A Aelg manifesta o seu apoio aos escritores Suso de Toro e Manuel Rivas. Vexa aquí a nota de prensa
7/9/2006

Diante das declaracións do Sr. Fraga Iribarne nun diario estatal, reproducidas logo noutros medios, a Aelg quere pronunciarse en defensa dos escritores Manolo Rivas e Suso de Toro, do seu compromiso ético desde sempre e en momentos fundamentais do noso devir nacional, en defensa das causas que teñen  Galicia  e os/as galegos/as no seu centro.

Estamos orgullosos de que máis unha vez, os escritores Manolo Rivas e Suso de Toro, que son parte fundamental do noso sistema literario, e que son referente internacional da nosa literatura, saíran en defensa dos nosos montes e das persoas que estaban a ser cercadas polo lume e as condutas criminais; de que, como escritores en liberdade, alzasen a súa voz e analizasen a situación tan grave de terrorismo incendiario que estabamos a vivir, e tiraran conclusións que só molestaron aos mesmos que nunca condenaron os incendiarios.

Demandámoslle ao Señor Fraga Iribarne, quen nunca manifestou o máis mínimo arrepentimento de ter sido parte fundamental activa do franquismo máis represor, sendo inimigo público da liberdade de expresión, que se comporte coa dignidade que demandan as súas responsabilidades públicas.

 

O Consello Directivo da Aelg.