida. OS ESCRITORES E ESCRITORAS EN LINGUA GALEGA QUEREMOS ERGUER A NOSA VOZ EN DEFENSA DO MONTE GALEGO. Porque no noso monte os escritores e as escritoras ollamos e vemos reflectido o transcorrer da nosa propia vida, quen fomos, que somos e cara onde imos, foi por isto que incorporamos ao noso himno nacional a súa arpada voz de ser vivo. É por iso que o defendemos coa palabra. Porque a saiba verde, o verde sangue do monte vizoso, ao longo da historia, nos construíu, alimentou e fixo cidadáns e cidadás libres.

Queremos un monte en que habite o carballo e faga o niño a rula e voe como un ventiño leve a vacaloura, un monte que nos axude a medrar e ser máis humanos. Queremos un mundo rural de novo habitado, onde o neno soñe nos soutos mundos fantásticos e o outono pouse a súa dourada luz nas secas follas, pois o seu abandono foi parello ao abandono da nosa lingua e á perda das nosas raíces culturais e á case que desaparición da nosa cultura de tradición oral.

Denunciamos os usos interesados e a manipulación criminal do monte, que alenta como un dos seres vivos máis antigos e grandes do planeta para regalía nosa.

Denunciamos o agravio amedrentador con que as tramas criminais que prenden lume nos asexan desde a covardía do antefaz das sombras da noite, da miseria humana que só busca facer o máximo dano posíbel, desestabilizar socialmente e coa máxima visibilidade publica.

Queremos mostrar o noso apoio á xente, ao noso pobo, que está a ser sitiado de xeito criminal polo lume e que se está a defender mesmo coa propia vida. Sentímonos orgullosos do noso pobo, que se nega a ser derrotado, que non se sume na impotencia á que nos queren condenar. Quérennos derrotar hoxe para seguir a derrotar un devir de cidadáns libres na construción da nosa historia.

Denunciamos o egoísmo depredador de quen apenas valora o monte en números cadrados e redondos apoiados pola política forestal suicida do pasado, incapaz de mirar mais alá do beneficio económico inmediato.

Denunciamos a quen no pasado non acreditaron no medio rural e impediron a creación de industrias do agro e do gando propias, apoiando o abandono do medio rural.

Apoiamos as novas políticas preventivas. Apioamos as medidas cara unha nova planificación territorial, cara unha nova política forestal, cara á recuperación de condicións dignas para o noso medio rural, cara á incorporación dos mozos e mozas á actividade agrogandeira e forestal, así como a potenciación do carballo, do castiñeiro, da aciñeira, e o novo aproveitamento do toxo, da xesta, da carqueixa, da uz.

Apoiamos e apoiaremos sempre os medios de comunicación que dean unha imaxe de prestixio do noso medio rural cunha lingua e unha cultura de noso. Queremos mandar mensaxes de apoio ás equipas que están a traballar até a extenuación e á nova administración galega que está a traballar honestamente.

Denunciamos a quen está a atacar infraestruturas estratéxicas creando un verdadeiro estado de sitio sobre poboacións e persoas.

Nun momento no que se quere derrotar a sociedade galega, no que se lle quere mandar a mensaxe de que lle retire o seu apoio ao novo goberno lexitimo de Galiza, denunciamos a quen, en situación tan dramática, quere sacar beneficios políticos facendo unha oposición desleal e fraudulenta.

Diante deste terrorismo criminal aplaudimos a unidade das galegas e dos galegos e situámonos ao seu carón como colectivo a prol da defensa do monte, con eles, que novamente demostran estar ao fronte dunha causa xusta: a causa da dignidade do noso pobo.